Cinco anos de Praza, cinco anos contando

  • Editorial

Cinco anos. Cos seus días e as súas noites. Coas súas 13.500 novas, os seus 30.500 fálase, os seus 9 millóns de visitas e 17 millóns de páxinas consultadas. Se alguén suxerise estas cifras a algunha das persoas que no derradeiro día de xaneiro de 2012 acudiron ao Museo do Pobo Galego para amosaren un petisco do que ía ser Praza Pública a resposta sería, moi probablemente, "oxalá". Horas despois daquela xuntanza de alegría contida, tal día como hoxe hai cinco anos, nacía Praza.com, que tornou en Praza.gal en canto foi posible. Partiamos dun convencemento que era tamén un desexo: A Galicia non lle cómpre o silencio. Que había moito que contar, que precisabamos un xornal que contase para relatar máis e mellor o país e o mundo.

Aquel 1 de febreiro de 2012 partiamos dun convencemento que tamén era un desexo: A Galicia non lle cómpre o silencio, precisabamos un xornal que contase para relatar máis e mellor o país e o mundo

Eran días de treboada intensa en case todas as frontes posibles. A política galega e estatal eran convulsas e os asuntos internos das diferentes formacións convivían nos titulares coas tesoiras implacables do que semellaba o peor da crise económica. En Galicia sucedéranse os peches de medios de comunicación cos seus correspondentes velorios e a consabida luz ao final do túnel, de existir, non se vía por ningures. Esta era a paisaxe pola que empezamos a camiñar, cunha aposta polo xornalismo e as persoas que o exercen e cun proxecto tecnolóxico desenvolvido dende A Navalla Suíza que era tamén un reto inzado de elementos que nos anos seguintes acabaron sendo cotiáns, pero que daquela producían no equipo de Praza un aquel de vertixe fronte ao descoñecido.

Esa Galicia de comezos de 2012 foi a que tentamos reflectir na nosa primeira portada. A inquietude polo máis que incerto futuro do banco en que acabaran convertidos os restos das desaparecidas Caixanova e Caixa Galicia, a mobilización cidadá contra o que ía ser a 'Sogama do sur' ou o adianto dunha das últimas entrevistas da vida de Isaac Díaz Pardo foron algunhas das nosas primeiras informacións nos días en que conmemorabamos 200 anos de xornalismo en galego, comprobabamos que a saída rápida da crise augurada polos gobernos non se vía por ningures ou atendiamos ás reflexións de Mário Soares a respecto de conceptos que comezabamos a manexar no día a día: a troika, a prima de risco, as axencias de cualificación da débeda...

A primeira media década de Praza é o noso mellor estímulo para ollarmos cara a un futuro no que vemos moitos retos e proxectos. Todos eles pasan por ampliarmos o noso cadro de persoal.

Aquela primeira xornada foi apaixonante e intensa. Tanto que as nosas expectativas se viron sobrepasadas e a maquinaria coa que comezamos a andaina non puido aguantar o aluvión de visitas, o que provocou que o día das nosas primeiras noticias fose tamén o das nosas primeiras desculpas. Despois viñeron moitas máis das primeiras e algunhas das segundas. Neste anos cometemos erros e procuramos, sempre, aprender deles.

Non queremos, neste día de celebración, que este exercicio de memoria traia consigo a nostalxia. Nin de lonxe. A primeira media década de Praza é o noso mellor estímulo para ollarmos cara a un futuro no que vemos moitos retos e proxectos. Todos eles, sen excepción, pasan pola necesidade de ampliarmos o noso cadro de persoal, ir alén das catro persoas que actualmente asumen o groso do traballo informativo diario e das tres que, de media, realizan colaboracións xornalísticas estables con nós.

Nada do que facemos, nin a primeira letra, sería posible sen o apoio de quen confían en Praza para inseriren a súa publicidade e sen a confianza das socias e socios que colaboran co sostemento do xornal

Cantas máis persoas poidan elaborar o xornal cada día, máis poderemos pegarnos ao territorio e teremos máis ollos para ollarmos a realidade e poñermos a lupa sobre o que cremos que cómpre contar, dende a investigación e a denuncia do que se fai mal ata o descubrimento e espallamento da innovación e o talento que se desenvolve cada día en Galicia. Todo isto depende de algo pouco romántico e moi real: dos ingresos que sexamos quen de captar, cuxos detalles de 2016 publicaremos proximamente, como corresponde. Nada do que facemos, nin a primeira letra, sería posible sen o apoio das empresas e institucións que confían en Praza.gal para inseriren a súa publicidade. E, por suposto, sen a confianza das socias e socios que, na medida das súas posibilidades, colaboran economicamente co sostemento económico do noso, do voso xornal

Para facermos todo isto temos tamén os brazos abertos e as mans dispostas a tecermos redes dende a fidelidade aos nosos principios fundacionais: "Exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo", isto é, "a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais da Galicia que vén". Fica moito país e moito mundo por contar. Seguimos da vosa man.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.