"Intentan amedrentar a cidadanía criminalizando a protesta"

Cela (esquerda), cos demais denunciados en rolda de prensa Dominio Público BNG Santiago

Son xa cinco as persoas ás que se lles abriu un procedemento penal por teren participado na protesta contra a troika, co gallo da visita da chanceler Angela Merkel, en Compostela no verán. Aos tres dirixentes do BNG que terán que responder ante os xulgados -o voceiro local en Santiago, Rubén Cela, e os responsables na Coruña, Paulo Carballada, e en Guitiriz, Alfonso Losada- únenselles agora dous da CIG, o secretario confederal de Organización, Paulo Carril, así como Xabier Aboi, secretario nacional de CIG-Mar.

Estes dous últimos veñen de recibir as notificacións da Subdelegación do Goberno na que se lles informa de que se abre un procedemento penal e un expediente sancionador contra eles pola súa participación na manifestación levada a cabo en Compostela o pasado 25 de agosto e que coincidiu coa visita de Merkel á capital galega acompañada do presidente do Executivo central, Mariano Rajoy.

Aos tres dirixentes do BNG que terán que responder no xulgado únesenlles agora dous cargos da CIG

A policía acusa estes dous dirixentes da central sindical nacionalista de ser responsables da organización das protestas, o mesmo cargo que se lle imputa a Rubén Cela, que ademais de afrontar a causa pola vía penal tamén recibiu unha notificación da apertura dun expediente administrativo sancionador da mesma Subdelegación do Goberno da Coruña que lle podería supor unha multa de 300 euros.

Rubén Cela lembra a xornada e asegura que o único que fixeron foi "levar a cabo unha mostra simbólica e pacífica de resposta ás políticas da troika". Ademais, lembra que había "colectivos moi diferentes" na mobilización, nos que se incluían "emigrantes retornados, preferentistas ou despedidos de Citroën" e xente moi maior. "Se a tranquilidade se alterou foi por unha actuación desafortunada e desproporcionada da policía", di.

Rubén Cela insiste en que a tranquilidade da protesta "foi alterada por unha actuación desproporcionada da policía"

Xa naquela xornada, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendera a actuación policial, algo que con máis vehemencia asegurara Samuel Juárez, daquela delegado do Goberno, que non aforrara críticas para a CIG, o BNG e AGE mentres que defendía a actuación dos antidisturbios que, dixera, se limitaron a "facer o seu traballo" e "defenderse" cunha carga policial na que, entre outros, resultou ferido Rubén Cela. "Tentaron traspasar o cordón policial pola forza e a Policía tivo que defenderse desa agresión e desa violencia", resolveu, ao tempo que acusaba os convocantes de "incitar á violencia".

"Xa son cinco os encausados por protestar contra as políticas de Merkel e Rajoy. O/A seguinte podes ser ti", difunde polas redes sociais o BNG, que considera esta vaga de sancións e causas penais unha estratexia do Goberno e do PP para amedrentar a protesta e o propio nacionalismo. O seu voceiro nacional, Xavier Vence, chegou a falar de "incriminacións policiais falsas para aterrorizar a cidadanía". O caso é que as acusacións que os axentes fan sobre algúns dos supostos implicados son ben graves. O atestado acusa a Carballada de terlle quitado a pistola a un policía e a Losada de ter agredido a outro axente cravándolle un obxecto que lle causou unha ferida.

O BNG pregúntase como non houbo detencións aquel día e lembra que a xustiza xa acusou a policía de mudar a súa versión para culpar a Jorquera na Coruña

"As acusacións son moi graves e o proceso dá que pensar", reitera Rubén Cela, que se pregunta "como pode ser" que o día da protesta "non houbese identificados nin detidos se os feitos foron de tal gravidade como din". "Isto soa mal e soa moito a casos como os de Jorquera na Coruña", insiste.

As queixas de Cela, de Vence e do BNG aluden a outros casos anteriores, como o que lle ocorrera ao portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, tras participar nas mobilizacións para deter o desafiuzamento da anciá Aurelia Rey na Coruña. Daquela, e tras presentar un recurso á sanción da Subdelegación do Goberno, a xustiza concluíra que a policía mudou a súa versión para acusar o político nacionalista e o maxistrado aclaraba incluso que non atopaba "unha explicación clara, coherente e crible" da razón pola que o deputado do BNG fora denunciado mes e medio depois malia non ser incluído antes no atestado policial.

O xuíz condenara a Subdelegación do Goberno por "vulnerar os dereitos fundamentais" de Jorquera, algo que tamén denunciara o bombeiro Roberto Rivas, a quen non obstante a xustiza rexeitou o seu recurso e acabou por confirmar a súa sanción. "Converten os agredidos en agresores porque eu aquel día levei un bo golpe e meses despois atópome con isto", insiste Cela, que ve no fondo "un intento de amedrentar e intimidar a cidadanía criminalizando este tipo de protestas sociais e aplicando un castigo exemplarizante para que a xente o pense dúas veces". "Se iso é o que buscan co BNG, non o van conseguir; neste contexto actual, mobilizarse é maís importante ca nunca", insiste.

 

Piden cadea para un activista de Coia

Por outra banda, Xurxo, un actividas da Asemblea Aberta de Coia enfróntase a unha petición de cadea por un suposto delito de "atentado á atutoridade" e "agresións" tras participar o pasado mércores nunha nova protesta contra a instalación do barco de Alfageme na rotonda do barrio. Neste xoves prestou declaración ante o xuíz nun proceso que finalizará o próximo mes.

A Fiscalía tería solicitado tres anos de prisión para este veciño ao que a policía acusa de agredir un axente, prestuna acción pola que foi detido.

Protesta do BNG polas causas abertas contra cinco dirixentes nacionalistas Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.