- O BNG pide á Fiscalía Superior que investigue a "posible malversación" na venda de Novagalicia Banco
A finais de xullo de 2012 Galicia arrecendía a un adianto electoral que o presidente confirmaría ao mes seguinte e a oposición, formada por PSdeG e BNG, presentaba solicitudes de comisión de investigación sobre a fracasada fusión das caixas que batían sistematicamente contra a maioría absoluta do PP. Mentres, fóra de Galicia, os antigos señores das caixas víanse obrigados a comezar a dar explicacións. O primeiro en ter que facelo foi Julio Fernández Gayoso, antigo presidente de Caixanova e Novacaixagalicia, citado na Comisión de Economía do Congreso, onde optou por presumir de xestión e botar balóns fóra.
A rendición de contas, aínda que limitada e controlada, non chegaría a Galicia ata despois daquelas eleccións, cando tras volver gañar PP accedeu a abrir unha investigación á que botou o ferrollo xusto antes do longo ciclo electoral vivido entre 2014 e 2016. Este luns esa comisión retoma o seu traballo, pero só para procurar o peche rápido que reclaman os populares. Paradoxalmente esta mesma semana o Congreso dos Deputados acollerá unha votación que pode derivar nunha investigación máis profunda que a galega xusto cando no Pazo do Hórreo o freo xa sexa definitivo.
Esta semana o pleno do Congreso vota a creación dunha comisión de investigación sobre o rescate financeiro que pode levar as pescudas ata o ano 2000
Mentres no lexislativo galego as pesquisas políticas sobre as caixas estiveron paralizadas -para "arrefriar" o debate, segundo o PP- as novidades sobre a xestión do que noutrora foran Caixa Galicia e Caixanova non deixaron de producirse. Así, dous meses despois desa parálise o banco venezolano Banesco mercaba Novagalicia na poxa organizada polo Estado e na Audiencia Nacional avanzaba o proceso polas compensacións dos ex-directivos (agás a de Caixa Galicia para José Luis Méndez, fóra de escena dende 2010) co impulso das demandas do avogado Pablo Arangüena, da CIG e da Fiscalía Anticorrupción. Mentres no país se sucedían as campañas electorais nos xulgados o procedemento acababa en xuízo e, finalmente, na condena que o pasado xaneiro enviou os ex-directivos ao cárcere.
A correlación de forzas na Cámara Baixa permitirá indagar aspectos como o aval da Xunta á fusión apoiándose nunha auditoría que realmente non era tal
A entrada en prisión dos antigos responsables de Novacaixagalicia e, sobre todo, a citación no caso Bankia en calidade de investigado -antiga imputación- do ex-gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, abriron nos últimos días a posibilidade de que a investigación sobre as caixas galegas teña unha vida extra nas Cortes. Así, o pleno do Congreso acollerá este mércores o debate de ata tres peticións de investigación sobre a xestión e rescate do sistema financeiro.
Dúas destas tres peticións -as formuladas polo PSOE, por unha banda, e polo Grupo Mixto e Esquerda, pola outra- reclaman investigar unicamente a supervisión, rescate e saída a Bolsa de Bankia. Pero unha terceira, presentada polo grupo Unidos Podemos-En Comú-En Marea e mais o mixto, aposta por indagar nas "posibles responsabilidades derivadas da actuación e xestión das entidades financeiras durante a crise financeira". A actual correlación de forzas na Cámara Baixa provocou que o PP, unha vez constatado que non podía evitar a tramitación das iniciativas, se abrise non só a aprobalas senón a estender o seu obxecto para abranguer tamén o período de Goberno do PSOE, que á súa vez coida que cumpriría iniciar as pescudas no ano 2000 e así enfocalas dende o xermolo da burbulla inmobiliaria nos tempos de Aznar.
En Galicia o PP advirte de que non permitirá investigar "cousas novas" e a comisión das caixas, paralizada dende 2013, limitarase a redactar as conclusións
Así, os grupos no Congreso terán que negociar tempos e alcances dunha comisión na que, unha vez aberta, os conservadores non terán capacidade de seu para evitar, por exemplo, que se analice por que a Xunta impulsou a fusión asegurando contar cunha auditoría que a avalaba, cando realmente o documento encargado á consultora KPMG por 1 millón de euros nin era unha auditoría nin puña o selo da viabilidade á operación. Caberá tamén poñer o foco sobre o visto e prace do Banco de España a unha unión que dixo ver inviable aos poucos meses, sobre a falta de supervisión política durante os tempos da expansión incontrolada fóra de Galicia, sobre as preferentes ou a respecto dos créditos que os ex-directivos se concederon a si mesmos en condicións máis vantaxosas que as do mercado.
O que xa é seguro é que ningunha destas indagacións se realizará dende o Parlamento de Galicia. O PP ten claro que na comisión galega non se van investigar "cousas novas" e, como moito, só accederá a que os grupos poidan solicitar algúns documentos adicionais antes de elaboraren unhas conclusións no ton marcado por quen gozan da maioría absoluta.