Campus das tres universidades galegas celebran este mércores referendos sobre a monarquía

Un cartel anima a votar no referendo na USC © @referendoU

En varios campus das tres universidades galegas celebraranse este mércores referendos sobre a monarquía, uníndose así á vaga de consultas que se están a organizar en todo o Estado e que se levaron a cabo xa en diferentes puntos. Estudantes e persoal universitario da Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago están convocados a votacións como a xa celebrada en Vigo, onde case 1.600 persoas participaron, optando máis do 90% delas pola República

Os campus da Coruña, Santiago, Ferrol e Ourense únense á vaga de consultas organizadas no Estado e á xa celebrada na Universidade de Vigo

“Cremos que chegou a hora de decidilo todo”, coincide en sinalar o estudantado impulsor dunhas consultas que se organizaron “de forma asemblearia e aberta” nos catro campus e que implicou tanto xente achegada a organizacións estudantís como independente. 

Están chamados a votar nos catro referendos tanto o alumnado como PDI (persoal docente e investigador) e PAS (persoal de administración e servizos) nunhas consultas sobre a monarquía con preguntas semellantes nos catro casos pero non idénticas.

Alumnado votando no referendo sobre a monarquía na Universidade de Vigo © UVigo

No caso da USC, será unha única a cuestión a que terán que responder os participantes (Está a favor de abolir a monarquía e impulsar procesos constituíntes que cristalicen en República?), ao igual que no campus de Ourense da Universidade de Vigo (Está a favor de abolir a Monarquía como forma de Estado e instaurar unha República que abra procesos constituíntes?).

Todas as papeletas das diferentes consultas preguntan pola abolición da monarquía, a instauración da república e a apertura de procesos constituíntes

Na UDC, tanto no campus coruñés como no de Ferrol, serán dúas as preguntas nas papeletas. A primeira delas coincide: Estás a favor de abolir a monarquía? No caso de resposta afirmativa, na Coruña os participantes responderán sobre se están a favor de instaurar unha república a través da apertura dunha serie de procesos constituíntes, mentres que na localidade ferrolá a cuestión é se están a favor da apertura de procesos constituíntes para decidir o modelo de República?

“Nun momento de repregamento autoritario do réxime do 78, fundamentado en parte nunha monarquía herdada da dictadura, a reivindicación da democracia no seu máis amplo sentido é unha cuestión de suma importancia para as clases populares”, explican os organizadores do referendo, simbólico como o resto, no campus da Universidade da Coruña (UDC). 

“Reivindícase o dereito non só a decidir a xefatura do Estado, senón a abrir un proceso constituínte no que se poidan debater todo tipo de cuestións”, din os estudantes organizadores na USC. 

"Non entendemos a República como ausencia de rei, senón como un proxecto de democratización total no nacional e no social, onde o pobo galego e os demais pobos do Estado decidan que queren ser e como materializalo", engaden desde a UDC.
 

“Reivindícase o dereito non só a decidir a xefatura do Estado, senón a abrir un proceso constituínte”

En Compostela poderase votar nas facultades de Comunicación, Filoloxía, Económicas e Maxisterio, no campus Norte; nas de Políticas, Matemáticas, Psicoloxía, Física e na Biblioteca Concepción Arenal, no campus Sur;  así como na de Historia, Filosofía e Medicina.

Na Coruña, entre as 10 e as 18 horas, as urnas estarán situadas nas facultades de Ciencias da Educación, Dereito, Socioloxía, Informática, Camiños, Económicas, Arquitectura, Ciencias, Filoloxia e INEF. En Ferrol, a votación levarase a cabo de 10 a 20 horas na entrada da Facultade de Humanidades en Esteiro, mentres que en Ouense, desde ás 9 da mañá, na entrada da Facultade de Empresariais e Turismo e na planta baixa do Edificio de Ferro. 

Máis de 14.000 persoas participaron xa nos referendos en catro universidades do Estado

A iniciativa naceu na Universidad Autónoma de Madrid, que xa celebrou a súa consulta o pasado 29 de novembro con máis de 7.000 votos, unha participación que practicamente duplicou a das eleccións ao reitorado na mesma institución. En total, máis de 25 universidades públicas organizaron ou xa celebraron as consultas sobre a monarquía. Polo momento, ademais de na UAM e na Carlos III de Madrid e en VIgo, tamén houbo votacións en Terrassa. En total, xa participaron máis de 14.300 persoas nestas consultas simbólicas, cunha vitoria arrasadora da opción republicana en todos os casos. 

Pregunta na papeleta do referendo do campus de Ourense da Universidade de Vigo © @referendoOU

Por outra banda, o vindeiro venres, representantes do estudantado impulsor de todos estes referendos nas universidades galegas reuniranse para "reflexionar e facer unha avaliación" das consultas "diante da sociedade galega", ademais de ofrecer unha rolda de prensa. 

O seu obxectivo é, segundo din, "facer unha valoración conxunta, tecer rede entre todas as partes activas no proceso e trazar o seguinte paso a dar para avanzar no cuestionamento das estruturas que sustentan o caduco réxime do 78"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.