Unha axencia da UE crítica con Fomento, clave no futuro da instrución de Angrois aos catro anos do sinistro

Informe da Axencia Ferroviaria Europea que ratifica que a investigación de Fomento sobre Angrois non foi independente Dominio Público Praza Pública

O 24 de xullo de 2013, hai agora catro anos, un tren Alvia descarrilaba ás portas de Santiago deixando 80 mortos e 144 feridos despois de que o seu maquinista, Francisco José Garzón, se despistase e non frease a tempo sen que houbese activo ningún sistema automático que evitase ou paliase o seu erro humano. Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria, di que nada a obrigaba a facelo mentres que o xuíz instrutor e a Audiencia Provincial da Coruña sospeitan que o seu daquela director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, agora imputado, non analizou como debía o risco que existía dun erro humano nesa curva de Angrois.

A visión da Axencia Ferroviaria Europea servirá como desempate das peritaxes “discrepantes” sobre a responsabilidade de Adif ou do maquinista

Un perito xudicial confirmou esa visión mentres que outro avala a de Adif, polo que o instrutor da causa vén de pedir á Axencia Ferroviaria Europea (ERA, nas súas siglas en inglés) que lle diga se era “normativa e/ou tecnicamente necesaria unha avaliación de risco que tivese en conta a situación de perigo” que existía alí. O desempate desa “discrepancia”, como a cualifica o xuíz, entre os peritos, que o próximo xoves 27 de xullo deberán ratificar verbalmente no xulgado o que xa transmitiron por escrito, correrá por conta dunha axencia comunitaria que se vén amosando crítica coa actuación do Ministerio de Fomento.

A Axencia Ferroviaria Europea interveu por primeira vez no caso Alvia hai un ano, a petición das vítimas e coa intermediación da representante do BNG en Bruxelas, Ana Miranda. Os afectados preguntáranlle se a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, cuxa análise do sinistro influíu na instrución xudicial, actuara de xeito independente cando concluíu que o único responsable fora o maquinista.

As vítimas están convencidas de que dalgún xeito aquel posicionamento da axencia europea está por tras da decisión da Audiencia da Coruña de reabrir a instrución

Tras a pregunta das vítimas, o Goberno español alegou e logrou que a axencia europea non divulgase a súa resposta ata despois das eleccións xerais do 26 de xuño do pasado ano. Fíxoo o 7 de xullo, hai agora un ano, cunha resposta na que dixo que a CIAF non era independente (os seus membros nomeábaos directamente Fomento) cando investigou o accidente de Santiago nin pescudou as “causas fundamentais” do sinistro máis alá do despiste do maquinista. A axencia europea tamén apuntou un deses elementos nos que a investigación de Fomento non entrara: o de “como os riscos foron avaliados” por parte das autoridades españolas.

As vítimas están convencidas de que dalgún xeito aquel posicionamento da axencia europea, que foi coñecido previamente polo Goberno de España para poder realizar as súas alegacións, está por tras da decisión da Audiencia da Coruña, tomada mes e medio antes, de reabrir a instrución e investigar de xeito específico se Adif realizara a análise de riscos que debía en Angrois.

Pero a actuación da axencia europea non quedaría aí. Tras a súa resposta ás vítimas criticando a actuación da CIAF española, esta emitiu un comunicado sen asinar e distribuído polo Ministerio de Fomento defendéndose. Comunicado que foi á súa vez replicado novamente pola entidade comunitaria incidindo aínda máis nas súas críticas, entre elas a de que o accidente se producira nunha liña de AVE, en contra do que viña asegurando Fomento. E en xaneiro deste ano a axencia recibiu novamente ás vítimas e transmitiulles a súa “dispoñibilidade para asistir ante os tribunais se así o solicita o xuíz”.

A Axencia Europea mesmo se enleou coa CIAF española sobre se o accidente ocorrera nunha liña de AVE ou non

A raíz dese ofrecemento, as vítimas preguntaron formalmente á axencia ferroviaria por varias cuestións relacionadas coa investigación que o xulgado está a facer sobre se Adif analizou como debía o risco da curva de Angrois. “Sobre a cuestión de se se debera realizar unha avaliación do risco para a nova liña, podo confirmar plenamente que a lexislación da UE si o require”, díxolles a axencia, desmentindo así a a aseveración de Adif de que non era necesario. Do mesmo xeito, e despois de que Adif argumentase ante o xulgado que no ferrocarril “unha curva nunca é un punto de perigo”, a axencia europea incidiu en que “o risco de descarrilamento durante a marcha e especificamente en curvas foi coñecido polos enxeñeiros ferroviarios desde que se construíron os ferrocarrís por primeira vez”.

As vítimas entregaron estas respostas da axencia europea ao xuíz, que as tivo en conta para realizarlle ao organismo comunitario agora de xeito formal as preguntas coas que desempatar as visións contraditorias que ao respecto teñen os dous peritos xudiciais. Das respostas que dea a Axencia Ferroviaria Europea dependerá en gran medida o futuro da instrución do caso aos catro anos do accidente e da imputación, xunto co maquinista, do director de Seguridade na Circulación de Adif entre 2006 e 2013, Andrés Cortabitarte, como a persoa que para os xuíces era responsable de avaliar eses riscos.

A Comisión Europea tamén vén de encargarlle á Axencia Ferroviaria Europea un informe sobre a aplicación en España da normativa ferroviaria comunitaria

Por outra banda, a comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, que asumiu como propio o informe da axencia comunitaria sobre a falta de independencia da investigación oficial de Fomento sobre Angrois, tamén vén de encargarlle que elabore “un informe sobre a situación da aplicación da normativa da UE sobre seguridade e interoperabilidade ferroviarias en España”. Un documento que, á vista do transmitido ata agora polo organismo, ameaza con estender as críticas comunitarias a España polo accidente de Angrois ao resto da rede ferroviaria estatal.

Informe da Axencia Ferroviaria Europea denominando "tren de alta velocidade" ao Alvia de Angrois fronte á visión da CIAF española negándoo CC-BY-SA Praza Pública
Resposta da Axencia Ferroviaria Europea ás vítimas de Angrois desmentindo a Adif CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.