O Parlamento Europeo pide investigar se as minas de San Fins incumpriron a legalidade

Río San Fins © Verdegaia

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeu avaliou este mércores a queixa formulada en xaneiro de 2017 pola Asociación Petón do Lobo, integrada nas plataformas ContraMINAcción e Vida e Ría ou Minaría, por vulneración de diversas directivas europeas na explotación mineira de volframio e estaño de San Finx, en Lousame. A entidade denuncia a omisión do procedemento de avaliación de impacto ambiental do proxecto mineiro en 2009, o abandono de dúas presas de residuos mineros en pleno cauce fluvial, a potencial afectación á actividade marisqueira e á saúde pública e a contaminación das augas con metais pesados, superándose no río (que desemboca sete quilómetros augas abaixo na ría de Noia) varias veces os limites máximos permitidos para cadmio, cobre e cinc.

A Comisión acordou requirirlle á Comisión Europea o inicio dun proceso completo de auditoría, subliñando existencia de fundamentos que apuntan para unha vulneración sistemática e xeneralizada da normativa europea, non só no caso da mina de San Finx, pero tamén noutras, como as de Touro, Santa Comba ou Monte Neme.

“Non queremos que a nosa ría sexa o próximo Aznalcóllar ou Baia Mare. O noso modo de vida, o noso futuro e o das próximas xeracións dependen diso”, destacou o mariscador José Romarís

O mariscador José Romarís foi o encargado de presentar a petición, destacando que “non queremos que a nosa ría sexa o próximo Aznalcóllar ou Baia Mare” e que “o noso modo de vida, o noso futuro e o das próximas xeracións dependen diso”. A Asociación Petón do Lobo e os colectivos implicados en ContraMINAcción e Vida e Ría destacan que a mina vulnera a Directiva Marco da Auga, que establece os límites máximos de certas substancias perigosas nos ríos europeos, denunciando que "a Xunta ten permitido desde o ano 1991 (no que xa existían analíticas detalladas) ata a actualidade a inxección ao río de millóns de metros cúbicos de augas contaminadas cada ano". Tamén fan fincapé na omisión do procedemento de avaliación de impacto ambiental, o que "impediu as alegacións dos interesados" e "facilitou que se excluísen do mesmo a obriga de restauración de dúas presas de residuos mineiros".

Denucian a omisión do procedemento de avaliación de impacto ambiental do proxecto mineiro en 2009 e o abandono de dúas presas de residuos mineros en pleno cauce fluvial

Nas posteriores intervencións das deputadas e deputados, Ana Miranda (BNG), Ángela Vallina (IU), Maite Pagazaurtundúa Ruiz​ (UPyD), Lidia Senra (AGE), António Marinho e Pinto (PDR, de Portugal) e Judith Kirton-Darling (Partido Laborista, do Reino Unido) instaron á Comisión a realizar unha auditoría exhaustiva da situación do Grupo Mineiro San Finx. Tan só eurodeputado galego Francisco Millán Mon (PP) pretendeu excusar a actuación da Xunta.

O pasado ano Augas de Galicia confirmou a contaminación provocada en Noia pola mina de San Fins; o organismo dependente da Xunta realizou medicións no lugar, concluíndo que as augas que escoan da bocamina Buenaventura amosaban os valores máis altos de metais tóxicos, que no caso do cadmio multiplican por 28 os máximos permitidos polas normas de calidade ambiental. Río abaixo da explotación, a contaminación mineira das augas vai diminuíndo, mais seguen a superarse os límites legais de cadmio, cobre e zinc mesmo a 1.500 metros da mina. Poucos meses despois a Fiscalía denunciou á Xunta por irregularidades e desleixo na mina de San Fins.

 

Presa maior en San Fins © Verdegaia
O mariscador José Manuel Romarís, na súa intervención do Parlamento europeo © Verdegaia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.