0 Gardados para despois

"Asumamos que a lingua non é só parte central da nosa identidade, senón tamén unha oportunidade"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O 16 de maio de 2014, hai catro anos, Galicia recibía oficialmente o dominio .gal, que fora concedido uns meses antes. Foi o final dun longo e traballado proceso, 8 anos de traballo silandeiro realizado pola Asociación PuntoGal. En xullo de 2014 botaban a andar as primeiras webs co dominio galego (entre elas praza.gal) e uns meses despois iniciábase o período aberto de rexistro. Hoxe hai xa case 5.000 dominios .gal, unha cifra que crece paseniño pero de forma constante.

Unha vez conseguido o dominio, o traballo da Asociación PuntoGal transformouse, responsabilizándose da xestión e do impulso do apelido galego na rede. Os ingresos producidos pola xestión do rexistro dedícanse ao mantemento do dominio e, no caso de se produciren beneficios, son reinvestidos en fomentar a lingua e a cultura galegas no ámbito das novas tecnoloxías. Falamos con Darío Janeiro, director xeral da entidade, na véspera do 17 de maio, Día das Letras Galegas, pero tamén Día de Internet. Coincidindo con esta data, ademais, lánzase unha nova promoción para facerse cun dominio .gal por un prezo máximo de 17 euros máis IVE, dispoñible ata final de mes.

"Esta é unha carreira de fondo: desexaríamos ir máis rápido, pero a curva de crecemento mantense e as renovacións superan o 90%. Depende de todos que se vaia ampliando a base social día a día"

Catro anos despois da consecución do dominio galego, como é a valoración, tanto a nivel puramente cuantitativo (número de rexistros) como cualitativo (características destes e apoio social)?

O lema de PuntoGal dende o inicio é "O dominio é voso". Tratamos de que iso siga sendo así. Entendemos o dominio como un proxecto de país, feito por e para a súa cidadanía, que ten que servir a asociacións, institucións, empresas, etc. Obviamente, quereriamos ter máis dominios rexistrados e que todos os dominios estivesen activos, pero somos optimistas. Esta é unha carreira de fondo: desexaríamos ir máis rápido, pero a curva de crecemento mantense e as renovacións superan o 90%. E percibimos, en xeral, unha acollida positiva sobre o que significa PuntoGal. Depende de todos que se vaia ampliando a base social día a día.

Cantos dominios .gal están rexistrados? Acadaranse os 5000 este ano? Cantos están activos?

Estamos na fronteira dos 4.700 dominios. Comezamos o ano con 4.100, co cal estamos relativamente satisfeitos. É igualmente importante indicar que temos unha taxa de renovación alta: a maioría dos que mercan un dominio quedan ano tras ano. Sabemos que, como no resto de dominios do noso tipo, hainos que non se usan e que normalmente se reservan para protexer o nome ou a marca. Para nós é igual de importante que aumente o número de .gal como que se usen. Ese é un traballo que facemos pouco a pouco, cos recursos limitados que temos. Case é un porta a porta, ir vendo cada caso. Por exemplo, que este mesmo xornal utilice activamente o dominio é moi positivo para a súa normalización. A nosa idea é achegarnos á cifra redonda dos 5.000 dominios a finais de ano. Acabar nesa cantidade sería un éxito para 2018, aínda que pensamos que temos marxe para crecer nos vindeiros anos. E niso estamos.

"Cando unha compañía fai unha campaña de publicidade referenciando a súa web en PuntoGal, o efecto é igual que o dunha campaña de publicidade nosa"

Nos primeiros tempos do dominio houbo unha incorporación importante de institucións públicas e de determinadas entidades sociais. O reto agora é convencer a empresas privadas e particulares de que o dominio galego lles achega unha serie de importantes beneficios?

Moitos PuntoGal funcionan con contidos da administración autonómica, dos concellos, das deputacións e outros organismos de carácter público. Estamos satisfeitos desa implicación. É importante que dende as institucións se valore e, sobre todo, se utilicen os .gal. Tamén hai entidades e asociacións de todo tipo que traballan con nós. Pero é relevante que cada vez se sumen máis empresas. Cando unha compañía fai unha campaña de publicidade referenciando a súa web en PuntoGal, o efecto é igual que o dunha campaña de publicidade nosa. As empresas que usan o dominio están distinguíndose, dicíndolle ós seus clientes e ao mundo que a súa referencia é Galicia. Ese é un valor inmaterial, mesmo sentimental, profundo, que pode ser importante comercialmente para moitos productos que se achegan así a uns clientes que o consideran seu.

"As empresas que usan o dominio están distinguíndose, dicíndolle ós seus clientes e ao mundo que a súa referencia é Galicia"

Hai catro anos completouse un longo e complexo proceso, coa consecución do dominio .gal. Mirando cara atrás, como valorades toda esa aventura de case unha década?

