Das críticas á política “postureo” cando deixou a Xunta e o PP en 2019 a enfrontarse ao irmán alcalde: Durán contra Durán en Vilanova

Rueda en 2017 cos irmáns Gonzalo e José Juan Durán, respectivamente alcalde e daquela presidente de Portos de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia de 2011 a 2019 e home forte do partido no Salnés, destituído por Feijóo por “perda de confianza política”, enfróntase nas municipais ao seu irmán Gonzalo, rexedor de Vilanova co PP desde 1995

En Vilanova de Arousa é alcalde desde 1995 polo PP con maioría absoluta Gonzalo Durán. O seu irmán José Juan Durán, home forte do partido no Salnés e Arousa durante anos, foi vicepresidente de Rafael Louzán na Deputación de Pontevedra de 2003 a 2011, e despois e ata 2019 presidente de Portos de Galicia. Pero nese ano deixou tanto ese ente público da Xunta como o PP polo que el mesmo definiu como “perda de confianza política do presidente Feijóo”. A súa saída acompañouna de todo tipo de críticas en Twitter contra a política “postureo”, as “lealdades mal entendidas” ou os líderes que viven en “mundos paralelos”. E agora tentará quitar a alcaldía ao seu irmán cun novo partido político, Renova Vilanova de Arousa.

Chíos de José Juan Durán tras deixar Portos de Galicia e o PP en 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Se Gonzalo Durán ten no seu haber unha condena xudicial firme por chamar “chacha para todo” á presidenta da Deputación, a socialista Carmela Silva, o seu irmán non quedou corto coas críticas que lanzou en 2019 tras a súa saída de Portos de Galicia e o PP. José Juan Durán foi cesado do ente público no Consello da Xunta presidido por Feijóo do 11 de xullo daquel ano, e o 31 dese mesmo mes informou de que tamén viña de presentar a dimisión de todos os seus cargos no partido a Alfonso Rueda, daquela presidente provincial, co comentario de que “a perda de confianza política do Presidente Feijóo” era “a razón fundamental”.

Tras deixar Portos e o PP en 2019 Durán cargou contra "líderes aos que lles gusta que lles pinten as cousas ‘color de rosa’” e viven en “mundos paralelos”, pero rexeitou confirmar ou desmentir que se referise a cargos populares

A partir dese momento comezou unha longa sucesión de comentarios diarios na súa conta de Twitter nos que non identificou a persoa ou persoas destinatarias dos mesmos. Foron publicacións que cargaron cotra a “soberbia”, a política “postureo” ou a “política frigorífico”, como denominou aos intentos de silenciar conflitos para tentar arrefrialos ante a opinión pública. Tamén dixo que “o tacticismo perverte a solidez dos discursos políticos”, que “hai líderes aos que lles gusta que lles pinten as cousas ‘color de rosa’” e se rodean de “lealdades mal entendidas” que lle ocultan “a realidade das cousas” e o fan vivir “nunha situación virtual” ou en “mundos paralelos”.

José Juan Durán, en primeiro termo, con Feijóo e a conselleira do Mar cando o primeiro era presidente de Portos de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Naquel momento Praza.gal contactou con José Juan Durán para ofrecerlle a posibilidade de explicar ou contextualizar os seus chíos pero o político rexeitouno, mesmo cando se lle fixo ver que naquel momento, tras a súa saída da Xunta e do PP, eran facilmente interpretables como comentarios críticos aos dirixentes dese partido, o que non desmentiu. Outras fontes próximas ao político explicaron a súa saída da Xunta e do PP polo conflito que se producira nos meses previos por un proxecto de dragaxe na ría de Pontevedra promovido por Portos no que os lodos ían ser vertidos nas proximidades da illa de Sálvora. Iso supuxo protestas xeralizadas en toda a ría de Arousa, tamén en concellos controlados polo PP, e o grupo parlamentario popular mesmo apoiou unha iniciativa de En Marea que reclamou a Portos unha alternativa.

Fontes próximas a Juan José Durán interpretaron a súa saída de Portos en 2019 polo conflito pola vertedura de lodos dunha dragaxe nas proximidades da illa de Sálvora

Aquela crise mobilizou a varios conselleiros e altos cargos do partido e Durán, segundo as fontes consultadas, quedou doído porque considerou que non o respaldaran nin explicaran adecuadamente as súas decisións, que non serían a vertedura en Sálvora senón só a dragaxe previa en Pontevedra. Esas mesmas fontes interpretan que tras o seu cesamento en Portos o 11 de xullo Durán mantívose en silencio ata que deixou tamén o PP o 31 daquel mes porque o partido non o recolocou noutro posto e abocouno ao paro “tras toda unha vida entregado ao partido”.

Agora José Juan Durán vén de rexistrar, con data do pasado 7 de febreiro, o partido Renova Vilanova de Arousa. Faino ao tempo que vén publicando artigos de opinión moi críticos coa xestión municipal do goberno local do seu irmán Gonzalo.

Chíos de José Juan Durán tras deixar Portos de Galicia e o PP en 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.