24-M: Primeiro aniversario das municipais que mudaron a cor do mapa

Diferenza de votos ao PP 2011-2015 CC-BY-SA Praza Pública

O 22 de maio do pasado ano as forzas políticas galegas pecharon a campaña das eleccións municipais navegando entre incógnitas. As derradeiras enquisas publicadas deixaban o PP de Alberto Núñez Feijóo cunha soa maioría absoluta, se ben os inquéritos non publicados que seguían a circular auguraban un notable desgaste dos conservadores, que tiñan en serio risco os seus emblemas institucionais locais, isto é, as cidades da provincia da Coruña e as deputacións coruñesa e pontevedresa, ademais de diversas vilas. "Trémennos as pernas co que pode pasar o domingo", comentaba naquela xornada un membro dunha marea urbana. E pasou.

A noite do 24 de maio supuxo o primeiro fracaso electoral serio do PPdeG dende que Alberto Núñez Feijóo está á súa fronte. Os síntomas que amosaran as europeas dun ano antes, coa esquerda volvendo ser maioritaria en Galicia, confirmáronse comezando polas cidades, nas que o bastón de mando que os de Feijóo lograron sumar, o de Ourense, ficou diluído entre os que perderon. A praza forte do círculo político máis próximo ao presidente, a provincia da Coruña, viu como as emerxentes mareas ficaban en primeira posición na Coruña -perderíana despois das impugnacións do PP- e mais en Santiago e deixaban a Xulio Ferreiro e Martiño Noriega ás portas das alcaldías. Os conservadores mantivéronse primeiros en Ferrol, pero o pacto entre Ferrol en Común e os socialistas cortáballes o paso.

O PP perdía os gobernos das cidades nas que triunfara folgadamente catro anos antes e non lograba o poder, agás en Ourense, nas que xa non controlaba. O vigués Abel Caballero dábase un baño de maioría absoluta tanto por acertos propios como por desacertos da popular Elena Muñoz e en Pontevedra o BNG, con Miguel Anxo Fernández Lores á cabeza, consolidaba o seu liderado nunha corporación na que a maior parte do cambio estivo na recomposición da oposición. Tamén en Lugo se reestruturou boa parte da corporación, moito máis fragmentada, pero co bloque da esquerda máis forte que o da dereita.

Pero as mudanzas non foron só cousa de cidades. Municipios de menor dimensión historicamente gobernados polos populares e outras que sumaran á súa conta en 2011 mudaron de signo aquel 24-M. Lalín, Vilagarcía, O Grove, O Porriño, Ponteareas, A Pobra do Caramiñal, Ortigueira, Verín, Muras ou Guitiriz son só algúns dos exemplos de vilas nas que o PP foi desbancado. Mentres, noutras xa gobernadas dende a esquerda e o nacionalismo, como Allariz, Carballo, Vimianzo ou Tomiño, alcaldes e alcaldesas afianzaban e mesmo ampliaban as súas posicións.

Todos estes movementos deron lugar a un mapa no que o PP se mantivo como primeira forza política do país en número total de votos, pero perdendo case 200.000 sufraxios e, sobre todo, unha moi ampla cota de poder institucional en concellos e deputacións. Foi, en síntese, o peor resultado da súa historia municipal en Galicia, cun retroceso que pintou un mapa nunca visto no país.

Ás portas dun ano de goberno

Os números e sensacións daquela intensa noite electoral desembocaron, vinte días despois, na constitución dun amplo número de novos gobernos, que o vindeiro 13 de xuño celebrarán o seu primeiro aniversario no poder. As mareas tomaron o bastón de mando na Coruña, Santiago e Ferrol, Caballero e Lores fixeron valer as súas maiorías en Vigo e Pontevedra e o PSdeG retivo Lugo a costa do paso atrás de quen foi o seu emblema na cidade, Xosé López Orozco, substituído por Lara Méndez, primeira alcaldesa da historia da cidade-.

Os novos gobernos, que o 13 de xuño celebrarán o seu primeiro aniversario, tiveron nos orzamentos de 2016 o seu primeiro gran reto

No caso das plataformas municipalistas urbanas a aterraxe nas institucións non foi doada, tanto por disfuncións propias como por caricaturizacións alleas e a reactivación de controversias que semellaban durmidas, tales como a asistencia a actos relixiosos, que outros alcaldes como o nacionalista Lores xa viviran década e media antes. Uns e outros tiveron diante de si como primeiro gran reto a negociación e aprobación dos orzamentos de 2016, que só tiñan luz verde garantida en Vigo. Polo momento, cinco das sete cidades teñen xa contas, mentres que as outras dúas, Ourense e Ferrol, tentan cadrar o seu difícil crebacabezas. En vinte días será o momento do balance.

A Marea Atlántica, celebrando os resultados a noite do 24-M CC-BY-SA Marea Atlántica
Martiño Noriega, tras coñecer a vitoria de Compostela Aberta CC-BY-SA Óscar Corral / CA
Caballero, tras obter a maioría absoluta o 24-M © PSOE Vigo
Lores, a celebrar a vitoria CC-BY-NC-SA BNG Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.