Cando comezamos non podiamos nin imaxinar que o camiño ía ser tan longo. PuntoGal constituíuse formalmente en maio do ano 2006, cando un pequeno grupo de entidades e persoas apostaron por colocar a Galicia no mapa de internet. O traballo feito dende entón foi moito e non exento de dificultades, algunhas ben serias. Que Galicia teña un dominio de seu é un éxito colectivo do que debemos sentirnos orgullosos. Non pasa todos os días. Sempre repito o mesmo: hai que agradecer o traballo calado de moitas persoas ao longo de todos estes anos; algunhas seguen na asociación, outras xa non. Pero sen todas e cada unha delas, PuntoGal non existiría. Seguro. Por iso é un proxecto do común, construído peza a peza polas achegas xenerosas de traballo e compromiso dos que nalgún momento pasaron por aquí. PuntoGal axuda a poñer a Galicia na rede e forma parte tamén do sector a nivel global. Para nós iso é unha responsabilidade, primeiro para non perder o traballo feito nestes anos e, segundo, para facer que siga crecendo.

"Que Galicia teña un dominio de seu é un éxito colectivo do que debemos sentirnos orgullosos"

A Asociación leva a cabo numerosas actividades de promoción do .gal, dende ofertas en datas sinaladas ata un concurso de micro-relatos. O obxectivo é que o dominio estea vivo na sociedade? Que valoración facedes do recibimento destas iniciativas?

En 2018 estamos facendo moitas campañas, co dobre obxectivo de ampliar a base de rexistros ofrecéndoos a un prezo moito máis barato e co de participar en accións que teñan algunha compoñente cultural, lingüística ou tecnolóxica. Por exemplo, lanzamos en febreiro a campaña en colaboración coa Real Academia Galega, na que organizamos un concurso de micro-relatos que contou cunha ampla participación: recibimos máis de catrocentos. Ou a que temos actualmente en curso na que imprentamos 12.000 marcapáxinas de cinco modelos deseñados por estudantes do IES Leixa de Ferrol. Estes marcadores estanse repartindo polas feiras do libro ata finais de agosto. E, coincidindo co Día das Letras, empezamos agora outra acción coa axuda de ReiZentolo na que agasallamos cunha camiseta deseñada para PuntoGal con cada dominio adquirido.

"As administracións deben colocar a lingua e a cultura como eixe central das súas políticas. Pero tamén hai que facelo no ámbito da empresa e da sociedade civil, sempre sen perder de vista o factor da rede"

O Día do Libro presentamos no IES Leixa os marcapáxinas realizados polos estudantes. Foi un acto sinxelo no centro no que os estudantes nos explicaron as súas creacións e como relacionaban a tecnoloxía coa lectura. Ese tipo de accións son as que dan sentido a PuntoGal. O concurso de micro-relatos que citas tamén foi un éxito inesperado. A nosa intención, dende logo, é repetilo o vindeiro ano. Dende o punto de vista das entidades coas que colaboramos, a recepción adoita ser positiva. Nesa liña queremos seguir, a ser posible sumando cada vez máis dominios con cada acción que poñamos en marcha.

Tamén se lanzaron servizos coma o i.gal ou o velaqui.gal. Está prevista algunha acción futura semellante, en colaboración con actores tecnolóxicos?

O i.gal e o velaqui.gal son pequenos proxectos, pero de utilidade, que botamos a andar coa colaboración de Dinahosting, que sempre está aí para axudar, cousa que lles agradecemos. Este ano, sen ir máis lonxe, fixeron unha promoción moi potente de dominios a menos dun euro. Agora mesmo temos enriba da mesa cinco ou seis pequenos proxectos dese tipo que estamos estudando para a segunda parte do ano. A idea de fondo é presentar aplicacións de utilidade nas que sexamos quen de combinar factores tecnolóxicos e de lingua.

"Gran parte do futuro da lingua xógase na rede. Asumamos que a lingua non é só parte central da nosa identidade, senón que tamén é unha oportunidade"

Unha feliz casualidade fixo coincidir o Día das Letras e o Día de Internet. Cal é a saúde da lingua galega na rede e nas novas tecnoloxías? Conseguiuse ligar a idea de que o futuro da lingua se xoga (en gran parte) nas TIC e que, ademais, a lingua e a identidade galegas achegan un valor diferencial moi importante neste campo?

Nós non temos dúbida: gran parte do futuro da lingua xógase na rede. Hoxe vivimos dentro da tecnoloxía: móbiles, apps, redes sociais, internet, videoxogos, etc. Por exemplo, o consumo audiovisual que se fai en plataformas como Youtube ou Instagram é espectacular: hai que facer unha aposta decidida para estar nese campo de xogo. Nese mundo é onde vive a xuventude. Debemos crear contidos para todas esas plataformas, e facelo no noso idioma. Coa nosa visión do mundo. Hai que apoiar a quen queira traballar neses ámbitos. Asumamos que a lingua non é só parte central da nosa identidade, senón que tamén é unha oportunidade. Sabemos que a situación do idioma é mellorable, nese ámbito e en tantos outros, hai elementos para a preocupación, non podemos pechar os ollos. As administracións deben colocar a lingua e a cultura como eixe central das súas políticas. Pero tamén hai que facelo no ámbito da empresa e da sociedade civil, sempre sen perder de vista o factor da rede. Non podemos perder este tren: temos que aproveitar as oportunidades das novas tecnoloxías para conectar e despregar a cultura e a lingua.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.