Condena firme da xustiza ao alcalde do PP que chamou á presidenta da Deputación de Pontevedra "chacha para todo"

O alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, nunha imaxe de arquivo © Concello de Vilanova de Arousa

A Audiencia de Pontevedra considera que os ataques do edil do PP a Carmela Silva obedecen á súa condición de muller e o deputado Carlos Font pide ao PP que aparte a Gonzalo Durán

A Audiencia Provincial de Pontevedra ratifica integramente a sentenza do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra que condena ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, polas súas manifestacións machistas contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. 

A resolución da Audiencia Provincial, que é firme e contra a que non caben recursos, deixa claro que os ataques do edil do Partido Popular á presidenta provincial obedecen ao feito da súa condición de muller "o que non pode ser amparado polo dereito á liberdade de expresión". En concreto, Durán referiuse así ao ente provincial e á súa presidenta: "Un órgano político gobernado polo Concello de Vigo, polo ancián Abel Caballero e a súa chacha para todo, que é Carmela Silva".

Carmela Silva (quinta pola esq.) no encontro da Escola María Vinyals CC-BY-SA Deputación de Pontevedra

A sentenza recollle que as declaracións do edil do PP afectan 'ao exercicio da profesión dunha funcionaria pública' e lesionan 'o honor' de Silva

A sentenza de xuño de 2021, que este venres confirmou a Audiencia Provincial, condena a Gonzalo Durán como responsable dun delito de falta de respecto e consideración debida á autoridade, cunha pena dun mes de multa diaria de 12 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria en caso de impago dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non pagadas, ademais do pago das costas do procedemento inciado pola Deputación de Pontevedra. 

A sección 2ª da Audiencia Provincial afirma na resolución coa que desestima o recurso de apelación interposto polo alcalde de Vilanova de Arousa que "as manifestacións vertidas polo recorrente non versan sobre un feito de interés público, senón máis ben é un xuízo de valor (máis ben de desvalor) atinente á condición de muller da presidenta da Exma. Diputación de Pontevedra, que afecta ao exercicio da profesión dunha funcionaria pública e que lesiona o honor da perxudicada".

Na resolución afírmase que as manifestacións xulgadas teñen un 'significado ofensivo ou vexatorio, claramente sexista e machista'

Así mesmo, a resolución da Audiencia de Pontevedra considera que a frase en cuestión contén "expresións, palabras ou términos desproporcionados" que relaciona cun "significado ofensivo ou vexatorio, claramente sexista e machista, en si mesmos considerados e desconectados do exercicio de liberdade de expresión constitucionalmente establecido". No escrito xudicial tamén se cita a doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que lembra que "en ningún caso os insultos quedan amparados pola liberdade de expresión".

O deputado provincial Carlos Font trasladou este venres "a satisfacción do goberno da Deputación por esta sentenza que marca un antes e un despois e fixa o camiño de forma clara para aqueles que seguen subidos no carro do machismo máis rancio e da descualificación permanente". Neste sentido, Font esixiu á dirección do PP que aparte a Gonzalo Durán do partido. "Non teñen outro remedio, xa non poden aprazar a decisión por máis tempo", aseverou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.