Un novo veto a símbolos portados por afeccionados galegos. Desta vez foi en Madrid, no estadio de Vallecas, durante o partido de fútbol que o Lugo e o Rayo disputaron o pasado sábado. Varios afeccionados do equipo lucense viron como a seguridade privada do recinto -nalgúns casos acompañada pola policía nacional- requisaba todo tipo de estandartes, incluídos todas as bandeiras galegas con estrela vermella, pero tamén algunha co escudo de Castelao ou cunha vaca. Esta polémica actuación chega meses despois de que seareiros do Celta, Deportivo e Obradoiro sufrisen situacións semellantes en diferentes acontecementos deportivos.
Seguridade privada do Rayo, acompañada da policía, requisou bandeiras galegas con estrela, co escudo de Castelao ou cunha vaca
Varias peñas do Club Deportivo Lugo emitiron xa un comunicado conxunto para chamar a atención sobre o que consideran "un episodio de censura e represión" e un "ataque" contra os seus "dereitos fundamentais". "É algo que até o de agora nunca chegáramos a vivir en semellante grao nun campo de fútbol", explican nun documento asinado por Brigadas Lucenses, Sección Lololo, Hinchada Rossa, Siareir@s Minho e Muralla Norte.
Segundo contan, á súa entrada na zona reservada á afección visitante do estadio vallecano, todos os seareiros lucenses foron sometidos a "rigorosos, estritos e abusivos rexistros e controis" por parte da seguridade privada do club e da policía nacional. Como vén sendo habitual nos estadios de fútbol desde hai meses, tiveron que ensinar todas as bufandas, bandeiras e simboloxía portada. Os axentes tiñan orde de requisar as bandeiras estreleiras "por seren bandeiras independentistas", tal e como aseguran os peñistas que lles xustificaron.
Varias peñas do Lugo denuncian "un episodio de censura e represión" como "nunca" viviran antes
Requisaron todas as bandeiras con estrela vermella, pero tamén unha bandeira galega cunha vaca impresa, unha pancarta co lema Antifascist Solidarity, outra coa inscrición Stop Operación Jaro, polo arquivo da causa contra 9 independentistas mais outra da plataforma Que Voltem para a Casa! Malia que a policía si permitía a súa entrada, a seguridade privada tampouco permitiu a entrada de simboloxía das peñas Sección Lololo e Brigadas Lucenses, así como unha bufanda do grupo local Bukaneros.
Xa co partido comezado e dentro do estadio, prohibiuse amosar outros símbolos que xa pasaron o control de entrada, como unha bandeira de Brigadas Luceses, unha das nacións celtas ou un suadoiro coa inscrición Brigadas Lucenses. Sección Xuvenil, sempre baixo "ameazas de multa" expresadas pola seguridade, segundo os peñistas. Ademais, noutra bancada con afeccionados lucenses, axentes privados pediron a retirada doutra estreleira e dunha bandeira co escudo de Castelao antes de que o fixese a policía nacional. A piques de rematar o partido, e sempre segundo o comunicado, dúas persoas foron expulsadas do campo por portar tamén estreleiras, motivo que levou a varios afeccionados a abandonar o encontro antes de tempo en sinal de protesta.
A policía xustifica a retirada das bandeiras con estrela "por seren independentistas" e estar "prohibidas"
Segundo o relato dos peñistas, preguntada a policía por que si se permitían bandeiras republicanas e con estrela vermella noutras partes do campo e non as galegas, a resposta foi que as súas "eran independentistas e estaban prohibidas". Ao final do partido, un seareiro galego do Rayo fixo unha reclamación formal ao club madrileño, pero as peñas lucenses xa anunciaron que tomarán medidas nos vindeiros días "en resposta á censura e á represión" á que din que foron sometidos.
O Valedor recriminara ao Goberno central o veto ás bandeiras e a Defensora vén de pedir explicacións polo último caso en Leganés
O episodio non é novo. Hai xa case catro anos, o Valedor do Pobo tiráralle das orellas ao Goberno central polo veto a bandeiras galegas con estrela que se producira en diferentes recintos deportivos por parte da policía nacional e lembraba que só en casos "excepcionais" se poderían prohibir estes símbolos. Ademais, recomendaba ás forzas de seguridade que restrinxise "o seu control da exhibición de símbolos" para "un mellor equilibrio entre a liberdade de expresión e a orde pública". Nunha resposta a unha iniciativa do BNG no Congreso, o Ministerio do Interior xustificara a prohibición de estreleiras porque “a súa exposición pode provocar unha reacción adversa e violenta por parte doutros sectores do público”
O veto ás estreleiras ou outros símbolos producírase en varios estadios de fútbol con seareiros deportivistas e celtistas (Valladolid, Madrid, Valencia...) pero tamén no Multiusos Fontes do Sar en encontros do Obradoiro de baloncesto. Mesmo en Balaídos, un veterano afeccionado celtista fora acusado de "exaltación de terrorismo" por lucir unha bufanda dos Celtarras. A Defensora del Pueblo pediu xa explicacións ao Goberno central e á Federación Española de Fútbol pola requisa de símbolos a afeccionados celtiñas en Leganés aínda o pasado mes de marzo.