Máis de 400 cantigas medievais contan, en galego, os milagres de Santa María. O rei Afonso X foi o autor da maioría delas, nas que se presenta a si mesmo como unha sorte de intermediario entre Deus, a Virxe e o Pobo. Producións Teatrais Excéntricas partiu das Cantigas de Santa María para montar o seu último espectáculo, Estrela do Día, unha comedia na que unha Virxe moi terreal non precisa ningún rei polo medio porque ten ben claro, a través das súas múltiples manifestacións, a quen quere axudar –que son os febles- e a quen non. Aínda que tamén teña o seu moi humano xenio. Falamos con Marcos Ptt Carballido, director desta obra con texto de Quico Cadaval na que Patricia Vázquez e Rocío González únense a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira no elenco.
Como te metiches nesta obra milagreira? Traballaras antes con Excéntricas?
Comezou cunha chamada de Quico Cadaval, hai pouco máis dun ano. Levabamos anos coincidindo na sala Nasa ou polos camiños, pero a partir de traballar como axudante de dirección en Arnoia, Arnoia (Pistacatro, 2018) e Carpe Diem (Excéntricas, 2019) para Quico, a relación creceu e aquí chegamos. Sentinme moi honrado coa invitación, xa que é a primeira vez que unha compañía deste calibre confía en min para estas lides.
Como foi o traballo cos actores co texto?
“A complexidade maior é de encaixe técnico, como que a actriz que remata unha escena non comece a seguinte, e o ritmo da peza non se resinta”
A nivel creativo e artístico, e máis tendo en conta o elenco co que contamos (Evaristo Calvo, Victor Mosqueira, Patricia Vázquez e Rocío González), non tivo demasiada complexidade. Estamos falando de actrices e actores moi experimentados, moi creativos e cunha enorme conciencia de “troupe”. Esta xente xa fixo de todo, así que un texto deste tipo resulta máis un estímulo que unha complicación.
A complexidade maior é de encaixe técnico, como que a actriz que remata unha escena non comece a seguinte, e o ritmo da peza non se resinta. E despois, o meu xeito de crear non dá moito respiro aos intérpretes. Se non están en escena, están cambiándose ou facendo efectos sonoros... Pero, repito, con este elenco, tan xeneroso e con tantas táboas enriba (ou debaixo...), non resultou complicado.
Supoño que, como moitos outros proxectos, sería interrompido pola pandemia. Como vos afectou, en concreto, nos ensaios desta obra?
“Traballar tan duro para actuar diante de plateas tan baleiras e espalladas é un exercicio de resistencia”
No noso caso houbo unha de cal e outra de area. A cancelación da estrea e a incertidume sobre se iamos poder estrear xa en febreiro ou ter que agardar meses non sentou ben ao ánimo, motor indispensable de calquera proxecto. Pero grazas a que o parón non durou máis de dúas semanas e a que durante ese parón puidemos seguir traballando para ultimar detalles de escenografía, luces... o traballo viuse beneficiado. En teatro sempre escoitarás á equipa dicir aquilo de “cunha semana máis, teriamos chegado mellor á estrea”.
Pois desta vez tivemos esa semana máis e os ensaios da recta final fixéronse cun elenco descansado e motivado. Nisto temos que agradecer a empatía do Concello de Outes, que non nolo puido poñer máis doado. De todos os xeitos, traballar tan duro para actuar diante de plateas tan baleiras e espalladas é un exercicio de resistencia. Estamos contentos de seguir, de que se poida actuar e producir... É preciso manter a chama acesa... A principal función do teatro é reunir e esta época non se leva ben coas reunións. A separación física das persoas mitiga as risas na platea. Así que hai un certo ambiente de tristura no aire. Nada que non lle ocorra ao resto do mundo, por outro lado.
Excéntricas leva moito tempo facendo teatro cómico, mais supoño que sempre hai unha posibilidade de non dar atopado o punto co rexistro: non sobreactuar, deixar algo da comicidade para o espectador… Como traballastes este aspecto?
