O Parlamento pide "alternativas" a Sálvora para os lodos do Lérez pero a Xunta aposta por depositalos no mar

Porto de Ribeira e Illa de Sálvora, ao fondo CC-BY-SA Appleando

O PP aceptou reclamarlle á Xunta que "se garanta que non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa”

O Parlamento galego aprobou este mércores unha proposta de En Marea, transaccionada cunha emenda do PP, que lle demanda á Xunta "a elaboración, conforme á normativa vixente e ás directrices existentes a respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito dos lodos procedentes do dragado do Lérez", de tal forma que "se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, nomeadamente a ría de Arousa”.

A proposta respondía á polémica xerada pola posibilidade de que os materiais que se extraian da futura dragaxe da Ría de Pontevedra puidesen ser depositados na bocana da Ría de Arousa, nun punto de vertido legal existente nas proximidades da Illa de Sálvora dende os anos 90, e que tamén vén espertando críticas de confrarías, asociacións ecoloxistas e partidos. O deputado popular Jacobo Moreira aceptou apoiar a proposición presentada, aínda que criticou que "hai voces interesadas que continuamente buscan xerar alarma no sector do mar" e negou que estes materiais procedentes da Ría de Pontevedra sexan contaminantes.

Rosa Quintana defendeu que "o que se extraia do mar ten que volver ao mar"

Isto foi pola mañá, porque pola tarde, na mesma sesión do pleno do Parlamento, a Conselleira do Mar Rosa Quintana defendeu que "o que se extraia do mar ten que volver ao mar" e ante as críticas dos grupos da oposición pola posibilidade de que a area que se extraia da Ría de Pontevedra remate na Ría de Arousa ou nalgunha outra das rías do país, preguntou "queren vostedes que máis de 4000 camións circulen polo centro de Pontevedra?", subliñando que a única posibilidade que contempla é depositalos nalgunha localización no mar.

Punto de vertido autorizado a dúas millas de Sálvora © Google

Quintana reafirmouse en que "non hai contaminación neses áridos" e que "cumpren coa normativa comunitaria". Ademais, foi moi crítica coas denuncias sobre o punto de vertido situado preto da Illa de Sálvora: "Este goberno considera que non existe un depósito de residuos sen control na bocana da Ría de Arousa", dixo, engadindo que "non hai residuos como tales pois os materiais de dragaxe non son considerados residuos, nin hai falta de control", sinalando que o punto de vertido cumpre con todos os requisitos legais e, ademais, está sometido a seguimento e análise.

PSdeG, En Marea e BNG reafirmáronse na perigosidade dos materiais extraídos do Lérez e pediron que non se pase o problema "dunhas rías a outras"

Os grupos da oposición mantiveron a súa oposición á posibilidade de que os restos da dragaxe da Ría de Pontevedra rematen na Ría de Arousa, afirmando Montse Prado (BNG) que eses materiais "non son inocuos". Ou sinalando Patricia Vilán (PSdeG) que "superan os límites permitidos en metais pesados nalgúns casos". Mentres, Marcos Cal (En Marea) dixo que "o que a Xunta recoñece que é prexudicial para a Ría de Pontevedra non pode ser enviado á Ría de Arousa" e pediu "alternativas que non supoñan pasar os problemas dunhas rías a outras".

Pola súa banda, Jabobo Moreira recoñeceu que o punto de vertido en Sálvora se atopa nunha zona ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves), pero minimizou a súa importancia polo feito de teren sido depositados xa no pasado importantes cantidades de materiais procedentes de dragaxes e outras actuacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.