O BNG encadéase para impedir que a familia Franco volva levar as estatuas do Mestre Mateo

Pancarta despregada polo BNG fronte ao Pazo de Xelmirez, veciño da Catedral, que albergou a exposición agora rematada Dominio Público BNG

Este luns, coincidindo co remate da exposición temporal sobre o Mestre Mateo que viña acollendo o Pazo de Xelmirez, contiguo á Catedral de Santiago, unha vintena de cargos e membros do BNG encadeáronse de xeito simbólico na porta do edificio para reclamar que non saian de alí as dúas estatuas propiedade da familia Franco cedidas para a mostra. Despois de que o Concello e a Xunta iniciasen os trámites respectivamente para recuperar a propiedade das figuras e protexelas como Ben de Interese Cultural (BIC), os nacionalistas reclaman ás dúas administracións que adopten xa medidas cautelares para evitar que as estatuas saian de Santiago.

Os nacionalistas reclaman que o Concello e a Xunta adopten medidas cautelares para evitar a saída de Santiago das figuras tras o remate da mostra temporal que as expuxo no Pazo de Xelmirez, xunto á Catedral

As dúas figuras atribuídas ao Mestre Mateo, que representan supostamente a Abraham e Isaac, formaron parte ata o século XVIII do Pórtico da Gloria e foron mercadas polo Concello de Santiago en 1948 para pasaren a ser parte "do patrimonio artístico da cidade". No Ano Santo de 1954 Carmen Polo amosou un "interese insistente" por elas e, sen "formalidade ningunha", detalla a demanda presentada polo Concello de Santiago contra a familia, fóronlle entregadas. Cando volveron ser vistas en público, nunha exposición en 1961, xa se presentaban como "cesión" do ditador e a súa esposa.

A través dunha cesión similar esas dúas figuras foron incluídas nunha exposición temporal sobre o Mestre Mateo organizada o pasado ano no Museo del Prado que posteriormente puido verse tamén en Santiago, no Pazo de Xelmirez, ata este mesmo domingo. Este luns, coincidindo co inicio da súa desmontaxe, o BNG organizou o acto de protesta co encadeamento simbólico ás portas do edificio. Simbólico porque os cargos nacionalistas retiráronse aos poucos minutos argumentando que non ía ser este luns cando as estatuas abandonen o recinto, pero advertindo de que volverán para impedir a súa saída cando iso ocorra nos próximos días.

Os nacionalistas retiráronse aos poucos minutos argumentando que non ía ser este luns cando as estatuas abandonen o recinto, pero advertindo de que volverán para impedir a súa saída cando iso ocorra nos próximos días

Na protesta deste luns participou, entre outros, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o deputado autonómico Luís Bará. Os dous reclamaron a Concello de Santiago e Xunta que adopten “medidas cautelares” para impedir que as estatuas volvan saír de Santiago e que fagan todo o posible para que permanezan na Catedral, “de onde nunca deberon saír”. Así o reiterarán nos próximos días, avanzaron, en iniciativas políticas que presentarán tanto ante o Pleno municipal como no Parlamento de Galicia.

Antes do encadeamento deste luns, cargos e militantes nacionalistas xa ocuparan tamén simbólicamente o Pazo de Meirás e a Casa Cornide, na Coruña, tamén en mans dos Franco.

Membros do BNG encadeados de xeito simbólico ás portas da exposición temporal sobre o Mestre Mateo rematada este domingo Dominio Público BNG
As imaxes do Mestre Mateo propiedade da familia Franco no último día da exposición no Pazo de Xelmirez CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.