O Pazo de Meirás: a punta do iceberg do macroespolio do que se lucra a familia Franco

Casa Cornide, na Coruña, propiedade da familia Franco Dominio Público Zarateman

O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona dende hai meses as visitas ao Pazo de Meirás e a confirmación por parte da entidade de que empregará esta "excelente oportunidade" para facer apoloxía da ditadura e da "grandeza" do dirixente fascista devolveron o inmoble e a súa historia á actualidade. A institución franquista non só se gaba do legado do militar golpista, senón que debuxa un relato que fala da construción como unha "xenerosa doazón" do pobo galego, obviando as numerosas investigacións que acreditan as presións, os descontos nas nóminas de funcionarios públicos, as ameazas ou as patrullas supervisadas pola Falange que acudían ás casas a solicitar aquelas supostas "subscricións voluntarias" en plena represión. O espolio non se limitou aos cartos da poboación. Terreos, casas, importante patrimonio artístico ou edificios históricos foron usurpados á cidadanía da época por parte da familia Franco, que se lucrou e segue a lucrarse de todas esas propiedades grazas a unha elite burguesa clave para aquel "macroespolio". 

O espolio dos Franco non se limitou ao Pazo de Meirás; terreos, casas e numeroso patrimonio artístico foille usurpado á poboación

Todos estes espolios, os métodos para levalos a cabo e a conivencia de boa parte da alta sociedade da Coruña e arredores son explicados por Carlos Babío e o historiador Manuel Pérez Lourenzo nunha investigación que verá a luz nun libro a finais deste ano. O caso máis evidente dese "macroespolio" son os arrredor de 80.000 metros cadrados nos que os Franco ampliaron as súas propiedades fóra dos muros do Pazo e na propia parroquia de Meirás. Moreas de terreos e leiras que seguen agromando. "Hai pouco descubrín un do que non había constancia e que tamén foi inscrito ao nome do ditador", explica Babío. Noutras zonas do Concello da Sada tamén se fixeron con múltiples propiedades. Ou no de Oleiros, outro municipio da área coruñesa onde a familia do militar golpista estendeu as súas propiedades. 

Todo iso fóra dos muros que arrodeaban o Pazo, pero tamén dentro. De feito, Carlos Babío empezou as pescudas ao descubrir que unha das casas que quedaba dentro da agora propiedade privada dos Franco lle fora substraída á súa avoa. A súa familia foi unha de tantas labregas obrigada a ceder as súas propiedades para ampliar o agasallo ao ditador en plena guerra civil e brutal represión. E así ducias delas. 

As administracións gastaban importantes cantidades de cartos públicos en obras para o Pazo: aínda en 1975, 3,5 millóns de pesetas

Ao tempo, en plena posguerra, as administracións públicas do réxime franquista gastaban cartos a esgalla en obras nas xa propiedades do xeneral fascista coa inestimable axuda de diferentes concellos. Hai moitos exemplos, algúns ben ilustrativos. Un dos terreos espoliados aos veciños anexo ao Pazo servía de cuartel para as tropas, onde había un importante problema para a evacuación das augas fecais. En 1951 constrúese unha fosa séptica bacteriana e o ditador descobre que os restos eran un importante fertilizante para o millo plantado nas leiras colindantes. Un investimento público de 50.000 pesetas fixo o resto e construíuse unha rede de saneamento entre o cuartel e o Pazo para abonar os xardíns. En 1974, segundo a investigación, investíronse no agora Ben de Interese Cultural (BIC) 2,8 millóns de pesetas. En 1975, 3,5 millóns.

O gasto e o afán lucrativo dos Franco non tiñan límite. O seu patrimonio aumentaba aos poucos. O método para facerse con máis e máis terreos era sempre o mesmo. A familia negociaba cos veciños a través da denominada Casa Civil, organismo creado en 1938, dependente directamente do xeneral fascista e que xestionaba todas as actividades que se derivasen da súa función como xefe de Estado. Acordaba un prezo -ou impoñía- para pasar logo os terreos a propiedade da familia, pero sempre inscritos a nome do propio ditador. 

O ditador aumentou en 80.000 metros cadrados as súas propiedades fóra do Pazo en Meirás e mercou terreos en Sada e Oleiros

Durante os anos 80 e principios dos 90, morto había anos o ditador e coa democracia xa avanzada, a familia Franco vendeu a maioría dos terreos obtendo elevados beneficios. Terreos mercados a través da Administración que acabaron sendo aproveitados para se lucraren. No seu poder, no entanto, continúan algunhas propiedades que non puideron vender "ao non ser urbanisticamente apetecibles e estar protexidos", como destaca Babío. Co resto gañaron, "moitas veces con recualificacións por medio das que sacaron tamén importantes beneficios". O devandito acuartelamento de tropas, construído con fondos públicos nunha parcela roubada e posta a nome do ditador, "foi clave logo nun pelotazo urbanístico". "Non se lle pode sacar máis rendemento a un roubo", insiste quen considera "imposible" determinar cal foi o valor de todas esas vendas e cantas se levaron a cabo. 

Nos 80, a familia Franco empezou a lucrarse vendendo as propiedades que acumulara durante o franquismo

Mesmo empresas creceron da man do espolio. Pazo de Meirás Productos de la Huerta explotaba fincas expropiadas, producía leite, lúpulo ou madeira. O Ministerio de Agricultura facilitáballe sementes e mesmo as crías dos animais. Os investigadores posúen documentos nos que a Casa Civil de Franco agradecía a organismos públicos as súas achegas, e mesmo algún recibo de 180 pesetas por seis ducias de ovos producidos naqueles terreos. 

