0 Gardados para despois

O PP evita que Feijóo acuda en agosto ao Parlamento a explicar o veto ao traspaso da AP-9

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha petición habitual de cada verán que finalizou como habitualmente. En Marea, PSdeG e BNG forzaron hai uns días a convocatoria da Deputación Permanente, o órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles, para tentar convocar un pleno extraordinario. A súa intención era que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudise para explicar que xestións políticas ten pensado facer despois de que o Goberno de España vetase, por segunda vez en menos de medio ano, a lei enviada ao Congreso co apoio unánime da Cámara galega para reclamar a transferencia a Galicia das competencias sobre a autoestrada AP-9. Os votos do PP, como era de agardar, evitaron que esa comparecencia chegue a producirse porque, entre outras cousas, cren que "non hai novidades" que a fagan necesaria.

A xuízo do voceiro de En Marea, Luís Villares, o feito de que o informe no que o gabinete de Mariano Rajoy sustenta o veto estea inzado de "falsidades" xa debera ser motivo dabondo para que Feijóo rendese contas ante o Parlamento anunciando que vai actuar ao respecto. A negativa, lamenta, demostra "a falta de poder político, a mansedume" coa que o presidente "se comporta" ante a dirección central do seu partido, unha opinión que tamén comparte o voceiro do PSdeG. Para Xoaquín Fernández Leiceaga a "submisión" de Feijóo debilita a posición negociadora de Galicia e fortalece a do Goberno español, que "non nos está tomando en serio"

En Marea, PSdeG e BNG reclamaban que o presidente explicase se prevé realizar algunha xestión ante o segundo veto do Goberno de Rajoy á lei do traspaso

"O problema -agregou Ana Pontón no nome do BNG- é que temos ao señor Feijóo dicindo 'si, bwana' a todas as decisións que veñen dende o Estado e así nos vai". Así e todo, a líder do Bloque non amosa estrañeza polo bloqueo dos conservadores á comparecencia. Vinte e catro horas despois de que o PP fixese público un vídeo no que "presumía de facer historia" e equiparaba os datos da EPA coa chegada do ser humano á Lúa, a nacionalista ironiza con que o realmente "histórico" sería que, por unha vez, "o PP deixase de usar o rodete neste Parlamento e negociase algo cos grupos da oposición; iso si sería digno dun vídeo".

Reproche á oposición por "facer un debate"

Ningún dos argumentos da oposición callaron no PP, cuxo voceiro, Pedro Puy, ve nas reclamacións de En Marea, PSdeG e BNG un risco de rachar a "unidade" que avalou a lei galega que agora o Goberno de Rajoy veta por segunda vez. Puy non ve "novidade" ningunha na cuestión da autoestrada e tampouco na propia reclamación de comparecencia, "un clásico do verán" que, desdeña, xa se produciu sobre outros asuntos en anos anteriores. O que realmente busca a oposición, reprocha, é "facer un debate". Esa petición, efectivamente, foi formulada dende a esquerda outros anos e o PP denegouna, igual que durante o mandato do Goberno de PSdeG e BNG os conservadores acudiron á Deputación Permanente en períodos inhábiles para forzar, sen éxito, comparecencias de Emilio Pérez Touriño sobre asuntos como as medidas contra a crise, o concurso eólico ou as medidas tomadas pola Xunta fronte a un temporal. 

Os populares tamén evitaron que o conselleiro de Política Social explicase en pleno o adiamento do decreto da Renda de Inclusión Social e os seus problemas de xestión

Así as cousas, cabe agardar que as vindeiras respostas sobre a AP-9, de existiren, cheguen a vindeira semana pero non en pleno, senón durante a visita a Santiago do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Esa viaxe, aínda non confirmada oficialmente pola Xunta, foi revelada polo alcalde de Oroso, o socialista Manuel Mirás. A veciñanza dese municipio viu este venres como, tras meses a esixir que o Ministerio abrise o treito da autoestrada que pasa polo Concello, pechado malia estar finalizado, era aberto a escasas horas da manifestación convocada co apoio de toda a corporación municipal para, precisamente, esixir a apertura.

O rexeitamento do PP tomba o pleno que reclamaban os populares no que atinxe á AP-9 e tamén aos outros dous asuntos que propuña a oposición. Pola banda de En Marea, como lembrou Villares, formulábase a reclamación de que o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, informase sobre os prazos que manexa para aprobar o adiado decreto da Renda de Inclusión Social, que acumula tres anos de atraso mentres a Risga suma problemas de xestión. O Bloque, pola súa banda, pedía que o presidente falase tamén en pleno sobre os problemas na aplicación do novo plan de autobuses, pero a proposta tamén decae polo "non" do PP.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.