Aquí delego de novo na calidade das actrices e actores. E no texto. Eu sempre chanceo que traballar para Excéntricas é traballar nunha compañía na que por momentos hai catro directores e cinco dramaturgas, así que eu, máis que director, fun un coordinador de creatividades. Máis que crear, sinto que capitaneei un barco.
É unha peza sobre os milagres de Santa María relatados nas cantigas, que hoxe serían ilegais e condenados pola Igrexa, segundo di a compañía ao presentar o espectáculo. Como traballastes a parte musical e, en xeral, o son (con Nacho Muñoz)?
“A igrexa hoxe non gostaría moito dalgunhas das cantigas. A ver, mesmo se certas pasaxes da Biblia fosen escritos hoxe, os avogados cristiáns irían polas autoras”
Hahaha, si. A igrexa hoxe non gostaría moito dalgunhas das cantigas. A ver, mesmo se certas pasaxes da Biblia fosen escritos hoxe, os avogados cristiáns irían polas autoras. O son é un dos aspectos que máis coido nos meus traballos. Con Nacho foi moi doado. Eu tiña claro que non quería un son medievalizante e ao mesmo tempo non quería que a música resaltase os aspectos cómicos, xerando un contraste entre o que vemos e oímos.
Engádese así unha capa de significado que enriquece a montaxe. Nese sentido, temos tanto son e música en directo xunto como ambientes e efectos sonoros; e a música de Nacho, que consegue producir dende a súa casa un son moi potente. Pero o xeito de traballar isto foi ante todo intuitivo, partindo das premisas que dixen antes.
Na actualidade o público non cre, como o personaxe de Gelito, nos milagres, pero non deixa de agardalos e desexalos. Porque a Idade Media volveu: a peste, a guerra “santa”, o odio ao diferente ou os predicadores, que agora están na televisión… En que sentido é, para ti, nese sentido, actual o que conta a obra?
“O pensamento máxico rodéanos: unha relixiosidade tradicional que agora mesmo está en pé de guerra (xuízos a ofensas relixiosas, pederastia, atentados terroristas)”
Ben, esa idea da nova Idade Media acuñada xa hai décadas por Umberto Eco estaba aí dende o arranque do proceso creativo. Nas sesións de traballo previas á escrita do texto Quico e mais eu falabamos moito de como achegar este material á actualidade, evitando crear un simple espectáculo-homenaxe ou, por outra banda, un artefacto pop que non se comprometese co texto de partida.
O pensamento máxico rodéanos: unha relixiosidade tradicional que agora mesmo está en pé de guerra (xuízos a ofensas relixiosas, pederastia, atentados terroristas); filosofías New Age que defenden a fotosíntese como xeito de nutrición humana; ou mesmo terraplanistas e xente que proclama que as vacinas levan un chip 5G co que nos van controlar. Esa sería boa, xa que actualmente pagamos nós polo chip cada vez que mercamos un móbil. Que nolo regalen non deixa de ser un adianto...
“A actualidade da obra penso que está máis en seguir facendo farsa, que a xente poida rir das súas desgrazas mirándolles á cara, algo que estaba moi presente no teatro medieval ou hai unhas décadas”
Pero máis que facer un discurso intelectual sobre estes temas en Estrela do día o que vemos son persoas, sen importar moito o tempo e o espazo que ocupen. Ningún dos conflitos presentes na obra está superado no Planeta Terra a día de hoxe. Seguimos matando polas nosas crenzas, os homes seguimos mercadeando coas mulleres e non hai persoa que nalgún momento de egoísmo non rompese cunha firme promesa.
Así que, se ben este debate sobre a crenza nos milagres pode parecer superado ou démodée, penso que se debe a que ás veces as persoas que facemos cultura esquecémonos de ata que punto estas cousas non desapareceron, senón que simplemente saíron fóra da primeira liña de debate: se paras ao carón dun cruceiro, non tes que agardar demasiado tempo ata ver como alguén se persigna cando pasa ao seu carón.
