- A Semana da Mobilidade, da Coruña a Compostela ou Pontevedra
- ENTREVISTA | "A peonalización é un modelo de cidade que funcionou en todas partes"
O centro histórico de Ferrol será peonil entre este venres ao mediodía e a madrugada do domingo ao luns. Co gallo do Día sen Coches o Goberno municipal impulsa esta experiencia piloto, que acompaña de aparcamentos disuasorios nos arredores do barrio da Magdalena, a gratuidade dos autobuses urbanos e numerosas actividades relacionadas coa Semana da Mobilidade. O pasado ano o Concello de Ferrol presentou o seu proxecto de peonalización, co que busca reverter a crise poboacional e comercial do seu centro e seguir así o camiño aberto por cidades como Pontevedra ou Compostela. Este pasado mes de xuño A Coruña completou a peonalización da súa Cidade Vella e tamén Ourense vén de aprobar a prohibición dos vehículos motorizados en varias rúas do seu centro. Ferrol é unha das urbes con menos rúas peonís e está a ficar como unha excepción, unha das poucas cidades nas que a meirande parte do seu casco histórico está aínda aberto ao tráfico rodado.
O barrio da Magdalena será peonil desde as 15 horas do venres 21 ata a noite do domingo 23
Esta fin de semana, dende as 15 horas do venres, todo o barrio da Magdalena será peonil. Ás rúas que xa teñen esta condición (Real, Dolores, Galiano, Carme e Manuel de Cal e parte de María e Magdalena) uniranse o resto das vías nun perímetro comprendido entre as rúas Igrexa e Sol, Arce e Lugo. Habilitaranse outras dúas vías de subida por Rubalcava, onde se ubicará a parada dos taxis a carón da igrexa do Carme, e de baixada pola rúa Coruña. ermitirase o acceso a residentes, carga e descarga e vehículos de servizo. Haberá un reforzo de axentes a pé de rúa para informar en todo momento a veciñanza.
Todas as liñas de bus urbano serán gratuítas durante o venres "coa vontade de concienciar a cidadanía e fomentar o uso do transporte público, no día a día, nas rutinas laborais e escolares e recuperar o espazo da cidade para os peóns con menos fumes", destacan dende o Concello. O Goberno local vén de anunciar, ademais, a construción dun novo aparcamento disuasorio, situado no barrio de Canido, na rúa Alegre, que conterá 165 prazas de aparcamento e que suporá un investimento de 128 mil euros. Unirase ao aparcamento disuasorio xa existente en Sánchez Aguilera (320 prazas) e aos provados de Cantón de Molíns (386), Praza de España (625) e os dos Mercados da Magdalena e Irmandiños (295). Marchas ciclistas, roteiros pola cidade, xogos na rúa, aulas de educación vial, charlas e concursos completarán a programación desta Semana da Mobilidade en Ferrol.
O Goberno municipal presentou o pasado ano o seu proxecto de peonalización, buscando reverter a crise poboacional e comercial do seu centro
"Un barrio peonil, aberto, activo e atractivo é un polo de atracción para asentar novos residentes e novos negocios", destacábase o pasada anos dende o Concello de Ferrol, no momento en que se presentou o proxecto de peonalización. "A peonalización é un modelo de cidade que funcionou en todas partes", subliñaba a concelleira María Fernández Lemos en conversa con Praza, destacando que o barrio "ten unha escala perfecta para levar a cabo unha peonalización, pois "todas as zonas son moi doadamente accesibles dende o perímetro no que si se permite a circulación de coches". "Se non o facemos nós, terá que facelo quen veña despois. Por responsabilidade temos que poñernos en serio con este proxecto", concluía a concelleira de Urbanismo, que cre que "sempre vai haber xente contenta e xente descontenta con estes procesos. E moitos dos descontentos, unha vez que pasan os meses, cambian de opinión. Os gobernos deben ter frialdade e decatarse de que xogan con tempos distintos".