O monte galego volve arder en pleno inverno cunhas 270 hectáreas nunha semana

Imaxe dun dos incendios da provincia de Ourense deste 3 de xaneiro, divulgada por bombeiros forestais © @SPDCIF

Os datos acumulados indican que as primeiras semanas do ano son as que menos incendios rexistran en Galicia. Pero os últimos anos tamén indican unha tendencia á desestacionalización, na liña das alertas lanzadas por distintas fontes expertas vinculadas ao cambio climático, que se engadirá a factores xa coñecidos como a estrutura territorial ou a extensión do eucalipto.

A maioría das hectáreas ardidas sitúanse na provincia de Ourense, que ao mesmo tempo está a rexistrar temperaturas baixo cero durante as noites

Este é o pano de fondo para que nos últimos días de 2018 e nos primeiros de 2019, en apenas unha semana, xa ardesen nos montes galegos unhas 270 hectáreas de monte, a maioría na provincia de Ourense, onde ao mesmo tempo durante as noites se están a rexistrar temperaturas baixo cero. A cifra é necesariamente aproximada, coma sempre dende hai dez anos, toda vez que a Consellería do Medio Rural mantén, tamén co seu novo responsable, a política informativa baseada en non dar conta de todos os focos de lume.

A información divulgada dende a Xunta indica que o concello máis golpeado polo lume neste inicio de 2019 foi polo momento A Mezquita. Alí este día 4 foi dado por extinguido o incendio que queimou 161 hectáreas na parroquia de Castromil. 

Tamén en Ourense o municipio de Viana do Bolo sufriu incendios dúas veces en apenas unha semana. O que atinxiu á parroquia da Penouta no penúltimo día de 2018 queimou 35,02 hectáreas e o da parroquia de Ramilo, dado por extinguido o día 1, afectou a 25 hectáreas aínda que inicialmente Medio Rural estimara que foran o duplo.

Efectivos do Exército do Aire en labores de extinción do incendio da Mezquita © Exército do Aire

Os datos sobre os incendios seguen condicionados polas restricións informativas da Xunta

Sempre coa cautela derivada da devandita incerteza informativa é posible afirmar que este 4 de xaneiro estaba activo en Galicia cando menos un incendio máis. Neste caso afecta a Cerdedo-Cotobade, na parroquia de Caroi, e ten unha extensión dunhas 45 hectáreas. As lapas, segundo Medio Rural, foron extinguidas contra o mediodía.

Aos incendios divulgados pola Xunta únense, como habitualmente, outros focos sinalados por bombeiros forestais ou outros traballadores do sector a través das redes sociais. Entre os puntos sinalados nos últimos días están A Gudiña ou Vilariño de Conso, pero sen confirmación oficial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.