As manobras de Fomento ante a UE, unha máis das múltiples ocultacións de documentos na investigación de Angrois

Vítimas de Angrois ante os xulgados de Santiago nunha imaxe de arquivo © Plataforma Víctimas Alvia

Tras o accidente, a daquela ministra Ana Pastor prometeu colaboración coa xustiza, pero ás poucas semanas Adif xa amosaba as súas reticencias e Renfe tivo que ser apercibida varias veces por non enviar ao xulgado documentos relevantes

As manobras de Fomento en 2016 en defensa da versión oficial de que o maquinista fora o responsable do accidente de Angrois, desveladas este luns por Praza.gal e infoLibre a partir de documentación interna do ministerio, non son o único intento de ocultación ou demora de información relevante sobre o sinistro por parte de distintos departamentos ou empresas públicas do Goberno de España. Tras o accidente, a daquela ministra Ana Pastor prometeu colaboración coa xustiza, pero ás poucas semanas Adif xa amosaba as súas reticencias e Renfe tivo que ser apercibida varias veces nestes anos por non enviar ao xulgado documentos significativos para a investigación.

Se as manobras agora coñecidas da primavera de 2016 ante a UE perseguían que a Axencia Ferroviaria Europa non fixese público, rebaixase ou demorase un informe crítico con como o ministerio investigara tecnicamente o sinistro e atribuíra a responsabilidade só ao maquinista, noutras ocasións os obstáculos demoraron a instrución xudicial das 80 mortes, xa rematada pero aínda pendente dun xuízo cuxa data de celebración se estima para este ano, nove anos despois do accidente. No banco sentarán non só o maquinista do tren Alvia que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois senón tamén un ex-cargo de Adif acusado de non habilitar medidas que evitasen ou paliasen o previsible erro humano do primeiro.

Apercibimento do xuíz a Renfe en 2014 pola súa demora en entregar documentación que lle reclamara xa en dúas ocasións CC-BY-SA Praza Pública

Tras o descarrilamento do 24 de xullo de 2013 a daquela ministra de Fomento, a popular Ana Pastor, prometeu toda a colaboración coa xustiza para esclarecer os feitos. Un chamamento que reiterou só unhas semanas despois, tras as iniciais reticencias de Adif a informar ao xulgado dos nomes e cargos dos responsables do seu departamento de seguridade. En decembro o propio xulgado reprochaba xa a Adif que non o informase como lle pedía dos criterios que seguira para non sinalizar mellor a curva de Angrois.

Naquel mesmo decembro de 2013 tamén a dirección de Renfe, tras ser coñecedora de que un ano e medio antes do sinistro un maquinista xa alertara por escrito do risco dun accidente na curva de Angrois como o que acabou ocorrendo, non informou deses feitos ao xuíz ata que os desvelou o avogado do condutor do Alvia máis dun mes máis tarde, en xaneiro de 2014. O argumento que deu a empresa pública cando o instrutor se enterou e lle esixiu que en menos de tres días lle comunicase o que sabía ao respecto desde un mes e medio antes foi que durante ese tempo estivera facendo unha investigación interna antes de revelar a existencia desa alerta previa. Segundo o xuíz, tivera “tempo máis que de sobra”.

A Avogacía do Estado acusou ao primeiro xuíz instrutor de pretender unha "inquisición xeral" para non entregarlle documentación que tivo que acabar facilitándolle días despois

Tamén en xaneiro de 2014 Adif entregou ao xuíz un listado coas 324 viaxes de probas realizadas antes da posta en servizo comercial da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro. Pero nin facilitou todos os datos que reclamara o xuíz sobre esas viaxes nin aparecían no listado dúas, en ambos os dous sentidos, realizadas oito días antes da inauguración para mostrar a liña aos xornalistas.

En febreiro dese mesmo ano Adif informou ao xuíz de que non conservaba nos seus arquivos un documento de 1991 que o instrutor lle reclamaba. E en marzo a Avogacía do Estado, que actúa na causa xudicial en defensa de Adif, acusou ao daquela primeiro xuíz instrutor do caso, Luis Aláez, de pretender unha “inquisición xeral” do sistema ferroviario e recorreu para non ter que entregarlle documentación que este lle reclamara. Tivo que acabar facilitándolla varios días despois.

Escrito de Adif dicindo en 2016 que “omitira por erro” durante máis de tres anos “documentos relevantes” CC-BY-SA Praza Pública

Un ano máis tarde, en febreiro de 2015, Renfe sería apercibida “de desobediencia” polo xuíz despois de sete meses sen recibir información que lle pedira xa en dúas ocasións sobre as probas psicofísicas que debera pasar o maquinista do Alvia. Outro ano despois, en maio de 2016, no auto co que a Audiencia da Coruña pediu ao xuíz que seguise investigando o caso e pescudase en particular como se fixera a análise de riscos da curva de Angrois, o tribunal salientaba que “non toda a documentación relativa á xestión de riscos ten sido aportada” á causa por parte de Adif. Aquela investigación sobre a análise e xestión de riscos acabou derivando na acusación contra o ex-cargo de Adif que agora tamén será xulgado.

En outubro de 2016, máis de tres anos despois do accidente, a propia Adif entregaba no xulgado “documentos relevantes”, como os cualificaba ela mesma, dos que dicía que “omitira por erro” enviar durante todo aquel tempo. E posteriormente aínda terían que ser as vítimas e o avogado do maquinista os que, en xaneiro de 2018, presentasen no xulgado actas internas de Adif non facilitadas antes pola empresa pública nas que varios cargos debatían sobre a necesidade ou non de avaliar mellor os riscos da curva de Angrois.

Durante todo este tempo, e á espera do que resulte do xuízo previsto para este ano, a versión oficial que fixo responsable do accidente ao maquinista e que Fomento tentou defender ante a UE, xa foi posta en dúbida no eido xudicial por sete xuíces e un fiscal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.