O pleno do Congreso aproba os primeiros Orzamentos de Rajoy en minoría cos votos do PP, Ciudadanos, PNV, Coalición Canaria e Nueva Canarias. As contas, que agora seguen trámite no Senado, inclúen un 32% de caída do investimento en Galicia por mor da fin das grandes partidas do AVE a Madrid, cuxo calendario foi modificado nos últimos días en virtude dun pacto do PP con Foro Asturias.
Fálase
A lista de espera das escolas infantís da Xunta queda finalmente cuns 6.000 nenos e nenas. Europa Press recompila na súa web os datos das resolucións publicadas polo Consorcio de Benestar e mais pola Axencia de Servizos Sociais. Feijóo asegurou que estas escolas "non" teñen lista de agarda e mantivo tamén que o Bono Concilia, a subvención para quen quedan sen praza, pode chegar a "todas" as familias, pero mantén as limitacións.
O presidente da Deputación de Lugo subliña que a votación sobre a presidencia da Sociedade Urbanística Provincial "non ten maior importancia" porque os grupos xa acordaran "promover cambios no consello de administración" da entidade. Darío Campos lamenta que o PP queira "meter cizaña e desprestixiarme" e resalta que o organismo estará dirixido por Manuel Martínez ou por el mesmo.
Os deputados galegos do PSOE no Congreso trasladan ás vítimas de Angrois que "poden contar co seu apoio" á apertura dunha comisión de investigación sobre o accidente. Tras manter unha xuntanza coa Plataforma Víctimas Alvia 04155 a coordinadora dos representantes do PSdeG, Pilar Cancela, asegurou que vai "trasladar esta posición favorable" ao resto do Grupo Socialista, na liña da votación da pasada semana no Parlamento galego. Se o resto de grupos manteñen as súas posturas, esta mudanza permitiría sacar a comisión adiante.
Arquivada a denuncia da CIG contra a cúpula de Caixa Galicia. A Audiencia Nacional, en base ao informe da Fiscalía, decide arquivar a demanda da central, que denuncia que "mentres as cúpulas de Bankia ou da CAM están sendo xulgadas", a da entidade galega "non foi sequera investigada".
Zara deberá pagar unha multa de 1,5 millóns de dólares en Brasil por un caso de traballo escravo rexistrado en 2011. O Ministerio de Traballo brasileiro sinala que a empresa incumpriu os compromisos para mellorar as condicións das persoas empregadas nas súas compañías proveedoras.
VÍDEO | As vítimas de Angrois recompilan os apoios á súa petición dunha investigación política sobre o accidente e subliñan as incoherencias ao respecto de diversos dirixentes. Publícano na xornada en que volven trasladar ao Congreso as súas reivindicacións e poucos días despois de que o PP ficase só por primeira vez no Parlamento galego na negativa á petición dunha comisión ao respecto nas Cortes.
O BNG presenta o seu novo logotipo, que a formación nacionalista está a difundir no marco da campaña #novoBNG.
Fomento teima en que vai construír unha liña de AVE Ourense-Vigo por Cerdedo. O millonario proxecto apenas ten financiamento e volveu ser adiado en virtude dun pacto do PP con Foro Asturias. Diversos dirixentes dubidan en privado de que chegue a realizarse.
Unha publicación da Asociación de Empresarios de Sada (Xornal Mariñán) equipara nun artigo de opinión a homosexualidade á pederastia e o incesto, afirmando por exemplo que "una cosa es el homosexual discreto y respetable y otra muy distinta el maricón ostentoso". O texto, titulado "La homosexualidad es pecado", recibiu o apoio do presidente da entidade empresarial, que o cualifica de "valente e correcto"