A plataforma de afectados rexeita que o xuíz levante a imputación do director de Seguridade da operadora e lembra que a UE dixo que tamén era responsabilidade súa e non só de Adif analizar correctamente o risco da liña
A plataforma de vítimas de Angrois vén de presentar no xulgado un recurso contra o auto emitido o pasado luns polo instrutor do caso no que propuxo dar por rematada a investigación e abrir xuízo contra o maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte. Nese auto o xuíz retirou as imputacións que pesaban sobre un cargo similar de Renfe, Antonio Lanchares, así como outros catro técnicos de nivel inferior de Adif e Ineco. Agora os afectados aseguran que seguen existindo motivos para manter as acusacións contra Lanchares e un dos outros catro técnicos.
O avogado das vítimas lembra no seu recurso que cando hai un ano o xuíz instrutor imputou a Lancharesfíxoo indicando que a responsabilidade de analizar os riscos existentes no AVE Ourense-Santiago non era exclusiva de Adif, motivo polo que o xuíz ratifica agora a acusación contra Cortabitarte, senón tamén de Renfe. Desde aquela, un informe da Axencia Ferroviaria Europea ratificou que efectivamente tamén Renfe debía analizar os riscos da liña, polo que o avogado considera que as probas obtidas desde a imputación de Lanchares ata agora “lonxe de eximilo de responsabilidade, corroboraron a súa responsabilidade nos feitos”. Lanchares deixou o cargo hai tres meses tras reiteradas peticións das vítimas a Fomento.
O letrado das vítimas pide que declare como testemuña un experto da UE cuxos informes estenderon a responsabilidade de analizar os riscos de Angrois tamén a Renfe
As vítimas tamén piden que se manteña a acusación contra Fernando Rebón, subordinado de Cortabitarte en Adif responsable da seguridade no noroeste peninsular, por entender que ao igual que o seu superior, que autorizou a posta en servizo da liña sen analizar correctamente os seus riscos, tamén el debera detectar posteriormente, cos trens xa circulando por ela, o perigo existente na curva de Angrois, como de feito fixo un maquinista de Renfe.
O recurso das vítimas tamén insiste na necesidade de que o xefe do departamento de seguridade da Axencia Ferroviaria Europea, Christopher Carr, ratifique como testemuña na fase de instrución, e non como propón o instrutor cando se produza o xuízo, os informes críticos que emitiu sobre a seguridade da liña Ourense-Santiago. En particular, o letrado insiste en que a declaración do experto comunitario sería relevante para manter a imputación de Lanchares que o xuíz vén de levantar.