O futuro da mina de San Finx, en mans dunha empresa "opaca" que xera dúbidas sobre a xestión dos seus vertidos

Instalacións da mina de San Finx © Cámara Oficial Mineira de Galicia

A mina de volframio de San Finx, en Lousame, leva anos rodeada de polémica e críticas á Xunta pola xestión destas instalacións, denunciando grupos ecoloxistas e forzas da oposición a permisividade do Goberno galego cara ás empresas propietarias e o escaso control público sobre diversas irregularidades e posibles danos medioambientais. 

Sacyr, ata agora propietaria da mina de San Finx, vendeu os seus dereitos a unha empresa con sede en Australia, Rafaella Resources. Grupos ecoloxistas denuncian que coa operación Sacyr busca "fuxir das súas responsabilidades ambientais"

Por exemplo, a Xunta fixo pasar inicialmente as balsas da mina por presas hidroeléctricas, algo finalmente negado por Augas de Galicia. De igual xeito, a xustiza investigou varias actuacións irregulares na reapertura da mina, chegando a imputar por un presunto delito de prevaricación ambiental ao daquela director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Bernardo Tahoces, logo destituído por Feijóo. Así mesmo, este pasado mes de outubro, o Goberno central esixiu á Xunta un estudo radiolóxico da mina de San Finx tras dez anos sen avaliar o seu risco radioactivo.

Nas últimas semanas produciuse un cambio de grande importancia na situación da mina, ao coñecerse que Sacyr, a ata agora propietaria, vendera os seus dereitos a unha empresa con sede en Australia, Rafaella Resources, que a adquiriu a través da súa filial Biscay Minerals Ltd. 

Poboado mineiro en San Finx © Turgalicia

Ecoloxistas reclaman que a Xunta impoña un aval ambiental dun mínimo de 20 millóns de euros en cumprimento da Lei de Responsabilidade Ambiental, en lugar do actual de 178 mil euros, que cualifican de "irrisorio"

Grupos ecoloxistas denuncian que coa operación Sacyr busca "fuxir das súas responsabilidades ambientais" en relación coa mina. En concreto, Ecoloxistas en Acción afirma que a transacción "é parte dunha estratexia" de Valoriza Minería, filial do Grupo Sacyr, "para desfacerse dunha explotación ruinosa e ambientalmente inviable, e dese xeito non ter que asumir os enormes pasivos ambientais que afloraron nos últimos anos". 

En decembro, explica a organización ecoloxista, sometéronse a exposición pública tanto un proxecto de vertidos como un proxecto de retirada de residuos mineiros das presas abandonadas, "en ambos casos deficientes e que, de chegar executarse, implicarían a inxección de elevadas concentracións de metais pesados á ría de Muros e Noia". 

A entidade considera "improbable" que a nova propietaria asuma as responsabilidades ambientais da mina, "que ameaza en converterse nun novo Monte Neme, unha mina abandonada á súa sorte"

"As consecuencias multimillonarias de implicar o peche de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema", sinala Ecoloxistas en Acción, que lle reclama á Xunta que impoña a Valoriza Minería un aval ambiental dun mínimo de 20 millóns de euros en cumprimento da Lei de Responsabilidade Ambiental, en lugar do actual de 178 mil euros, que cualifican de "irrisorio".

Ecoloxistas en Acción denuncia ademais que a empresa australiana á que Sacyr vendeu os dereitos mineiros "é parte dun conglomerado opaco con sede en Hong Kong e nas Illas Virxes Británicas", Startboard Global, que tamén adquiriu en 2018 a mina de Varilongo, en Santa Comba. 

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuniuse esta semana cos representantes dos concellos próximos á mina de San Finx © Xunta

A Xunta afirma que "garantirá o cumprimento estrito dos requisitos urbanísticos, ambientais e técnicos esixidos para toda a actividade que se desenvolve en San Finx"

A entidade ambientalista advirte de que "estes antecedentes fan improbable que a nova propietaria poida ou queira asumir as responsabilidades ambientais da mina de San Finx, que ameaza en converterse nun novo Monte Neme, unha mina abandonada á súa sorte", Ecoloxistas en Acción enviou a semana pasada unha carta ao Presidente da Xunta advertíndoo da gravidade da situación e urxíndoo a impor garantías financeiras que evitasen a evasión de Sacyr.

Pola súa banda, a Xunta afirma que "garantirá o cumprimento estrito dos requisitos urbanísticos, ambientais e técnicos esixidos para toda a actividade que se desenvolve en San Finx". O conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuniuse esta semana cos representantes dos concellos próximos á mina de San Finx.

Conde explicou que a Xunta "non recibiu solicitude formal da transmisión da titularidade nin ningún tipo de comunicación ao respecto por parte de Sacyr nin de Rafaella Resources". E afirmou que "será necesario comprobar a solvencia técnica e financeira da nova empresa, que debe aclarar o proxecto que pretende levar a cabo", indicando que "no caso de pretender actuar en galerías agora mesmo inutilizadas pola presenza de auga deberá presentar un proxecto de explotación actualizado, que deberá someterse á avaliación ambiental que corresponda".

Balsa de decantación da mina de San Finx CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

Ecoloxistas afirma que "a Xunta facilitou a evasión de Sacyr", deixando "unha mina falida nas mans dunha empresa opaca"

Pola súa banda, Ecoloxistas en Acción amosou a súa sorpresa ante as palabras do Conselleiro de Economía, comezando pola esixencia da avaliación ambiental, unha necesidade que -lembran- foi negada durante os últimos anos polo Goberno galego. "O súpeto cambio de opinión prodúcese apenas unha semana despois de a concesionaria do grupo Sacyr fose vendida a unha empresa opaca australiana", denuncian. 

Así mesmo, afirman que Conde "pretendeu trasladar aos alcaldes da comarca que non sabía da manobra evasiva de Sacyr". A entidade ecoloxista afirma, no entanto, que "a Xunta facilitou a evasión de Sacyr", deixando "unha mina falida nas mans dunha empresa opaca".

Complexo mineiro de San Finx, en Lousame CC-BY Ecoloxistas en Acción

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.