"O PP dedícase a dividir os gandeiros no canto de afrontar o problema do leite"

Bloqueo na planta de Larsa en Outeiro de Rei © Óscar Pose

Unha semana despois do inicio da tractorada de Santiago e cando xa transcorreron dous meses dende que comezaron a intensificarse as protestas gandeiras, o sector vive entre o cansazo e a indignación que segue a alimentar as protestas contra os baixos prezos do leite. As grandes concentracións de vehículos agrícolas en Compostela e Lugo foron substituídas dende o pasado venres polo bloqueo das 15 industrias lácteas do país, que agora se completarán con protestas selectivas nos centros de distribución. A loita continúa e no seo da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego o malestar non está provocado só por quen paga o produto por baixo do prezo do custo, senón tamén por quen tenta "desmoralizar e dividir os gandeiros". Ese papel, aseguran, está a xogalo o PP.

A renuncia a continuar coa mobilización por parte grupo que se erixira en líder da tractorada de Lugo evidenciou a pasada fin de semana o seu desmarque e demostrou, a xuízo do representante da Organización de Produtores de Leite e voceiro da plataforma, Anxo Escariz, o que "dixemos dende o primeiro día". Abonda, di, con "coller o listado" de "representantes dos concellos" que son núcleo deste grupo e "son concelleiros do PP e militantes activos do PP, os mesmos que carrexan xente para as eleccións. Ou non nos coñecemos todos, ou nacemos onte?", pregúntase.

Anxo Escariz: "Son concelleiros e militantes activos do PP, os mesmos que carrexan xente para as eleccións"

"No canto de afrontar o problema lácteo", lamenta, "o PP dedícase a dividir, a desmotivar, a desmoralizar" e a "tentar que nos pelexemos, a ver se marchamos", afirma Escariz. Segundo o voceiro da Plataforma moitos dos gandeiros que participaron na tractorada de Lugo "quedaron coa cabeza destrozada despois de estar unha semana escoitando manipulacións", entre elas, cita, acusacións contra os sindicatos ou a propia plataforma. Proba disto, ilustra, é que "cando a conselleira non tivera a dignidade de recibir a Plataforma", abondou con que a chamase "ese paracaidista de Lugo", en referencia a Roberto López, voceiro dese colectivo, para que Rosa Quintana acudise á tractorada. Xusto despois, critica, o colectivo instou a "darlle un voto de confianza" á Xunta.

Rueda aplaude a decisión de Lugo e defende o preacordo

O vicepresidente insta os gandeiros a "sumarse" ao preacordo e coida que "algúns están entendendo de que é o momento de aproveitar as vantaxes"

Mentres continúan as protestas o Goberno galego veu defendendo durante a fin de semana a necesidade de que o sector se sume ao preacordo formulado a pasada semana en Madrid e, por extensión, abandonen as mobilizacións. Segundo o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a decisión do grupo de Lugo, así como o feito de que a asociación de cooperativas AGACA se desvinculase da plataforma, é a mellor mostra de que "algúns están entendendo que agora é o momento de aproveitar as vantaxes que ten que todos se puxesen de acordo en cuestións fundamentais". "Refírome á industria distribución e produtores", subliña o número dous de Feijóo, para quen "é o momento" de que os gandeiros mobilizados "sumen" e se adhiran ao pacto.

"Eu convido os da Xunta a que fagan o que estamos facendo nós: falar cos gandeiros e ver o ánimo que teñen", retruca Ascariz, quen afirma ademais que un bo número dos gandeiros que marcharon de Lugo o sábado "reflexionaron sobre o que pasou e ven que as medidas de presión" como o bloqueo ás industrias "son totalmente efectivas". Por este motivo, advirte, mentres non haxa garantía de prezos por riba do custo de produción continuará o bloqueo ás factorías e "imos actuar sobre a distribución no momento en que decidamos".

Leite derramado nunha explotación de Riotorto © Revista Afriga

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.