A actualidade da obra, aínda así, penso que está máis nunha cuestión que ten que ver co noso oficio: seguir facendo farsa, que a xente poida rir das súas desgrazas mirándolles á cara, algo que estaba moi presente no teatro medieval ou hai unhas décadas, e que na actualidade, co discurso liberal da “industria cultural”, comezou a amolecer.
A Señora é unha Virxe especial que se manifesta de xeitos moi mundanos para impedir, por exemplo, que un home viole unha muller. Como preparastes a personaxe da Virxe, desde esa perspectiva?
“En todo momento quixemos fuxir dunha idea de María gloriosa e inmaculada, xa que o divino só é cómico cando é humano. E o humano é o que nos interesa”
Esta foi unha das grandes cuestións da peza, xa que ao estudar os milagres puidemos ver como non existe un manual claro e coherente sobre que persoas e situacións son merecedoras dun milagre de María. Moitas das persoas agraciadas cun milagre carecen, por completo, dun comportamento virtuoso. Atopamos unha María caprichosa, abstrusa nas súas decisións, mesmo amoral.
Aquí penso que Quico fixo un gran traballo para dar unha personalidade (múltiple, mais personalidade) á “Señora”. Ela é a verdadeira protagonista da obra, e desfacer ese nó era vital para que un espectáculo feito en varias escenas quedase ben atado no global. A decisión de facer que María non sexa unha, senón moitas, xa está recollida na tradición cristiá, mais facelo literalmente, é dicir, cunha escena na que vemos a diferentes Marías no seu espazo de traballo, tomando decisións e gastándose bromas, penso que foi un grande achádego.
E a decisión de Quico de que María se exprese dun xeito cotián, mundano... aparte de reforzar un efecto cómico, faina real. En todo momento quixemos fuxir dunha idea gloriosa e inmaculada, xa que o divino só é cómico cando é humano. E o humano é o que nos interesa.
A xestión das milagres é, ademais, unha empresa moderna e burocrática na que se mesturan a maxia e a ilusión co papeleo. Parece que están falando do mesmo teatro. Que di esta obra sobre o teatro en si?
“Como titiriteiro sempre vin tan interesante o resultado da manipulación como o que está detrás. Esa idea de mostrar a cociña, de non agochar os fíos, sempre me pareceu máis máxica que o ocultamento”
Pois mira, non pensara nesa analoxía, supoño porque a realidade dunha compañía teatral é máis precaria que a das bóvedas celestiais, pero está ben acaída. O que si xa estaba dende o inicio era a idea de mostrar a mecánica da milagre, tanto nos aspectos técnicos (a preparación de María antes dunha aparición, similar á dunha cantante pop antes de saír a escena) como burocráticos (como se deciden esas milagres).
Como titiriteiro sempre vin tan interesante o resultado da manipulación como o que está detrás. Esa idea de mostrar a cociña, de non agochar os fíos, sempre me pareceu máis máxica que o ocultamento. Cando traballaba na tele, nun programa de bonecos, e viñan as crianzas de visita a plató, as manipuladoras colliamos os bonecos para xogar con elas. As crianzas só miraban ao boneco. A persoa que o manipulaba era invisible, por obra da ilusión. Iso tamén é fe.
Hai no texto unha Igrexa -representación do poder- moi reaccionaria: o bispo que lle di á muller casada que se someta, xunto cunha relixiosidade popular moito máis apegada á terra, coma a de Matheu, ou Doncel, que perde o anel ao achegarse demais á Virxe… De que xeito cres que esta obra representa, nese sentido, a relixiosidade popular?
“As relixións oficiais son grandes empresas, cunha axenda de acumulación de riquezas e poder”
As relixións oficiais son grandes empresas, cunha axenda de acumulación de riquezas e poder. Nisto que comentas tentamos aportar unha capa de discurso na que vemos como as grandes relixións fagocitaron os símbolos e crenzas pagás preexistentes. E, no caso de Matheu, tamén hai unha cuestión de conciencia de clase, no seu xeito de vivir a relixiosidade.
