Sobe a luz. O impacto das facturas da electricidade nos fogares emerxeu nas axendas políticas durante os peores anos da crise económica e mesmo trouxo consigo un adxectivo para alcumar a pobreza: "enerxética". As dificultades para facer fronte ás facturas da luz ou do gas ou a renuncia forzosa a servizos como a calefacción no inverno por non poder pagala situouse no debate público e mesmo deu lugar a programas de axudas que, en moitos casos, a realidade revelou como insuficientes ou escasamente prácticas, dando lugar á necesidade de que entidades sociais continúen atendendo estas emerxencias.
Este é o pano de fondo duns anos marcados pola destrución de emprego e o descenso dos salarios máis baixos nos que, ao tempo, os importes das facturas da luz experimentaron subas practicamente constantes e, daquela, tamén o gasto dos fogares para facerlles fronte. Así o reflicten as sucesivas vagas de estudos como a Enquisa de Orzamentos Familiares, que o INE vén de facer pública na edición correspondente ao ano 2017. Nese exercicio os fogares galegos destinaron unha media de 698 euros a atender o gasto eléctrico, case 300 euros máis que hai unha década, en plenos anos da considerada como bonanza económica, e uns 40 máis que no ano anterior.
No ano 2017 os fogares galegos gastaron unha media de case 700 euros a atender facturas de electricidade; durante a crise este gasto chegou a dispararse ata case un 90% en Galicia
Unha ollada á serie histórica deste traballo estatístico, que comeza en 2006, revela que o importe medio que os fogares galegos tiveron que destinar o pasado ano ás facturas eléctricas é un 60% superior ao do ano 2006, dous anos antes do considerado como inicio da recesión económica. Pero tamén amosa un dato revelador: en plena crise o gasto medio dos fogares galegos na luz chegou a disparase ata a contorna do 90%: non en van, os pouco máis de 400 euros de 2006 chegaron a ser 774 en 2012.
O custos ligados á electricidade é a outras fontes enerxéticas como o gas veñen sendo responsables nos últimos anos das subas xerais de prezos. No entanto, unha comparación entre a evolución interanual dos gastos dos fogares galegos na luz e a evolución do Índice de Prezos ao Consumo en Galicia no remate de cada ano amosa que as eléctricas dispararon moito máis as súas facturas durante os anos da crise que outros sectores. Así, por exemplo, cando no ano 2010 o gasto das familias en electricidade medraba por riba do 20% interanual, o avance dos prezos non chegaba ao 3%.
O 'tícket eléctrico' da Xunta trouxo consigo numerosas ineficiencias e ata o 80% do seu orzamento quedou sen gastar en axudas ás familias que o precisaban
A presión social e política arredor desta problemática -como a infrutuosa reclamación da denominada 'tregua invernal', a imposibilidade legal de cortar os subministros por razóns económicas durante os meses de frío- deu lugar, no caso galego, a medidas dende a Xunta que non sempre se revelaron como eficaces. Mostra disto foi o coñecido como tícket eléctrico, a axuda do Goberno galego para sufragar parte destas facturas e que, no momento en que foi lanzada, equivalía aproximadamente a arredor dun recibo e medio ao ano. O proxecto foi, posteriormente, "complementado" dende a Administración coas chamadas "axudas urxentes", un pagamento único de ata 200 euros por persoa solicitante.
Alén de que a burocracia ligada a estas axudas provocase que, en moitas ocasións, chegasen tarde para evitar situacións urxentes -esta mesma semana Cáritas Diocesana de Santiago apuntouno no seu balance anual de axudas a persoas en situación de pobreza-, a xestión do tícket eléctrico trouxo consigo obvias deficiencias. Non en van, como relatou este diario, no ano 2016 -cando a Xunta despregou estes subsidios- oito de cada dez euros orzamentados para estas axudas non chegaron ás familias e o 40% da súa dotación -uns 800.000 euros- acabou sufragando outros gastos da Xunta, dende gastos ligados ao litixio pola mina de Corcoesto ata alumeado da Cidade da Cultura. A Xunta, no entanto, retrucou reiteradamente que todas as familias solicitantes que cumprían os requisitos recibiran estas achegas económicas.