O remate, o mércores, do prolongadísimo pleno que se desenvolve dende este martes suporá, a efectos prácticos, o punto e final da actividade do Parlamento de Galicia da novena lexislatura autonómica. Se todo acontece segundo o previsto a vindeira sesión parlamentaria de relevancia non se celebrará ata mediados ou finais de novembro, cando se constitúa a Cámara da décima lexislatura coa composición que ditaminen as urnas nas eleccións de outubro. A que o Goberno galego proxectara como unha lexislatura contra a "hiperlexislación", isto é, contra a abundancia excesiva de novos textos lexislativos, finalizará como o mandato con maior número de leis aprobadas na historia da autonomía, ata cincuenta e cinco, unha máis que na lexislatura do bipartito.
Ningunha das seis normas preparadas para recibir o visto e prace neste último -e, previsiblemente, derradeiro- pleno estaban previstas no inicio do mandato, cando o presidente da Xunta presentou ante a prensa o seu "calendario lesislativo", un roteiro cunha corentena de proxectos orientados a "non caer" na devandita "hiperlexislación" e "primar o cualitativo". Algo máis dunha quincena daquel paquete de leis están xa aprobadas e en vigor implicando, nalgúns dos casos, modificacións relevantes -caso por exemplo da lei de garantías de prestacións sanitarias, unha das primeiras do mandato-. Outras nin sequera comezaron a tramitarse e algunha, que si o fixo, ficou polo camiño.
Entre as leis anunciadas ao inicio do mandato e xa aprobadas está a de prestacións sanitarias e as novas leis de galeguidade, de universidades ou do solo
Entre as leis anunciadas daquela e xa aprobadas figuran algunhas en materia económica como as de investigación e innovación, a lei do emprendemento ou a de economía social. Tamén saíron adiante leis que actualizaron ou reformaron textos e regulamentacións procedentes de décadas anteriores, caso da lei de estradas, da nova lei de galeguidade, a lei do sistema universitario ou a recente lei do solo. Igualmente, a Xunta salienta no seu balance a aprobación de normas do eido social como a lei de inclusión ou a de accesibilidade.
Ao carón destas normas que si foron aprobadas Feijóo formulaba naquel 2013 outras orientadadas a "reforzar a capacidade de Galicia para paliar os efectos da crise" que nin sequera chegaron a comezar a tramitarse ou, se o fixeron, non completaron o seu percorrido parlamentario. É o caso de proxectos como a lei de industria marítima, a modificación da lei de minaría, a lei de cámaras de comercio, a de formación e cualificación permanente, a lei de montes veciñais, a nova lei de agricultura, a lei de administración local ou un dos formulados como proxectos estrela: a reforma electoral para reducir escanos na Cámara galega, que o propio Feijóo aparcou tras defendela durante uns tres anos. Nada se soubo, tampouco, da lei do Panteón de Galicia, que impulsaban diversas entidades culturais e que o Goberno dixo asumir, nin da lei de publicidade institucional, prometida polo presidente de xeito explícito pero que, como nas dúas lexislaturas anteriores, chega ao fin do mandato sen ser aprobada.
O Goberno viuse obrigado a retirar a lei de acuicultura, recuou na reforma electoral e non impulsou a prometida lei de publicidade institucional
Naquel calendario lexislativo anunciado en decembro tamén figuraban dúas normas dedicadas ao eido marítimo e que non chegaron a ver a luz. Unha delas era a reformulación da lei de confrarías de pescadores. Pero antes a Xunta abordou outro dos seus proxectos para o sector, a moi polémica lei de acuicultura, que si chegou a comezar a súa tramitación entre forte rexeitamento da oposición, pero tamén dos profesionais marítimos e de parte do propio PP. A presión foi tal que a Consellería do Mar deu en retirar de vez o seu proxecto o pasado febreiro, a catro días dunha multitudinaria manifestación do sector..
Entre as leis non previstas ao inicio figuran as do paquete "de impulso democrático" ou a motivada polo pau xudicial ás prórrogas das liñas de autobús
Xunto aos proxectos previstos e aprobados e aos anunciados e non concretados figuran tamén no balance da lexislatura que agora remata aquelas leis que non foran anunciadas ou nin sequera figuraban no programa electoral do PP, pero que naceron ao abeiro dos diversos avatares políticos destes anos. É o caso das normas incluídas no denominado paquete "de impulso democrático", lanzado en vésperas das eleccións municipais e en plena vaga de casos de presunta corrupción en España pero tamén en Galicia, con novos procesos aínda en instrución, como o caso Zeta. Daquela iniciativa xurdiron normas como a reforma da lei de transparencia de 2006 ou a nova lei de financiamento dos partidos políticos, na que o presidente prometera incluír a prohibición das doazóns de empresas ás formacións políticas, un obxectivo que bateu coa normativa estatal.
A modificación da lei da área metropolitana de Vigo, a votación urxente da lei de transporte público motivada polo pau xudicial ás prórrogas das liñas de autobuses e a ampliación das prestacións para vítimas de violencia machista, formulada polo BNG, son os tres proxectos lexislativos máis salientables do derradeiro acto plenario do mandato. Os seguintes, contra finais de ano, xa terán que adaptarse á maioría que saia das eleccións.