A Xunta deixou sen gastar 1,4 millóns de euros das axudas ás familias para pagar a luz en 2016

Rueda, Feijóo e o titular de Facenda no Consello que aprobou o transvasamento ao fondo de imprevistos © Conchi Paz

O Consello da Xunta do pasado 29 de decembro, o derradeiro do ano, aprobou a prórroga dos Orzamentos Xerais de 2016, que durou ata que as contas de 2017 remataron a súa tramitación no Parlamento. Naquela mesma xuntanza o Goberno deu o seu visto e prace a traspasar os "créditos que se atopen sen comprometer", isto é, fondos non gastados nos obxectivos proxectados, ao apartado do orzamento dedicado a "imprevistos e funcións non clasificadas" para, posteriormente, "reasignalos" a outros fins. O montante total daquel transvasamento foi de 227,6 millóns de euros procedentes de múltiples departamentos gobernamentais, segundo vén de comunicar a Xunta ao Parlamento, como marca a lei. Entre estes fondos figuraron 1,4 millóns de euros non gastados en dous dos plans estrela do Goberno: os de axudas a familias sen recursos para pagar recibos da luz.

Os Orzamentos do pasado ano reservaran un total de 2,7 millóns de euros para financiar estas axudas. A partida máis cuantiosa, de 2,1 millóns -un 40% máis que en 2015-, foi a do "tícket eléctrico", a axuda para sufragar parte da factura eléctrica que equivale a, aproximadamente, un recibo e medio ao ano. Este plan foi "complementado" coas "axudas urxentes para evitar os cortes", de ata 200 euros anuais por solicitante e dotadas dun orzamento de 600.000 euros.

Os cartos non gastados nas axudas eléctricas foron transferidos ao fondo da Xunta para imprevistos

Pero o tícket eléctrico acabou chegando a moitas menos familias das previstas. Aínda que o obxectivo oficial fixado nos orzamentos era repartir 7.000 axudas o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elevou publicamente a estimación a 40.000. No entanto, unha portavoz oficial da Consellería de Economía confirmou a Praza.gal que o subsidio acabou chegando a 6.000 fogares, o que supuxo unha achega económica total de "433.200 euros" dos 2,1 millóns orzamentados

O tícket eléctrico estaba dotado con 2,1 millóns, dos que 433.200 financiaron axudas e 830.000, outros gastos da Administración

Neste escenario, unha vez pechado o prazo para solicitar as axudas -estivo aberto entre xaneiro e xullo- nas arcas da Xunta estaban dispoñibles o 80% dos fondos do tícket eléctrico e, como informou este diario, a Xunta decidiu transferir boa parte dos mesmos a outros compromisos da Administración. O 40% dos devanditos 2,1 millóns, 830.000 euros, acabaron financiando gastos tan dispares como a cota anual da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo, paneis indicadores en hospitais, os custes da demanda á Xunta pola mina de Corcoesto, un estudo sobre publicidade ou mesmo alumeado da Cidade da Cultura.

Tras estas reasignacións ficaban aínda sen comprometer, así e todo, o 40% dos fondos destas axudas. Eran, concretamente, 836.438,88 euros, que coa operación orzamentaria do 29 de decembro pasaron a ser parte do fondo de imprevistos do Goberno galego.

As axudas "urxentes"

As axudas urxentes tiñan 600.000 euros de orzamento e 531.000 euros acabaron no fondo de imprevistos

O alcance do tícket eléctrico foi en 2016 moito menor do previsto e algo semellante sucedeu coa outra liña de axudas, as "urxentes", concibidas para evitar a suspensión do subministro a quen non poida pagalo. Neste caso o prazo de solicitude era máis amplo, de xaneiro a novembro. Pero o baixo volume de axudas adxudicadas levou a Consellería a adoptar unha medida de flexibilidade non aplicada ao tícket eléctrico: a finais de outubro prolongou o prazo ata mediados de decembro para "garantir a maior eficacia posible", dado que "hai crédito sobrante", e así "asegurar ás familias o acceso continuado a unha subministración esencial como é electricidade".

Menos do 20% dos fondos dos dous programas acabaron financiando axudas ás familias

Malia a prolongación do prazo a finais de ano quedaba sen gastar o 88% dos 600.000 euros cos que se financiaban as axudas. Por este motivo, eses 531.116,71 euros "sen comprometer" pasaron a formar parte tamén do fondo da Administración para pagar imprevistos. Deste xeito, dos 2,7 millóns de euros orzamentados pola Xunta para axudar ao pagamento de recibos da luz só uns 502.000 euros foron finalmente para esta finalidade, o 18,60% do total. Mentres, os devanditos 830.000 euros financiaron outros gastos da Administración e 1,4 millóns movéronse ao fondo de imprevistos.

Despois da devandita transferencia de 227 millóns ao fondo de imprevistos, entre eles os das axudas da luz, o Goberno aproveitou os dous días que restaban do ano para recolocar ata 155 millóns desa partida. Case 130 millóns serviron para financiar gastos farmacéuticos do Sergas e outros 18, cotas pendentes de Sanidade con centros sanitarios privados. Outras operacións de menor importe foron 2,5 millóns de euros que Política Social destinou ao plan concertado dos Concellos -servizos sociais municipais que dependen do financiamento da Xunta- ou 400.000 euros para pagar producións externas da TVG.

Xustificación da Xunta e críticas da oposición

O Goberno defende que atendeu "todas as axudas que se solicitaron" e a oposición reclama flexibilizar os requisitos e que non teñan que ser tramitadas só a través de internet

O feito de que apenas o 20% das axudas para a luz acabase tendo este cometido ten dúas lecturas ben diferentes entre Goberno e a oposición galega. Así, a Consellería de Economía subliñou a Praza.gal que concedeu "todas as axudas que se solicitaron" e cumprían os requisitos, un total de 2.168 familias no caso do tícket eléctrico, e o propio Feijóo salientou o pasado xaneiro no Parlamento que "atendemos todas as solicitudes que chegaron, a todos os que as pediron, se lles concedeu", un argumento que reiterou esta mesma semana na Cámara en resposta á voceira do BNG, Ana Pontón. Ademais, a Xunta pon o acento en que as ordes de axudas deste 2017 están pensadas para "seguir axudando as familias con menos recursos" e facelo "sen límites". Non obstante, o orzamento inicial de ambos subsidios foi reducido: un 62% no caso do tícket eléctrico e un 33% nas axudas urxentes, subsidios que agora tamén se estenden ás facturas de gas.

Mentres, para toda a oposición galega o problema reside nos requisitos das axudas e no procedemento establecido pola Xunta para solicitalas. Así, o pasado febreiro, os tres grupos da banda esquerda apoiaron unha proposición de En Marea -PSdeG e Bloque formularon tamén iniciativas no mesmo sentido- para ampliar os limiares de renda das familias destinatarias das axudas, eliminar requisitos como que teñan que ter ao seu cargo menores ou persoas con discapacidade e, sobre todo, facilitar que poidan ser tramitadas tamén pola vía presencial, xa que as ordes de axudas establecen que as solicitudes só poden ser presentadas "por vía electrónica" e, excepcionalmente, con axuda de persoal público nalgunha sede da Xunta. A proposición foi rexeitada.

Unha das transferencias de fondos do tícket eléctrico a outros gastos da Xunta, aprobada tres días antes das eleccións (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.