A illa de Sálvora, un punto de vertido de residuos criticado dende hai 15 anos

Porto de Ribeira e Illa de Sálvora, ao fondo CC-BY-SA Appleando

Nos últimos días a Ría de Arousa está a mobilizarse contra a posibilidade de que a Xunta escolla as proximidades da Illa de Sálvora como destino dos 330.000 metros cúbicos de lodos que se extraian da dragaxe da Ría de Pontevedra. Un dos lugares que o Goberno galego está a barallar é este punto de vertido legal, autorizado no ano 1998 pola Dirección Xeral de Costas, situado a dúas millas da illa, en plena bocana da Ría de Arousa.

Hai agora 15 anos a PDRA mobilizárase para denunciar o vertido de 1.336.000 metros cúbicos de lodos procedentes das obras de dragaxe do porto de Vilagarcía

Dende aquel ano 1998 deitáronse neste lugar máis de 5 millóns de metros cúbicos de residuos e a situación foi denunciada por grupos ecoloxistas, confrarías e colectivos de mariscadores e pescadores e, de forma particular, pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). Este martes a PDRA reclamou non só que a Xunta descarte este lugar como destino final dos lodos da Ría de Pontevedra, senón que tamén lle solicitou á Delegación do Goberno que o Executivo central a "clausura inmediata" deste punto de vertido. Ademais, demanda coñecer os estudos de seguimento, se os houber, realizados para medir os posibles prexuízos provocados polos residuos alí depositados.

Hai agora 15 anos a PDRA mobilizárase para denunciar o vertido de 1.336.000 metros cúbicos de lodos procedentes das obras de dragaxe realizada no porto de Vilagarcía de Arousa. Naquel momento, a plataforma presentara dous escritos ante o Ministerio de Medio Ambiente para esixir "a paralización do vertido de sedimentos substituíndoo polo seu confinamento e estabilización en terra nun vertedoiro que cumpra a normativa" e tamén "unha avaliación urxente do impacto que é susceptible de causar a consecuente mobilización de sedimentos nunha zona de tan importante riqueza ecolóxica, marisqueira e pesqueira".

As cautelas que a PDRA esixía nese momento estaban relacionadas co posible prexuízo que o vertido podía provocar á riqueza biolóxica da ría de Arousa, unha das máis ricas e produtivas do mundo, onde por exemplo o ano pasado se recolleron o 70% dos mexillóns de toda Galicia (e o 66% dos producidos en toda España), cun valor de 78 millóns de euros. 

A entidade pedía o estudo "dos efectos da resuspensión" da abundante materia orgánica dos lodos e da súa incidencia sobre as mareas vermellas

A entidade sinalaba que "o pequeno tamaño das partículas e o seu escaso peso facilitan a súa ampla dispersión polas correntes mariñas, posibilitándose que entren na ría". Así mesmo, denunciaba nese momento que a propia Declaración de Impacto Ambiental das obras de dragaxe "recoñece que os 1.336.000 metros cúbicos de lodos presentan unhas porcentaxes de materia orgánica relativamente altos, polo que o seu resuspensión na boca da ría favorece os procesos biolóxicos das chamadas mareas vermellas".

A PDRA solicitaba neste senso "unha avaliación ecotoxicológica dos sedimentos, mediante probas de toxicidade con larvas de invertebrados mariños; o estudo en laboratorio dos potenciais efectos nocivos sobre os recursos pesqueiros e marisqueiros de relevancia da zona" e tamén "o estudo dos efectos da resuspensión da abundante materia orgánica dos lodos sobre a incidencia das mareas vermellas". 

Punto de vertido autorizado a dúas millas de Sálvora © Google

A Dirección Xeral de Costas respondera afirmando que non era un asunto da súa competencia e o vertido realizouse

Así mesmo, a PDRA lembraba que o punto de vertido legal estaba situado entre dúas das illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas. E subliñaba que o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) do Parque reclama "a protección fronte aos impactos producidos polo fondeo e a acumulación de refugallos (...) e con iso a conservación das máis de 200 especies de algas, os numerosos invertebrados asociados, así como da gran cantidade de peces" que se alimentan ou se refuxian nestas augas.

Porén, nese momento a Dirección Xeral de Costas respondera afirmando que o vertido non era un asunto da súa competencia e o vertido realizouse sen que o Goberno central atendese á demanda da PDRA para que se avaliase a presenza das especies responsables das mareas vermellas. Así mesmo, a entidade manifestou a súa alarma polas elevadas cantidades de cadmio entre os materiais vertidos. 

A PDRA cuestionaba a escolla deste lugar (tanto pola proximidade a un Parque Nacional como pola súa situación de porta da Ría de Arousa) para a súa utilización como vertedoiro de áridos e lodos

E, sobre todo, puxo en cuestión a idoneidade deste lugar -tanto pola proximidade a un Parque Nacional como pola súa situación de porta á Ría de Arousa- para a súa utilización como vertedoiro de áridos e lodos. A PDRA lembraba as recomendación do Convenio OSPAR para seleccionar o lugar do mar onde realizar vertidos. Este instrumento internacional subliñaba que se debía ter en conta a "proximidade a áreas de importancia biolóxica", a "zonas de actividade extractiva" e a "zonas de cría" e que se debía "determinar o destino probable e os efectos do material vertido" e realizar unha "coidadosa avaliación" para "determinar os procesos ambientais que poden dominar o transporte do material lonxe do lugar da vertedura ao mar".

 

Pregunta de Galicia en Común no Congreso

Yolanda Díaz, deputada de Galicia en Común no Congreso presentou unha pregunta escrita, dirixida ao Goberno central, relativa á posibilidade de que a Xunta autorice a descarga n a contorna da Illa de Sálvora dos lodos procedentes da Ría de Pontevedra. No texto, interrógase sobre se o Executivo ten coñecemento do "forte impacto medioambiental" e para os bancos marisqueiros que tería o depósito destes materiais. Pregunta tamén sobre se o Patronato do Parque Nacional das Illas Atlánticas foi consultado sobre a posible elección deste punto para a realización do vertido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.