Sendo as Cantigas unha obra fundamental da literatura medieval europea, e en galego, o texto fai algunha brincadeira coa conexión galego-portuguesa: unha monxa tenta fuxir cun Zeca, o recordo da voz de Amália Rodrigues mestúrase coas Cantigas… En que sentido está no texto esa conexión?
“Se estudamos as cantigas máis que outros textos é porque foron escritas por un rei de Castela”
A cultura galega e a portuguesa non teñen unha fronteira clara. Trátase dun contínuum, que, concretamente no século XII era moito máis difuso. Literatura galego-portuguesa medieval hai moita. Se estudamos as cantigas máis que outros textos é porque foron escritas por un rei de Castela.
Canto ao equipo técnico, Carlos Santiago está nas “palabras secretas” e Guitián nas miniaturas, Ezra Moreno nos artefactos, Laura Iturralde na escenografía e Uxía Vaello nas roupaxes. Como foi traballar con eles e que achega cada un?
“O equipo estivo fantástico, unido e implicado completamente. Hai que ter en conta o complicado e aparatoso que é producir en plena pandemia”
O equipo estivo fantástico, unido e implicado completamente. Hai que ter en conta o complicado e aparatoso que é producir en plena pandemia. A escenografía e luces de Laura dan unha plasticidade e unha multitude de ambientes que facilitan que se poida manter ese difícil equilibrio entre a unidade do espectáculo, e a variedade xerada polas súas escenas, sete en concreto, cada unha do seu pai e a súa nai. Hai moitos mundos metidos nun só. E ese era un reto complicado. A aparición de Laura neste oficio está a ser un sopro de aire fresco, nunha área dominada por homes.
Uxía foi quizais a que tiña o reto maior, precisamente por ser unha obra na que hai tantas personaxes, tantos cambios de roupa... era complicado conseguir que a estética da obra fose actual, moderna, variada, coherente... e de baixo orzamento. E conseguiuno. Chapó!!
Ezra é o meu socio dende hai quince anos en El Retrete de Dorian Gray, así que non podo ter mellor entendemento con alguén. É un construtor preciso, rápido, e esixente nos acabados. E no caso de Carlos, se ben o seu cometido oficial é o de “axudante de dirección”, fixo de técnico de son, mesmo de director en determinadas ocasións, e ocupouse de aquelar o texto nalgunha parte. Pequenas correccións, iso si.
Aquí tamén está presente a xenerosidade de Quico, que concibiu a escrita desta peza como unha ferramenta e non como un fin, deixando na nosa man as decisións sobre recortes e pequenas variacións no texto orixinal. Xenerosidade é unha palabra que define ben o espírito de equipo, incluíndo a Pepe Quintela, Rubén G. Pedreiro ou Octavio Mas, nomes que nos programas están ao final, por seren produtores e técnicos, pero que defenden o traballo do equipo coma se o seu nome fora estar en primeira liña. E que resultan indispensables.
Que foi o máis fácil e o máis difícil de montar esta obra?
“Respecto ao difícil, está o asunto do que falabamos antes sobre dotar dunha unidade e redondeza a un espectáculo construído mediante escenas moi variadas”
Poñer en pé as escenas, con este equipo, foi moi doado. As escenas e personaxes cobraron vida forza moi rapidamente. Respecto ao difícil, está o asunto do que falabamos antes sobre dotar dunha unidade e redondeza a un espectáculo construído mediante escenas moi variadas. Este aspecto afectou a todos os departamentos.
E quizais, no aspecto visual, estou afeito a ter moito máis tempo para construír e matizar os momentos máis plásticos. Xusto nunha peza que fala de milagres cómpre xerar esa ilusión no público. Parir momentos e escenas visuais nun proceso de ensaios de dous meses, con pandemias, crise económica, restricións e vacacións de nadal polo medio fíxome suar un pouco. O público dirá!