A ría de Arousa mobilízase contra o vertido de 330.000 metros cúbicos de lodos en Sálvora, autorizado por Portos

Illa de Sálvora © Ruta dos Faros

Confrarías, partidos políticos a a PDRA posicionáronse publicamente contra o proxecto

Hai uns días Portos de Galicia autorizou o proxecto para a descarga de 330.000 metros cúbicos de lodos procedentes da futura dragaxe da Ría de Pontevedra nun espazo situado a dúas millas da Illa de Sálvora. A decisión do organismo dependente da Consellería do Mar foi de inmediato recibida con críticas de partidos políticos, entidades ecoloxistas, confrarías e da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). A Illa de Sálvora (Concello de Ribeira) forma parte do Parque Nacional de las Illas Atlánticas e, ademais, sinálase o prexuízo que estes residuos poderían provocar aos bancos marisqueiros da Ría de Arousa, a máis rica de Europa.

Os lodos ían ser depositados nun comezo nas proximidades da Illa de Tambo, pero a protesta das confrarías da Ría de Pontevedra fixo que Portos de Galicia optase por trasladar o problema a Sálvora. Alí existe dende hai tempo un punto de vertidos que xa fora denunciado noutras ocasións e no que hai uns anos se acumulara xa unha montaña de residuos de máis de 20 metros. A autorización da entidade dependente da Consellería do Mar necesita aínda o visto bo da Consellería de Medio Ambiente.

A autorización de Portos de Galicia necesita aínda o visto bo da Consellería de Medio Ambiente

O pasado venres os patróns maiores da Ría de Arousa, encabezados polas confrarías de Ribeira e Aguiño, posicionáronse publicamente contra o proxecto de vertido e anunciaron que este martes manterían unha xuntanza coa conselleira do Mar, Rosa Quintana. As confrarías amósanse moi críticas co feito de que Portos de Galicia autorizara esta operación sen consultar co sector e nin sequera informalos previamente. Esta fin de semana a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) pronunciouse en contra do depósito de lodos, iniciando a organización e os movementos para deter o proxecto. 

Porto de Ribeira e, ao fondo, a Illa de Sálvora CC-BY-SA Appleando

O vertido produciríase na mesma canle de entrada da ría, por onde penetra unha corrente oceánica fundamental para asegurar a riqueza biolóxica de Arousa

A PDRA e as confrarías da ría advirten de que o problema non é novo, pois o vertido produciríase nun punto que vén sendo utilizado dende hai 30 anos para depositar este tipo de residuos. Este lugar acumula xa cinco millóns de metros cúbicos de sedimentos e atópase na mesma canle de entrada da ría, un espazo polo que penetra unha corrente oceánica que é fundamental para asegurar a riqueza biolóxica da Ría de Arousa.

Xaquín Rubido, presidente da PDRA, subliña que a actual montaña de sedimentos xa está a provocar problemas na ría, en parte porque parte dos residuos quedan na superficie, enturbando as augas. Advirte, ademais, de que os depósitos procedentes da Ría de Pontevedra serían moito máis grandes e producirían un prexuízo maior, alertando así mesmo da posible presenza de elementos contaminantes, dada a orixe urbana e industrial dos lodos que se guindarían na contorna de Sálvora. A PDRA convocou unha xuntanza monográfica para a tarde deste luns en Carril, na que as entidades que conforman a plataforma, procedentes de todas as beiras da ría, tratarán a cuestión e a posible convocatoria de mobilizacións.

 

A Xunta pide que "non se alarme" e di que aínda non decidiu nada

A Xunta está a verificar "a posibilidade de verter en puntos situados fóra da ría e xa autorizados en ocasións anteriores", pero di que aínda non adoptou a decisión definitiva

O Goberno galego pediu este luns "que non se alarme de xeito inxustificado sobre esta actuación", afirmando que aínda non se adoptou unha decisión definitiva "á espera dos informes encargados para o seu deseño". A Consellería do Mar asegura que mantén o seu "compromiso de avanzar na dragaxe da ría de Pontevedra" e que está a facer "as xestións precisas para atopar a mellor solución posible sen prexudicar ao sector pesqueiro e marisqueiro da zona". 

A Xunta afirma que decidiu cambiar o punto de vertido dos residuos do Lérez "tras comprobar que este asunto, o do punto de vertido, era o principal problema que bloqueaba o proxecto". O Executivo sinala que "ante esta situación, estase a verificar a posibilidade de verter en puntos situados fóra da ría e xa autorizados en ocasións anteriores co obxectivo de axilizar a tramitación", sinala en referencia á contorna da Illa de Sálvora. "Non obstante, non hai ningún punto elixido, como se está a dicir, senón que é algo que se está a estudar", engade.

 

Oposición política

"Non parece razoable que se rexeitase Tambo polo impacto que suporía para o seu entorno e a súa produción marisqueira, e a solución sexa depositalos na ría mais produtiva do mundo"

En Ribeira o BNG cualifica o proxecto de "atentado ambiental e económico" e sinala que a Consellería do Mar busca "converter Sálvora nun vertedoiro". De igual xeito, Suma Ribeira anuncia a súa "oposición activa" aos vertidos. Para o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, o anuncio do vertido dos lodos na foxa de Sálvora "crea un problema onde non o hai" e, ademais, non achega a realización da necesaria dragaxe da Ría de Pontevedra: “a Xunta busca escusas e lanza globos sonda para xustificar unha nova paralización do proxecto”, di. 

Mentres, para os deputados de En Marea Paula Quinteiro, Flora Miranda e Marcos Cal, "non parece razoable que se rexeitase Tambo, polo impacto que suporía para o seu entorno e a súa produción marisqueira, e a solución sexa depositalos na ría mais produtiva do mundo". Os tres parlamentarios reclaman "unha alternativa a Sálvora" para o depósito de lodos procedentes do Lérez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.