0 Gardados para despois

Os viaxeiros que reserven praza terán prioridade no novo modelo de autobuses

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O novo modelo de autobuses interurbanos que a Xunta quere comezar a implantar a partir de agosto para que en 2020 funcione en toda Galicia, e que está a provocar a folga de todo tipo de buses convocada de xeito indefinido para todos os martes e mércores, contempla a integración en determinadas zonas do rural das liñas de transporte escolar e das regulares. A Xunta tamén implantará un novo sistema de transporte a demanda, co que fóra do período lectivo determinados servizos só funcionarán se un usuario os solicita previamente. Pero en período lectivo, cando os autobuses circulen de todos os xeitos, e neles as prazas dos escolares estean sempre reservadas para eles, o resto de sitios libres serán asignados de xeito preferente a quen os demande por internet ou teléfono cun mínimo de 24 horas de antelación. Haberá “listas negras” dos usuarios que fagan un mal uso do sistema e poidan ser penalizados.

A Xunta creará “listas negras”, como as denomina ela mesma, cos que non anulen a reserva se non viaxan

Cando comezou a publicitar o novo modelo de transporte que preparaba, a Xunta presentou o transporte a demanda como un beneficio a maiores das liñas regulares e escolares mediante “un sistema de reserva previa que nos permitirá levar o autobús, o microbús ou o taxi ao lugar en que se precise e no momento en que se precise”. Porén, e á espera de que o sistema se vaia implantando ao longo dos próximos anos, e non de xeito total ata 2020, haberá casos en que o transporte baixo demanda non será máis que a posibilidade de que opere en período non lectivo un autobús, minibús ou taxi que, se non o reclamase ninguén de xeito expreso e previo, non circularía. E, á inversa, en período lectivo ese sistema baixo demanda permitirá reservar praza no mesmo transporte que en todo caso xa ía circular pero con preferencia sobre os usuarios que tenten acceder a el en calquera parada sen avisar previamente.

A Xunta di que avaliará o funcionamento do novo sistema baixo demanda para corrixilo se non funciona e que non prevé falta de prazas porque son zonas de baixa poboación

A Xunta vén de licitar, por 231.000 euros máis IVE, a elaboración do programa informático que integrará a información de todos os servizos de transporte por estrada de Galicia. O novo sistema permitirá á fin coñecer nunha única web cales son todos os servizos de transporte interurbano de Galicia. Pero tamén será a plataforma tecnolóxica sobre a que se desenvolva o transporte baixo demanda. É nos pregos de condicións para a contratación dese sistema informático onde a Xunta revela que a reserva de praza para o transporte baixo demanda tamén funcionará nos autobuses que integren os servizos escolares e os regulares. Segundo o documento, “nos servizos regulares de uso xeral nos que se realice unha integración de servizos, como a do transporte escolar, teranse en conta as prazas reservadas para escolares e outros colectivos, as prazas reservadas por outros cidadáns con anterioridade e a capacidade máxima do vehículo”.

A Xunta di que o novo sistema de transporte baixo demanda implantarase de xeito progresivo e avaliarase o seu funcionamento para introducir correccións. Tamén argumenta que as zonas nas que se implantará son de moi baixa poboación e demanda, polo que non prevé problemas de que alguén que queira subir a un autobús simplemente acudindo a unha parada non poida facelo porque estean todas as prazas xa reservadas.

O "sistema de listas negras" permitirá "un rexistro de persoas usuarias que teñan feito unha petición de servizo e, sen a súa anulación no prazo previsto, non accedan finalmente ao servizo"

Por outra banda, e para evitar un uso indebido do servizos, a Xunta prevé a creación dun “sistema de listas negras”, como o denomina textualmente, “nas que se identifique usuarios que perderan o dereito á reserva de praza, ou teñan algunha penalización. O novo sistema informático “permitirá un rexistro de persoas usuarias que teñan feito unha petición de servizo e, sen a súa anulación no prazo previsto, non accedan finalmente ao servizo”.

Á espera de que se elabore o programa informático agora a licitación, o transporte baixo demanda deberá solicitarse a través de teléfonos que faciliten as empresas que resulten adxudicatarias do transporte integrado en cada zona de Galicia. Posteriormente, cando se poña en funcionamento o sistema informático e a medida que se estenda o novo modelo ao resto de Galicia, a Xunta creará un servizo único de xestión do transporte baixo demanda que se poderá requirir tanto por vía telefónica como a través da nova plataforma informática.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A folga continúa estes martes e mércores sen que haxa novas reunións previstas

Estes martes e mércores están previstas a terceira e cuarta xornadas da folga indefinida convocada por CIG, CCOO e UGT para os condutores de todo tipo de autobuses en reclamación dun novo convenio colectivo e en protesta polo novo modelo de transporte da Xunta, do que aseguran que reducirá servizos e con eles empresas e postos de traballo. As dúas primeiras xornadas da semana pasada saldáronse cun paro masivo de todos os servizos de transporte por autobús, cun elevado incumprimento dos servizos mínimos do 100% que a Xunta establecera para o transporte escolar.

Esta semana, co curso escolar xa rematado, a folga xa non terá incidencia nese ámbito, pero a ausencia de avances na negociación fai prever que seguirá a afectar de igual xeito masivo ao resto de autobuses, entre os que irán en incremento os servizos discrecionais como os vinculados ao turismo. Segue sen haber prevista ningunha reunión entre as partes implicadas (sindicatos, patronal e Xunta) tras a decisión do Goberno galego de só celebrar reunións a dúas bandas e non a tres, como piden os seus interlocutores. Estes están a amosar unha unidade que xa levou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a admitir a sospeita de que a folga convocada polos traballadores está a ser en realidade un peche patronal.