Campaña electoral, tempo de anuncios da Xunta contra a pobreza enerxética

Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

22 de maio de 2014, derradeiro día da campaña electoral das eleccións europeas: O Goberno galego anuncia -despois de rexeitalo durante meses- un "tícket enerxético" para achegar entre 90 e 120 euros ás familias con menores ao seu cargo e con ingresos inferiores aos 532 euros para pagar os recibos de luz. 12 de febreiro de 2015, coa precampaña dos comicios municipais de maio xa lanzada, a Xunta volver facer outro anuncio neste senso: promete ampliar o ticket, tanto na súa contía coma nos seus posibles beneficiarios. E onte, 14 de decembro de 2015, o Goberno galego repetiu a estratexia, concretando a promesa realizada en febreiro, e presentando un programa -que se poderá solicitar en xaneiro- a través do cal as persoas con ingresos inferiores a eses mesmos 532 euros (con ou sen fillos ao cargo) poderán demandar esta axuda para pagar dúas mensualidades (un recibo) do subministro eléctrico cun tope máximo de 200 euros.

Semella que os momentos previos á celebración de eleccións son propicios para que o Goberno galego anuncie ou aprobe medidas de loita contra a pobreza enerxética

Semella que os momentos previos á celebración de eleccións son propicios para que o Goberno galego anuncie ou aprobe medidas de loita contra a pobreza enerxética, un problema que afecta a cando menos 65 mil fogares galegos, que non poder facer fronte ao pagamento das facturas de luz, gas e calefacción. Unha cifra conservadora que crece noutras estimacións.

O Partido Popular foi reacio durante moito tempo a aprobar medidas contra esta pobreza enerxética e mesmo vetou no Parlamento propostas para evitar os cortes de subministro. O pasado ano puxo en práctica esa primeira acción (o ticket) da que -segundo os cálculos de Núñez Feijoo nese momento- "se poderían beneficiar desta axuda preto de 14.000 familias". Este luns, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, recoñeceu que a cifra final foi moi inferior: "preto de 3.000 familias galegas”. É dicir, menos do 5% dos fogares que non se poden permitir pagar a luz.

O pasado ano Núñez Feijoo afirmou que "preto de 14.000 familias" se poderían beneficiar do ticket. Este luns, o conselleiro de Economía recoñeceu que a cifra final foi moi inferior: 3.000 familias, menos do 5% dos fogares que non se poden permitir pagar a luz

O novo programa pode ampliar un chisco a cifra total de beneficiarios. A Xunta farase cargo "do pago de dúas mensualidades cun tope máximo de 200 euros" e a axuda poderá solicitarse "a partir do mes de xaneiro de 2016 de cara a cubrir os meses de novembro e decembro deste ano". Terán acceso a ela "aqueles titulares dun subministro eléctrico con ingresos anuais que non superen o IPREM", é dicir, 532.51 euros mensuais. Isto significa que o número total de posibles beneficiarios desta axuda de 200 euros para pagar un recibo se sitúa nos 76 mil familias (segundo os datos da Enquisa Estrutural a Fogares do IGE)

Segundo o IGE, ademais, en 2013 un total de 244.868 familias galegas afirmaban non poder "permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada", practicamente unha de cada catro (o 23,08%), unha cifra que crecera notablemente dende o 18,56% de 2011. No primeiro trimestre de 2015, así mesmo, o 6,65% das familias galegas (unhas 70 mil) recoñeceron que tiveran algún "atraso" no pagamento do aluguer, hipoteca, luz, gas ou auga.

 

Acordo coas comercializadoras eléctricas

A Xunta asinou coas principais comercializadoras eléctricas que operan en Galicia un convenio que ten por obxectivo "evitar o corte da luz por impago"

Este luns, ademais, a Xunta asinou coas principais comercializadoras eléctricas que operan en Galicia un convenio que ten por obxectivo "evitar o corte da luz por impago ás familias con menos recursos". No acto, que estivo presidido por Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde, participaron os representantes das empresas asinantes (Gas Natural Fenosa, EDP, Viesgo, Iberdrola, Endesa e CIDE, en representación das pequenas comercializadoras). Conde asegurou que se trataba dun "programa pioneiro en España" que aspira a que “ningún fogar galego quede sen electricidade por falta de recursos económicos para o pago da factura”. O "pioneiro" programa da Xunta foi aprobado anteriormente por outros gobernos autonómicos, coma a Comunidade Valenciana, Madrid ou Castela-León, e tamén por concellos grandes e pequenos, dende A Coruña ata Muras, que mesmo foron máis alá.

O "pioneiro" programa da Xunta foi aprobado anteriormente por outros gobernos autonómicos, coma a Comunidade Valenciana, Madrid ou Castela-León, e tamén por concellos grandes e pequenos, dende A Coruña ata Muras

O funcionamento do protocolo asinado este luns é o seguinte: cando algunha familia estea en risco de sufrir un corte de subministración eléctrica como consecuencia dun impago ou un atraso na factura recibirá unha notificación da comercializadora na que lle informará da posibilidade de acceder á axuda do Goberno galego se os seus ingresos anuais son inferiores ao IPREM. No momento en que a persoa en risco de quedar sen luz ou calefacción presente, por vía telemática, a solicitude ante a Consellería de Economía, esta indicaralle á compañía que paralice o corte do subministro durante o prazo dun mes, tempo necesario para proceder á resolución da axuda. E, se a axuda é finalmente concedida, procederase ao pagamento á compañía eléctrica.

 

Acordo asinado polo Goberno galego coas comercializadoras eléctricas, este luns © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.