En todas estas operacións durante a ditadura, a familia do ditador valíase da axuda das elites franquistas da Coruña e arredores. "Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse a aínda se lucran as elites. É a historia da corrupción política dun réxime, pero vai moitísimo máis aló dese inmoble e dos seus terreos; foi un macroespolio, a gran vergonza do Estado aínda sen resolver", engade o investigador, que aclara que "o Pazo de Meirás serviu como oportunidade de negocio para a burguesía".

"É a historia da corrupción política dun réxime; foi un macroespolio, a gran vergonza do Estado aínda sen resolver"

Tamén para que Franco cumprise cos seus caprichos, como a Casa Cornide, na zona vella da cidade da Coruña. Foi adquirida por Pedro Barrié de la Maza nunha poxa en 1962 á que só asistiran el e o xefe do Movemento e pagando menos de 45.000 pesetas. Logo, acabou en mans do ditador grazas á intervención do conde de Fenosa, un dos persoeiros da época que formaron parte da denominada Junta Pro Pazo –grupo encargado de expropiar o Pazo de Meirás e recadar fondos para as súas obras–, xunto a José María Marchessi, Joaquín Barcia, José Casteleiro Varela ou o alcalde Alfonso Molina.

Os Franco fixéronse coa Casa Cornide na zona vella da Coruña en 1962; moito antes, mandaran construír unha casa en Bastiagueiro

Moito antes, o ditador quixo unha casa fronte ao mar e en zona de praia. "En 1939 chega a Meirás con varias intencións", di Babío. Ademais de vixiar e controlar todo o que se facía na que sería a súa residencia de verán, "fai un percorrido por diferentes praias da costa para escoller unha, ata que se decide pola de Bastiagueiro", areal de Oleiros. "Alí ordena que se lle compre unha propiedade para construír unha casa", engade o que fora concelleiro en Sada. Adquírenlle un terreo e constrúe unha residencia, todo pagado "con fondos públicos". Á morte do ditador, a súa familia vende tamén esta propiedade nunha das mellores zonas do concello de Galicia con maior renda per cápita. Negocio redondo.

 

"Un espolio de moitos espolios"

Pero o propio Pazo de Meirás é, como di Babío, "un espolio de moitos espolios". Dentro da propiedade hai pezas arqueolóxicas de importante valor, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros pazos galegos. Así, por exemplo, o Pazo de Bendaña, en Dodro, foi desmantelado para instalar na residencia de verán dos Franco elementos como gravados, figuras da capela e as propias pedras. Mesmo a biblioteca desapareceu. Ademais, dos pazos de Ximode ou Hermida tamén se retiraron diferentes obxectos que acabaron en Sada e en propiedade dos Franco. 

O Pazo de Bendaña foi desmantelado para instalar gravados, figuras e pedras en Meirás

A maioría de todas estas pezas eran agasallos de diferentes concellos e outras administracións ou adquisicións da muller do ditador, Carmen Polo, coñecida na cidade da Coruña por entrar nas xoierías e acceder a todo canto capricho tiña sen reparo ningún. Entre os regalos para Meirás, fontes de granito dos séculos XVII e XVIII, unha réplica do relevo da praza das Bárbaras na Coruña ou un cruceiro que representaba o Santo dos Croques e que foi usurpado do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. 

A familia do ditador é propietaria de dús figuras do século XII do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago

Do mesmo Pórtico substraéronse tamén dúas figuras do século XII, de entre 1,80 e 1,70 metros. Aínda que non se coñece como chegaron ás mans dos Franco, sábese que en 1947 foron mercadas polo Concello de Santiago ao conde de Ximonde. O goberno local pagou 60.000 pesetas nunha operación na que se estipulaba que, de acabaren as esculturas fóra de Compostela, o vendedor recibiría 400.000 pesetas. Durante un tempo formaron parte da decoración do Pazo de Meirás e, segundo as últimas noticias, atópanse arestora na Casa Cornide. 

A Deputación da Coruña, a través da súa vicepresidenta Goretti Sanmartín, reclamara hai case un ano que as figuras virasen a "dominio público" e lembrou que son propiedade da familia Franco malia que "non existe documento ningún que acredete propiedade, por compra ou cesión". Pero, como tantas outras cousas, os Franco seguen gozando delas. 

 

Consecuencias máis aló de Meirás

As consecuencias da cadea de favores, corruptelas e espolios do público teñen consecuencia en conflitos actuais. A relación entre os terreos da Solana e o Hotel Finisterre na Coruña, que a Autoridade Portuaria da Coruña teima en poñer á venda para financiar o porto exterior ante a mobilización cidadán pola súa reversión a terreos públicos, e aquela época é evidente. 

Armando Casteleiro Varela foi o impulsor da construción do complexo da Solana na que era a antiga praia do Parrote. Recibe a autorización das administracións en 1941 e abre as súas portas pouco máis dun ano despois. O empresario e nadador é irmán de José Casteleiro Varela, membro do colectivo que pulou pola expropiación de terreos e a adquisición do Pazo en Meirás e, ambos os dous, recoñecidos militantes fascistas na represión.

Logo, Casteleiro decidiu construír un hotel e formou unha sociedade na que entrou o empresario Aurelio Ruenes, o arquitecto Santiago Rey Pedreira e a división industrial do Banco Pastor, banco que comandaba Pedro Barrié de la Maza, designado procurador en Cortes por Franco desde 1946, e que acabaría por ser accionaista maioritario da sociedade que xestionaba o hotel e a Solana.

Porta e muro no Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.