Os Reis Magos chegan a Vigo no tren de alta velocidade que Transportes conta con estrear en marzo

Chegada do tren Talgo 106 a Vigo este venres cos Reis Magos e o ministro de Transportes, Óscar Puente CC-BY-SA Praza.gal

Óscar Puente concreta que “o 1 de marzo empezarán a venderse os billetes” dos novos trens entre Galicia e Madrid de alta velocidade que superan os 300km/h coa idea de que comecen a funcionar antes de que remate ese mes, a falta de que Talgo remate as probas de seguridade

O “tren ministro” –como se anunciou nos sistemas internos de Renfe– chegou á estación de Vigo-Urzáiz ás 11.30 horas. Non estaba na axenda oficial do ministro de Transportes, Óscar Puente, a visita a Vigo deste venres, mais el mesmo alertaba a primeira hora da mañá de que viaxaba en alta velocidade cun “agasallo” que leva anos na carta aos Reis Magos, pendente de entrega.

Melchor, Gaspar e Baltasar baixaron do Talgo 106, o tren de ancho variable coñecido como tren Avril, que o anterior Goberno de Pedro Sánchez contaba con estrear no verán de 2022. Máis dun ano despois, as súas maxestades de Oriente percorreron a distancia entre Madrid e Vigo en 3 horas e 35 minutos (40 minutos menos que na actualidade), unha viaxe que previsiblemente poderá facer calquera cidadán no mes de marzo.

Besteiro, candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, bica o tren Talgo 106 en Vigo CC-BY-SA Praza.gal

“Atendemos a petición dos Reis Magos e trouxémolos a Vigo por primeira vez nun 106. É a proba palpable de que o tren está listo, Talgo está coas últimas probas de fiabilidade”, avanzou Puente, que fiou a data de estrea destes trens á capacidade da empresa para rematar todos os exames do novo modelo. Con todo, concretou que “o 1 de marzo empezarán a venderse os billetes” coa idea de que comecen a funcionar antes de que remate ese mes, cumprindo o último compromiso do Estado a este respecto.

Cos novos trens o número de prazas en trens de Galicia a Madrid pasa dos 4,5 aos 11 millóns

O candidato do PSdeG á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; o presidente da Zona Franca de Vigo, David Regades; e a vicealcaldesa de Vigo, Carmela Silva, agardaron na plataforma da estación baixo o centro comercial de Vialia a chegada deste tren en probas, o primeiro que se vai incorporar á flota de Renfe desde o ano 2010 e que permitirá pasar de 4,5 millóns de prazas a 11 millóns.

“En Pontevedra tivemos que facer unha parada de regulación porque senón teríamos chegado probablemente con 15 minutos de adianto. Isto é unha boísima nova, marcho con moi boa impresión desta viaxe de proba e do funcionamento do tren e a súa comodidade”, explicou Óscar Puente ao baixarse en Vigo acompañado polos Reis Magos, que marcharon da estación nada máis chegar. 

Este venres foi a primeira vez que a cidade olívica recibe un tren que supera os 300 quilómetros por hora

Trátase dun tren cunha configuración distinta dos que funcionan actualmente na ruta entre Galicia e a Meseta, é 30 centímetros máis ancho polo que permite que haxa tres asentos a un lado do vagón e dous no outro, gañando entorno a 200 prazas con respecto a un tren convencional. Son 15 os trens Talgo 106 de rodada desprazable, a que permite pasar das vías de alta velocidade da Meseta ás que hai en Galicia, os que a empresa entregará a Renfe no primeiro trimestre do ano, segundo avanzou o Ministro.

Aínda que a alta velocidade ferroviaria chegou a Vigo no ano 2015 coa incorporación no eixo atlántico ata A Coruña, este venres foi a primeira vez que a cidade olívica recibe un tren que supera os 300 quilómetros por hora. “Este é un momento clave do avance da Historia de Galicia. Isto é a modernidade”, defendeu Abel Caballero con “inmensa emoción”. A mesma que demostrou Besteiro, que chegou a bicar ata dúas veces o tren estacionado en Urzáiz.

Estes trens coa Meseta inaugurarán a liña de baixo custe de Renfe, denominada Avlo, en Galicia

“Non hai maxia”, incidiu Puente, “hai máis trens”. Santiago de Compostela duplicará as frecuencias coa capital do Estado pasando de catro a oito, Ourense gañará dúas (de dez a doce), A Coruña gaña tamén dúas pasando de tres a cinco e Vigo gañará unha (de catro a cinco). “Pero máis alá das frecuencias, e tendo en conta a altísima demanda que ten agora mesmo o tren en Galicia, o máis importante é o aumento de prazas que se conseguirá nun mes e pico”, apuntou o Ministro.

Estes trens van operar en Galicia en dúas modalidades, polo que inaugurarán a liña de baixo custe de Renfe, denominada Avlo, no noso país. Nela haberá 581 prazas por tren, fronte ás 507 do Ave de Renfe. O incremento de asentos explícase porque os trens de Avlo non contarán con cafetería nin cun vagón de clase preferente.

Puente non deu resposta ao colapso da rede ferroviaria interna. Porén, o aumento de prazas destes trens poderá notarse máis alá das viaxes ata Madrid e influír tamén nos traslados no eixo atlántico, entre A Coruña e Vigo; falta por saber a que prezo.

Interior do Talgo 106 nun vagón de clase turista CC-BY-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.