Xunta e Fomento substitúen a transferencia da AP-9 por unha comisión para supervisar a autoestrada

Cabinas de portaxe da AP-9 en Sigüeiro © Google

Do bloqueo ao conxelador. O pasado outubro o Goberno de Mariano Rajoy, aínda en funcións, comezou a manobrar no Congreso dos Deputados para, baseándose nun cálculo erróneo, bloquear a transferencia da Autoestrada do Atlántico que o Parlamento de Galicia solicitara por unanimidade en marzo. Apenas dous meses e moitas declaracións despois o presidente da Xunta e o novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, veñen de escenificar a renuncia práctica a ese traspaso ou, cando menos, o seu adiamento indefinido. A mudanza de titularidade do Goberno español ao galego pasa a ser substituída por unha comisión que, dende xaneiro, supervisará "conxuntamente" as "decisións" sobre a principal vía de comunicación terrestre do país.

En comparecencia conxunta no Pazo de Raxoi tras o seu primeiro encontro institucional De la Serna e Feijóo escenificaron a viraxe mediante un anuncio que o presidente da Xunta eleva á categoría de "acordo histórico". O ministro, di o xefe do Goberno galego, "é perfectamente consciente" de que "hai unha unanimidade política en Galicia en relación co traspaso". Neste contexto, Feijóo desliga esa reclamación do ámbito do autogoberno para asegurar que a demanda "obedece a uns problemas de xestión" que, con esta nova "comisión bilateral para compartir todas as decisións de xestión", ficarán solucionados.

Feijóo e o novo ministro atribúen a demanda da transferencia, acordada por unanimidade no Parlamento, a "problemas de xestión"

Nun sentido semellante, o novo ministro asegura que "a causa da petición desa transferencia" non é máis que "poder xestionar" a autoestrada "dunha forma distinta". A Xunta "entende que a xestión é mellorable e eu compártoo", di De la Serna, "hai cuestións que podemos mellorar e debemos facelo xuntos" e "dende a lealdade institucional". Deste xeito, esa "comisión bilateral da AP-9" servirá para "compartir aspectos da xestión" e "coordinarnos sobre o que haxa que facer e o que non haxa que facer". As competencias, en calquera caso, seguirán onde están, no Goberno de España.

Entre as primeiras cuestións que abordará esa nova comisión -que se superporá á comisión bilateral Galicia-Estado, xa existente- estará a que semella única decisión con resultado práctico para o futuro inmediato da autoestrada. O Ministerio de Fomento, titular da vía, será quen pague integramente dende 2017 as bonificacións de peaxes de Rande e da Barcala, ás que, lembra Feijóo, a Xunta viña achegando uns 6 millóns de euros cada ano. Ademais, a primeira xuntanza servirá para avaliar o estado das obras de ampliación que actualmente están en marcha.

E a reclamación das competencias, onde queda? "Seguiremos plantexando a transferencia da autoestrada e o Ministerio, no contexto da política nacional, seguirá valorando esa proposta", di Feijóo, quen aplaude que a recorrente demanda "desemboque" nunha "comisión bilateral permanente". 

A imposible chegada do AVE en 2018

Alén da autoestrada a primeira xuntanza de Feijóo e De la Serna serviu tamén para certificar o que xa era unha certeza técnica dende hai tempo: a liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e Madrid non estará rematada en 2018. "Eu quero ser realista e trasladarlles o que realmente hai", di o ministro. E "o que hai" son "dificultades de execución" e "problemas administrativos" en varios dos treitos pendentes, nomeadamente nos 18 quilómetros anteriores á vila ourensá de Taboadela, a partir da que resta aínda outro treito duns 17 quilómetros, ata Ourense, nos que aínda non foi movida unha soa pedra. No caso deste segundo treito ambas Administración xa asumen o artellamento dunha solución provisional.

De la Serna: "Non estou en condicións, sendo realistas e prudentes, de trasladar un prazo concreto"

Fronte ás certezas ofrecidas nas campañas electorais das dúas xerais do pasado ano e mesmo na das galegas do pasado setembro, De la Serna trae consigo un discurso ben distinto. "Non estou en condicións, sendo realistas e prudentes, de trasladar un prazo concreto". Será "no primeiro trimestre" do vindeiro ano cando Fomento, di, poida ofrecer "unha idea máis aproximada". Feijóo, pola súa banda, "agradece o realismo" do ministro, a quen aplaude que asuma "as prioridades" marcadas por Rajoy. Para o titular da Xunta a causa de que o prazo de 2018, incluído no seu programa electoral do 25S, non poida ser cumprido, é consecuencia do "bloqueo institucional" que impediu a formación do novo Goberno de España durante un ano.

Mencións ao traspaso da AP-9 e ao AVE no programa de Feijóo para o 25S

Feijóo e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, no Pazo de Raxoi © Conchi Paz

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.