Rocío de Frutos: "A militancia do PSdeG dixo claramente que non quere máis do mesmo"

Pedro Sánchez, xunto a deputada De Frutos, nun acto en Ourense © PSOE

Rocío de Frutos foi a única deputada galega do grupo parlamentario socialista que o pasado mes de outubro saltou a disciplina e votou non á investidura de Mariano Rajoy. Sancionada polo PSOE, mantívose fiel a Pedro Sánchez, impulsou unha plataforma de apoio en Ourense e anunciou que deixaría o partido se non era o ex-secretario xeral quen vencía nas primarias. Agora, saborea un triunfo que cre que supón "un antes e un despois" na formación e insiste na "unidade", pero advirte a aqueles que a acusaron de "non ser xente de partido" que "demostren agora" que eles si o son. 

Que sentiu ao coñecer os resultados?

Sentín alegría; non direi sorpresa porque xa esperaba a vitoria de Pedro Sánchez, pero alegreime de que todo este proceso rematase con el de secretario xeral. Logo puiden comprobar a ledicia dos militantes, a emoción e a ilusión que se respiraba... Iso é o fundamental.

"A militancia deixou claro que non quere que nos volvamos abster para que goberne o PP máis corrupto da historia" 

Entende que facía falta algo así para intentar arranxar o PSOE?

Facía falta isto, claro que si. Hai un antes e un despois no percorrido do PSOE tras o resultado das primarias. Pedro Sánchez gañou cunha importante maioría que pon de manifesto que partido queren os militantes, que é o importante, máis aló de quen fora elixido. A militancia deixou claro que queren unha alternativa ao PP e que non volva pasar o que pasou nesta lexislatura, que non nos volvamos abster para que goberne o PP máis corrupta da historia. E ese proxecto de Sánchez reúnenos a todos, non teño dúbida ningunha. 

Non parece fácil conseguir a unidade con todas as feridas abertas que hai...

Fácil non sei se será pero a vitoria de Sánchez e o apoio masivo que se lle deu pon de manifesto o que se quere e todos deberiamos unirnos arredor do seu proxecto. O PSOE pode recuperar a súa posición na esquerda e non só os militantes o cren, senón que moitos simpatizantes e votantes así o consideran. Na celebración da vitoria nas primarias, era moita a xente que pasaba, que nos daba ánimos na rúa e que nos aseguraban que este era o PSOE que eles querían. 

"O PSOE está no lugar do que nunca debeu saír, como alternativa de esquerda, coa xente"

Hai quen interpreta a vitoria de Sánchez como un triunfo das bases contra os baróns ou do futuro contra o pasado. Compárteo?

Creo que así é. O que se viviu este domingo foi emoción e ilusión en xente e militantes. Aqueles que teñan que facer unha reflexión, farana con coherencia e cabeza e verán que o PSOE está naquel lugar de onde nunca debeu saír, na posición de alternativa de esquerda, coa xente e coas persoas. Creo que o partido vai recuperar a posición que nunca debeu perder. 

Vostede dixo que se Sánchez perdía, deixaría o partido; cre que hai cargos do PSOE que deberían dar un paso ao lado logo da derrota de Susana Díaz?

Cadaquén que tome as decisións persoais que crea oportunas, pero non creo que o resultado das primarias deba levar a ningún tipo de ruptura ou fractura. O que queira afastarse, que se afaste, e o que queira unirse, que se una, pero prefiro poñer en valor unha clara vitoria e o triunfo dun proxecto claro. As bases e a militancia están moi por riba de todo e o que temos é que aproveitar a ilusión que se ve agora no PSOE, este momento transcendental. Oxalá todos sexan capaces de facer esta lectura, pero se hai quen se ten que botar atrás, será esa persoa a que o decida. O que non se sinta cómodo pode decidir marchar, pero iso non debería afectar a unidade. Ningúen é imprescindible agás as ideas e a ilusión. 

"Non queremos máis do mesmo; os socialistas galegos non perdoaron a abstención a favor de Rajoy"

A vitoria de Sánchez en Galicia foi aínda máis contundente. 

Estou moi contenta pola parte que me toca. A lectura que fago do resultado é que a xente non quere máis do mesmo, que avoga por outro tipo de PSOE. Creo que os socialistas galegos non perdoaron a abstención a favor de Rajoy; estiven en moitos actos e iso notábase. Os militantes galegos exerceron o seu dereito a dicir claramente o que queren e manifestaron rotundamente que non queremos máis do mesmo. A vitoria de Pedro Sánchez foi folgada, importante e diría que rotunda. Díxose claramente o que se desexaba e non creo que iso sexa complicado de entender para ningún ser humano. Se alguén cre que isto debe levar á ruptura ou promove división, para min estará a facer unha análise trabucada. 

"Aqueles que dicían que nós non eramos xente de partido terán que demostrar agora que eles si o son"

Pero houbo declaracións moi duras contra vostede ou cargos socialistas afíns a Pedro Sánchez. Abel Caballero, por exemplo, foi moi duro. 

Eles, que tanto dicían que non eramos xente de partido, terán que demostrar agora que eles si son persoas de partido, e eu creo que o demostrarán. Agora hai un proxecto elixido pola maioría de militantes e, se todos somos xente de partido, é o momento de demostrar esas cualidades para ir todos a unha. Estas primarias supoñen un momento que vai quedar na historia do PSOE e non vou estragar iso con declaracións sobre algunhas declaracións anteriores. 

"Logo de votar 'non' a Rajoy, fun sancionada e defenestrada e seguín traballando arreo no Congreso; imaxino que o resto fará o mesmo"

Pola súa experiencia como deputada no Congreso, cre que será complicado coser o grupo parlamentario socialista?

Falo por min, pero eu, logo de votar non a Rajoy, fun sancionada e defenestrada e seguín traballando arreo, como a que máis. Presentei iniciativas e fixen equipo, así que imaxino que o resto fará o mesmo. Para min, ser deputada é un oficio, un traballo, e entendo que as persoas con responsabilidade actuarán da mesma maneira. Creo, espero e estou segura de que vai ser así. 

"É posible unha moción de censura; non se pode soportar un minuto máis este PP que non goberna pensando nos cidadáns"

Tras a vitoria de Sánchez, ve posible unha moción de censura para desaloxar o PP da Moncloa?

Pedro Sánchez, nas súas intervencións públicas, xa dixo que un dos seus obxectivos era intentar desaloxar a Rajoy do Goberno. Creo que como posibilidade é factible porque foi unha das súas promesas. Non se pode soportar un minuto máis este PP que non goberna pensando nos cidadáns. 

"Pactar con forzas de esquerda é lexítimo e razoable; non o é absterse para que goberne o PP"

Nunha anterior entrevista, apostaba con claridade polos acordos con outras forzas de esquerda. Segue a pensar o mesmo?

O PSOE, agora, vai recuperar posicións e fortalecerse, pero obviamente non creo que lograr acordos con partidos de esquerda sexa nada malo nin prexudicial. Quero un PSOE forte, pero se con toda esa fortaleza non nos chega e hai que pactar, pactaremos. O que é inasumible para un PSOE que se diga socialista é absterse para que goberne o PP, por iso as alterantivas a iso parécenme boas e coherentes. Pactar con forzas progresistas entra dentro do lexítimo e do razoable, o que non o sería é deixar que goberne un partido cuxos proxectos e ideoloxía non teñen nada que ver con nós. Iso non é lóxico nin razoable. A alternativa ao PP é o PSOE, somos nós, pero se debemos selo sós ou con axuda será decisión dos cidadáns. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.