Tal día coma hoxe, hai quince anos, nacía Nunca Máis. A plataforma que abeirou as numerosas e masivas mobilizacións contra a xestión da catástrofe do Prestige sitúa a súa data de nacemento naquel 21 de novembro de 2002, dous días despois do afundimento do buque e coas primeiras mareas negras chegando á costa. Unha xuntanza en réxime de autoconvocatoria reúne en Compostela partidos políticos, sindicatos, colectivos estudantís e ecoloxistas, confrarías ou plataformas en defensa das rías co obxectivo de conformar unha plataforma aberta e plural para "canalizar a resposta e a indignación" ante a xestión da catástrofe. Naquela coordinadora fundacional do movemento -ao que se unirían logo centos de colectivos e persoas a título individual- estaba Xaquín Rubido, portavoz actual do que foi moito máis que un lema e unha bandeira.
Como chegou a Nunca Máis?
A plataforma configurouse coa base de que estivesen presentes nesa coordinadora inicial representantes de diferentes áreas, desde a veciñanza aos sindicatos pasando por plataformas en defensa das rías. Eu incorporeime, por dicilo así, nese cupo de colectivos das rías porque na Arousa xa tiñamos unha existencia previa, unha entidade creada para protestar contra os depósitos de Ferrazo.
Foi xa a intención inicial facela o máis aberta posible?
Si, claro, porque había moitísimos colectivos implicados naqueles inicios e buscouse unha fórmula cuxo obxectivo era garantir a pluralidade da plataforma.
"O obxectivo principal era dar unha resposta colectiva e conxunto á xestión da catástrofe, canalizar toda aquela indignación"
Que era o urxente que se quixo facer naqueles inicios e tan só uns días despois do afundimento do buque?
Dar resposta colectiva e conxunta, ese era o obxectivo principal no inicio porque cadaquén estaba a responder á catástrofe no seu eido e na súa zona. Lembro que o primeiro que fixemos nós foi unha asemblea multitudinaria na confraría da Illa de Arousa e despois unha acampada no actual Itecmar en Vilagarcía. Cadaquén levaba a cabo iniciativas movido pola alarma social xerada e pola dinámica de cada zona, e o que se pretendía era canalizar todas esas enerxías a nivel galego, toda a indignación que ía aumentando ante a total pasividade, inoperancia e neglixencia das autoridades que tiñan a responsabilidade legal de dar unha resposta. Había unha presión desde abaixo, da xente afectada, ben por seren mariñeiros, pola súa sensibilidade ante o problema ou polo que fose... O obxectivo desas primeiras reunións era encarreirar toda esa indignación.
"Era tal a intensidade que todo pasaba moi rápido; non sabiamos o que nos iamos atopar na manifestación de Compostela"
E decídese convocar a histórica manifestación en Compostela. Esperaban tantaa afluencia?
Realmente, naqueles momentos, era tal a intensidade coa que se estaba vivindo que todo pasaba moi rápido. Estabamos subidos nun cabalo desbocado que era a indignación da xente e que facía que todos e todas nós estiveramos desbordados. Non sabiamos o que iamos atopar alí. Imaxinabamos que ía ser moi potente porque a xente presionábanos para reaccionar e había unha excesiva carga de indignación, de emoción, de traballo... Había que facer moitísimas cousas e pouco tempo para reflexionar.
O lema, o símbolo, cre que foron un éxito?
Eran un bo denominador común dos nosos sentimentos e de todas as posicións e toda a pluralidade que había nesa resposta. Eramos o conxunto da sociedade, todo o mundo, tratábase de dar cabida a toda a xente e aí estaban os que votaban A e os que votaban B.
"Nunca Máis eramos toda a sociedade, os que votaban A e os que votaban B; criticabamos os gobernos pola xestión da catástrofe"
Pero claro, as críticas eran a gobernos do PP...
Non había dúbida de que as críticas recaían nos gobernos do PP, tanto na Xunta como no Estado, pero foi porque era así. Non era por seren do PP senón porque eran os gobernos que xestionaban a catástrofe e había un sentimento común e xeral de que o estaban facendo realmente mal e que estaban a causar un prexuízo ao conxunto da sociedade e ao noso futuro, como de feito aconteceu.
"En Galicia tiñamos pendente responder unitariamente como sociedade; Nunca Máis fíxonos ver que eramos quen de facelo"
Cre que a eclosión de Nunca Máis supuxo un cambio da visión que do pobo galego se tiña fóra de Galicia?
Foi así, pero significou un cambio tamén para dentro. En Galicia era un asunto pendente que a sociedade fose quen de responder unitariamente fronte a algo grave, con intensidade e permanencia no tempo. A mobilización con Nunca Máis fíxonos sentir seguros de que somos capaces de responder como país. Ademais, desde fóra tamén axudou a configurar otra realidade da sociedade galega, moito máis rica, máis matizada e máis acorde cos tempos e non tanto coa imaxe que se tiña do pasado.
"Había científicos no comité de expertos do Goberno e en Nunca Máis; eramos, practicamente, un goberno paralelo"
Intensa e permanente, foi ese o maior éxito da mobilización ao abeiro de Nunca Máis?
Hai que ter en conta que foi unha mobilización moi potente e durante moitísimo tempo, algo que é moi difícil de conseguir. Houbo un traballo organizativo, de concienciación, de debate... Foi algo moi diverso porque había iniciativas de artistas pero tamén de científicos, entre outros. Había científicos que participaban na comisión de expertos creada polo Goberno do Estado e ao tempo estaban en Nunca Máis. Era unha situación, practicamente, de goberno paralelo.
Quince anos despois, que nos deixou Nunca Máis? Que quedou?
Queda ese pouso de que somos quen de organizarnos, de dar resposta conxunta, de actuar. Socialmente, os labores de Nunca Máis están infiltrados na conciencia da sociedade galega, son xa nosos, da xente, que era a protagonista real de todo aquilo. Os valores que se defenderon existen no pobo e ese é un patrimonio moi importante de cara a o futuro porque vai configurando a sociedade cun perfil máis enriquecedor e con moita máis perspectiva de futuro. Eses valores reflíctense nunha sociedade que sabe que ten un futuro propio botando man deses piares, desa enerxía para construír unha sociedade máis xusta, máis equitativa, máis defensora do medio ambiente.
"Os valores de Nunca Máis son xa da sociedade galega, infiltráronse no pobo e son un importante patrimonio de cara ao futuro"
E chega a vaga de lumes e a xente sae á rúa a berrar "Nunca Máis"...
Ese é o reflexo do que estaba falando, deses valores e desa perspectiva de futuro. A xente respondeu á vaga de incendios berrando "Nunca Máis" porque está reivindicando que é posible outro modelo de xestión forestal, outro xeito de facer as cousas... E o certo é que facelas peor do que se fan é moi difícil.
E organizativamente, que queda de Nunca Máis?
Nunca Máis, agora mesmo e no sentido organizativo, non existe porque non se reúne periodicamente. Si que hai xuntanzas por cuestións organizativas ou temas que quedaron pendentes e hainas tamén se xorde algo de súpeto e hai que dar unha resposta. Eu exerzo de portavoz porque é a función que cumprín na última etapa, pero iso tamén era algo que ía mudando porque a estrutura da plataforma sempre foi moi diversa.