A música galega reencóntrase na gala dos Premios Martín Códax para ollar con esperanza o mundo post-COVID

Foto de familia na gala dos VIII Premios Martín Códax, este 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra © Músicas ao Vivo

O reencontro pesou case tanto como os propios premios. O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu na noite deste 27 de outubro a gala de entrega dos oitavos Premios Martín Códax da Música Galega. En circunstancias normais, as bandas e artistas que lograsen os galardóns serían o foco da noite e dos posteriores titulares pero, tras ano e medio de pandemia, o propio encontro xa foi motivo de celebración de seu despois dun 2020 no que a entrega tivo que axustarse a un formato reducido.

Unhas catrocentas persoas xuntáronse en Pontevedra para acudir presencialmente á gala impulsada dende Músicas ao Vivo e dirixida e presentada por Marcos PTT Carballido. A presidenta da entidade organizadora dos premios, Xiana Lastra (A Banda da Loba), puxo voz á esperanza do sector reunido no evento para o mundo post-COVID que agora se albisca: "A superación da pandemia ten que ser a oportunidade definitiva para dignificar a nosa profesión", resumiu.

Gravación íntegra da gala dos Premios Martín Códax da Música Galega 2021 © Músicas ao Vivo

Sinala Lastra que é o momento de "aproveitar que se resetearon moitos asuntos profundos na sociedade", pero tamén que foron cuestionados outros "que se daban por conquistados" para "reivindicar dereitos básicos". Que non son outros, resaltou, que "rematar coa precariedade, conseguir a consideración de traballadoras" ou "poder rematar a nosa vida laboral coas mesmas prestacións merecidas que as doutros sectores" mentres, ao tempo, o "foco" vira cara ao "talento galego" en aras de "crear industria e unha rede de espazos nos que actuar".

Alén da celebración do reencontro e das esperanzas para o futuro, a noite serviu para homenaxear a diversidade da música galega a través dos galardóns. A Banda da Loba na categoría de pop e indie, Moon Cresta en rock, Brais Morán no apartado de blues, funk e soul, N.E.O. en metal, MJ Pérez en canción de autoría ou Wöyza en músicas urbanas encabezaron uns galardóns que tamén homenaxearon á sala de concertos Mardi Gras da Coruña e ao festival ferrolán Jazz de Ría.

Destaca a organización dos premios Martín Códax que "a ovación máis longa da noite" tivo o destinatario agardado, o produtor Pablo Barreiro, responsable do Arquivo Sonoro da Radio Galega e receptor do premio honorífico desta edición dos Martín Códax. "Este premio vén dos músicos, é o mellor que un técnico de son pode ter; non hai maior galardón que que o músico se recoñeza no noso traballo", agradeceu.

Pablo Barreiro agradece o premio Martín Códax honorífico que recibiu na edición 2021 dos premios © Músicas ao Vivo

Un ano máis, os premios promovidos por Músicas ao Vivo estiveron patrocinados polas Bodegas Martín Códax, ademais de ter apoio do Concello e da Deputación pontevedresa e mais da Agadic. O xurado que realizou a primeira escolpa de proxectos estivo formado pola cantante Carla Green, o músico Pablo Morán, o xornalista musical Carlos Crespo, o músico e programador Pepe Doré e a cantante, pianista e percusionista Diana Tarín. Esa primeira selección é sometida á votación das socias e socios de Músicas ao Vivo, que conforman o palmarés final.

Todas as bandas e artistas con galardón nos Premios Martín Codax 2021

  • Pop e Indie: A banda da Loba
  • Rock: Moon Cresta
  • Blues, Funk e Soul: Brais Morán
  • Metal: N.E.O.
  • Canción de Autor/a: MJ Pérez
  • Músicas Urbanas: Wöyza
  • Reggae, Ska e Mestizaxe :The Skarnivals
  • Electrónica: Allova
  • Música Clásica e Contemporánea: Alberto Vilas (“Naialma”)
  • Jazz e Músicas Improvisadas: María Toro (“Fume”)
  • Música Tradicional: Xurxo Fernandes & Pedro Lamas
  • Música Folk: Caamaño & Ameixeiras
  • Músicas do Mundo: Lamas / De Miguel / Romero
  • Música Infantil: Radio Bulebule (Paco Nogueiras)
  • Orquestras, Grupos e Música de Verbena: Bafana Bafana
  • Coros e Grupos Vocais: Coro da Ra
  • Bandas de Música Popular: Banda de Música de Chantada

Organistrum:

  • Salas de concertos: Mardi Gras
  • Festivais: Jazz de Ría
  • Proxectos de comunicación e difusión musical: O recanto do Corcovado
  • Premio Honorífico 2021: Pablo Barreiro Rivas
Aitana Cuétara recolle o premio Martín Códax extraordinario para o certame ferrolán Jazz de Ría © Músicas ao Vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.