0 Gardados para despois

A queixa da Valedora polos atascos da AP-9 evidencia a falla de competencia para multar a Audasa

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En xullo de 2014 a Autoestrada do Atlántico foi escenario dunha das súas escenas clásicas de cada verán: fileiras de vehículos atascadas ante as cabinas de portaxe agardando para pagaren por un servizo non recibido nas condicións ofertadas. Pouco despois daquelas quilométricas retencións o Valedor do Pobo, institución naquela altura dirixida en funcións por José Julio Fernández, abriu unha investigación de oficio e dirixiuse a Audasa, concesionaria da AP-9, para pedir explicacións. Acto seguido, o Ministerio de Fomento abriu un expediente que non tivo máis consecuencias. Mentres, a Xunta enviaba "toques de atención" á empresa, que optaba por ignoralos ante a ausencia de competencias do Goberno galego na materia. Tres anos despois, o cadro repítese en pleno debate sobre a transferencia da titularidade da autoestrada.

Hai apenas dúas semanas o tempo acompañaba e moitas persoas elixiron a AP-9 para desprazárense a diversas localidades que articula esta autoestrada. A concesionaria obviou a circunstancia e optou avanzar nas obras de ampliación que está a executar nas proximidades de Santiago e Vigo, nalgúns casos sen avisar a través de paneis luminosos ou sinais provisionais. Esta combinación de factores provocou, por exemplo, que vehículos que se dirixían á saída do Milladoiro polo treito gratuíto do vial á altura da capital galega tivesen que continuar ata Padrón, onde a concesionaria se negou a erguer as barreiras da peaxe. Novamente, a Xunta non puido ir alén das declaracións e a actual Valedora, Milagros Otero, vén de iniciar unha queixa de oficio semellante á do seu antecesor.

Como o seu antecesor hai tres anos a Valedora pide explicacións polos atascos na autoestrada e a Xunta ten que se limitar a agardar por unha resposta de Audasa e Fomento

Tres anos despois daquel proceso a alta comisionada dirixiuse a Audasa para "que informe das incidencias", unha delas "motivada pola deficiente sinalización na saída cara ao Milladoiro" e outra, que derivou en "importantes atascos entre Pontevedra e Vigo". Otero reclama "coñecer os mecanismos de compensación para os usuarios afectados" e "as medidas de prevención" para "evitar os graves atoamentos que nos últimos anos afectan" á AP-9 "de xeito habitual, sobre todo no período estival". "En moitas ocasións -evidencia- as retencións danse porque as cabinas non son capaces de absorber o tráfico" e a autoestrada "non abre as barreiras como unha consecuencia lóxica da súa responsabilidade na imposibilidade de manter un servizo adecuado".

Nese mesmo procedemento, informa a Valedora, vén de se dirixir tamén á Delegación do Goberno de España en Galicia "para que transmita a súa preocupación" ao Ministerio de Fomento e mais á Xefatura de Estradas en Galicia "para que realice achegas sobre este problema no marco das competencias que lle son propias". Todas estas institucións poden elixir responder ou non sen que unha opción ou outra teña maiores consecuencias.

Feijóo cre que "nada mudou" coa negativa de Fomento á transferencia

O presidente resta importancia á negativa do ministro porque o traspaso "se vota no Congreso", aínda que o Goberno de Rajoy xa impediu que se votase a anterior petición

Con este pano de fondo e a Xunta, novamente, sen instrumentos legais na man para actuar contra Audasa, o presidente da Xunta mantén que "nada mudou" polo feito de que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, reiterase tres días despois de que o Parlamento volvese reclamar o traspaso da AP-9 que ese traslado de competencias non se vai producir porque o Goberno de España se opón. "Nós levamos no noso programa a transferencia e nada mudou", mantivo este xoves Alberto Núñez Feijóo, que mantén ademais que "os que din e critican de que a transferencia aínda non se plantexou non a pediron nunca", asegura en referencia ao Goberno de PSdeG e BNG, que si solicitara o traspaso. Ademais, reprocha, o bipartito sumiu o pago "do 50%" das peaxes bonificadas "e eu non o quero pagar".

O presidente resta ademais importancia á "discrepancia" con De la Serna porque "quen acepta as trasnferencias é o Congreso dos Deputados". "Que se debata no Congreso e que se vote" e "se hai máis deputados a favor da transferencia que en contra", esta aprobarase, resalta. No entanto, na primeira versión da lei galega ese debate non chegou a producirse porque o Goberno de España vetou a súa tramitación a través da Secretaría de Estado de Relacións coas Cortes, que á súa vez sustentou a operación nun informe con cálculos económicos erróneos redactado, precisamente, polo Ministerio de Fomento.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.