Antón Gómez-Reino converteuse no novo secretario xeral de Podemos Galicia. O actual portavoz de En Marea no Congreso impúxose co 55% dos votos a Carolina Bescansa nas primarias desenvolvidas durante os últimos días e no que participaron un total de 3.169 inscritos e inscritas da formación morada no país. A cifra é semellante á do anterior proceso de renovación da dirección, a que saíra elixida Carmen Santos, que será substituída polo deputado coruñés á fronte do partido.
Gómez-Reino imponse a Carolina Bescansa cun 55% dos votos nun proceso cunha participación semellante á das anteriores primarias
Daquela, hai ano e medio, votaran 3.223 persoas, sobre un 15% dos máis de 20.000 inscritos nun censo que se eleva hoxe en día ao 25.000 pero que se reduce a algo máis de 10.000 de ter en conta só á militancia máis activa. Gómez-Reino obtivo 1.710 (55%) votos fronte aos 1.400 (45%) de Carolina Bescansa, unha distancia mínima nunha votación con 59 votos en branco.
Ademais do novo secretario xeral, a militancia de Podemos elixiu tamén os membros da nova dirección que, xunto ao propio Gómez-Reino, formarán parte do Consello Cidadán Autónomico. A falta de finalizar o proceso, dos 34 elixidos nas primarias finalizadas o pasado mércores, o equipo do novo líder do partido suma 20 membros na executiva fronte aos 14 do grupo de Carolina Bescansa.
O equipo de Gómez-Reino faise con 20 postos no Consello Cidadán Autonómico polos 14 do grupo de Bescansa
Será a nova dirección que pilote un partido que optou por Gómez-Reino, agora portavoz do espazo de confluencia de En Marea no Congreso, apoiado por Iglesias e proclive á confluencia con outras forzas fronte á opción de Bescansa, enfrontada co líder estatal e menos entusiasta cos procesos de unidade popular. Será o terceiro líder da formación en Galicia, logo de Breogán Riobóo e Carmen Santos.
A inesperada chegada de Bescansa á carreira das primarias, impulsada pola dirección saínte e pola propia Carmen Santos, descolocara moitos en Podemos Galicia. Tamén en Madrid. Pablo Iglesias recibiu a noticia lembrándolle que levaba 20 anos vivindo na capital de España; cargos e destacados membros galegos do partido incidiron nese feito e, do mesmo xeito que Gómez-Reino, recelaron dunha suposta intención da deputada de reabrir vellos conflitos ou debates xa pechados.
Referíase o portavoz de En Marea na Cámara Baixa á idoneidade da confluencia e relevancia de Podemos en En Marea ou á cuestión territorial, na que Bescansa difire en moito da defensa clara do dereito a decidir de Gómez-Reino. No fondo, as críticas internas a unha por usar Galicia como "táboa de salvación" na súa carreira política e ao outro por apoiarse na afinidade coa dirección estatal para asumir agora unha executiva da que se desvinculara polas diferenzas con Santos.
Aínda que non de unidade total, Gómez-Reino presentou unha candidatura na que aglutina varias das sensibilidades de Podemos Galicia e conta co apoio dos principais líderes no Estado e da maioría dos cargos institucionais en Galicia. Era o favorito, pero foino moito menos logo de que Bescansa presentase a súa alternativa, apoiada pola dirección saínte e polos sectores enfrontados ao seu rival.
A pesar das diferenzas, a campaña rebaixou o ton. Carolina Bescansa centrou o seu discurso no enfrontamento con Feijóo e en apelacións constantes ao futuro económico de Galicia e á necesidade de desbancar ao PP e de aplicar unha "ollada feminista" á política. Gómez-Reino, pola súa banda, insistiu na necesidade de fortalecer Podemos e as súas bases, de implicarse na unidade popular e de acabar co desencanto na formación, do que si responsabilizou á executiva actual.
A vitoria de Gómez-Reino era a desexada pola dirección estatal de Podemos e a preferida para evitar máis tensións na confluencia en Galicia
En definitiva, os inscritos e inscritas de Podemos Galicia optaron pola candidatura vista con bos ollos pola dirección estatal e tamén poo autodenominado "espazo do cambio" que aglutina as forzas de En Marea e as candidaturas municipalistas. O temor expresado na formación morada e noutras forzas era que a vitoria de Carolina Bescansa afondase nas diferenzas internas e dificultase a confluencia.
Na ecuación estivo sempre a maior ou menor dificultade para integrar a Podemos nas candidaturas municipalistas galegas ou o maior ou menor fortalecemento de En Marea, que celebrará o vindeiro sábado o plenario co que comezará tamén a renovación na súa dirección e na que definirá as alianzas de face ás eleccións europeas. Como sempre, e de fondo, o eterno debate de confluencias e marcas.