Cen días: As mareas procuran adaptarse ao poder e o PP caricaturízaas

Suárez, Noriega e Ferreiro, nunha mesa redonda organizada por Praza Pública © Sandra G. Rey

"Trémennos algo as pernas". O pasado 22 de maio, día do peche da campaña das eleccións municipais, un dos referentes dunha das mareas municipais que agora son goberno expresábase deste xeito. Había unha semana que non se publicaban enquisas, pero os datos demoscópicos continuaban a fluír. Estes, combinados coas sensacións percibidas nos actos de campaña, facíanlles valorar como real a posibilidade de teren que tomar o bastón de mando, como así aconteceu na Coruña, Santiago e Ferrol. Cando se van cumprir cen días das tomas de posesión dos novos gobernos locais as plataformas procuran rematar de axustar a súa adaptación ao poder mentres o PP, como xa acontecera na campaña, caricaturiza as súas maneiras de facer e axita a bandeira do "radicalismo" e a falta de "xestión".

Os primeiros trazos da caricatura chegaron cando aínda ecoaban as verbas dos actos de investidura. Vinte e catro horas despois da formalización do cambio celebrábase en Lugo a Ofrenda ao Santísimo Sacramento do Antigo Reino de Galicia, un acto na Catedral de Lugo ao que están convidados os alcaldes das cidades que noutrora foran capitais das sete provincias galegas. Tanto o novo rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, como o seu homólogo de Santiago, Martiño Noriega, anunciaron que non acudirían á cita para cumprir coa promesa de "laicidade" que formularan en campaña. O PP saíu en tromba contra a decisión entre apelacións á "tradición galega", elevando aos titulares un acto que adoitaba pasar desapercibido e ao que un ano antes tampouco acudira o alcalde de Santiago, o popular Ángel Currás.

Despois de estirar un chisco a polémica -nalgúns foros mesmo se chegou a reprochar que non asistise ao acto o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, que non estaba convocado ao mesmo- a cuestión da laicidade seguiu servindo como ariete en Compostela, cuxo goberno preparaba contra reloxo as Festas do Apóstolo. Compostela Aberta xa avanzara en campaña que o 25 de xullo non asistiría á ofrenda que a Casa Real realiza na Catedral e Noriega rexeitaría ser delegado do rei no evento no caso de que llo solicitasen. Grupos cristiáns de base aplaudiron a decisión e o propio Cabido catedralicio quitoulle ferro ao asunto ao considerar que non ten "maior importancia". Os conservadores seguiron cargando contra o goberno local por este asunto e mesmo tamén contra a Igrexa, por non ser belixerante contra o Concello.

Contas, crises e sorpresas

Alén das polémicas de verán máis ou menos inchadas os novos gobernos tamén tiveron que poñerse á fronte de cadansúas maquinarias municipais atopando certas sorpresas no ámbito económico. Así, os novos gabinetes amosaron informes das respectivas intervencións municipais que reflectían falta de solvencia para afrontar pagamentos, no caso da Coruña, partidas orzamentarias comprometidas ata o 90% en Ferrol ou incumprimento das regras de gasto en Santiago. Na Coruña estes desequilibrios económicos estaban na base da aposta do goberno local por impulsar un modificativo de crédito que tornou na primeira crise política de relevancia que tivo que afrontar o equipo da Marea Atlántica, se ben previsiblemente será aprobado este luns.

As intervencións da Coruña, Santiago e Ferrol desvelaron desequilibrios nas contas públicas

Ademais das puramente financeiras estes cen días tamén se produciron outro tipo de sorpresas nestes concellos. Unha das máis rechamantes é a que atopou o alcalde ferrolán cando visitou sen avisar a depuradora de Cabo Prioriño e descubriu que, tras un ano de funcionamento, aínda non depurara nada. Apenas un mes despois da crise que deixou sen auga potable boa parte da comarca de Ferrolterra durante catro días este novo episodio puxo os focos no socio privado da empresa municipal de Augas, Urbaser, do grupo empresarial de Florentino Pérez, que se resiste a ser controlada polas novas autoridades mentres estas ultiman os trámites para elevar o acontecido á Fiscalía.

Unha das 'sorpresas' máis rechamantes foi que a depuradora ferrolá nunca depurara

Mentres, na capital galega, a polémica arreciou cando o gabinete de Noriega desbloqueou un trámite que o equipo de Agustín Hernández deixara sen rematar: os convenios con entidades sociais. O consistorio asignou o case medio millón de euros tal e como estaba previsto agás con dúas excepcións: decidiu non asinar os convenios con entidades antiabortistas e anunciou, ao tempo, que a denominada Red Madre tería que deixar de usar como sede o piso que o PP lle cedera de balde. Os populares atacaron con dureza a decisión e deron en alertar dunha suposta fin das axudas a Cáritas, aínda que esta organización social é, precisamente, a que recibiu maior contía nas axudas

O reto dos orzamentos

O trámite orzamentario porá a proba a capacidade negociadora dos novos gobernos

Alén da foguetería política e mediática o primeiro gran reto dos gobernos das mareas aínda está por chegar. Así, é previsible que en breve as supostas polémicas por concursos, festas, procesións ou bandeiras compartan espazo nos titulares coa negociación dos Orzamentos para 2016. O escenario máis complexo é, a priori, o da Coruña e Santiago, xa que ambos gobernos deben procurar apoios na oposición para sacar adiante as súas primeiras contas, nas que queren introducir xa as primeiras fórmulas participativas.

Factores como a celebración das eleccións xerais en decembro dificultarán un panorama no que Marea Atlántica e Compostela Aberta -e, en menor medida, Ferrol en Común, ao manter un goberno de coalición- teñen por diante o reto de amosaren a súa capacidade de negociación política con acordos que, ao tempo, sexan ben recibidos nos espazos cidadáns que os impulsaron cara ao poder.

O alcalde da Coruña, nunha comparecencia pública CC-BY-SA Concello da Coruña
Noriega, nunha homenaxe municipal a Isaac Díaz Pardo © Concello de Santiago
Jorge Suárez e Beatriz Sestayo © Concello de Ferrol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.