As grandes cifras seguen a marcar o roteiro da política turística da Xunta, cuxas liñas estratéxicas ata o ano 2020 foron trazadas dende o sector privado por encomenda do propio Goberno galego, que retirou así este labor das competencias do funcionariado da Administración autonómica. Mentres non cesa a controversia pola venda irregular de pasaxes ás Illas Cíes e o risco de masificación do espazos máis turísticos do Parque Nacional das Illas Atlánticas e concellos como o de Santiago reclaman novas regulamentacións e límites, o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, deu este xoves en gabarse de novo de novos crecementos en clave numérica que, augura, apuntan a que 2017 rematará cun novo "récord histórico" no país.
O Consello da Xunta tivo sobre a mesa súa reunión semanal deste xoves un informe cos datos dunha "sondaxe feita dende Turismo de Galicia para avaliar o nivel de ocupación do verán". Algúns dos datos desa enquisa foron expostos polo propio Feijóo e servíronlle para concluír que "podemos dicir que as expectativas que manexabamos" e "apuntaban a un crecemento de entre un 3% e un 5%, cumpríronse e mesmo superáronse". O presidente anticipa a conclusión a partir de cifras "achegadas polo sector" a respecto do mes de xullo, con ocupacións hoteleiras de "entre o 75% e o 90%", e parte de agosto, con entre o 80% e o 95% das prazas hoteleiras ocupadas.
É destes números dos que Feijóo anticipa a conclusión de que "todo apunta a un novo récord histórico", xa que "nos primeiros sete meses do ano o número de turistas que chegaron a Galicia medrou na contorna do 3,2%" e as estancias hoteleiras avanzaron arredor do 5,6%. Ademais, gábase, "volvemos superar o récord no número de turistas internacionais".
Preto do 100% en Santiago e Vigo e máis dun 80% na Coruña
Poucos meses despois de desbotar a proposta de implantación da taxa turística proposta polo Concello os datos "preliminares" da Xunta sobre o turismo do verán poñen un dos seus principais focos en Santiago. Na capital galega, segundo este informe, "as cifras de ocupación situáronse entre o 85% e o 95%" e ademais a afluencia de peregrinos no Camiño non deixou de se incrementar. Ben ao contrario, Feijóo resalta que "segue crecendo" e só entre xullo e agosto a Oficina do Peregrino selou 105.150 Compostelas, un 6% que nos mesmos meses do ano anterior. O Arcebispado santiagués recibiu o peregrino 200.000 do ano o pasado 25 de agosto, unha semana antes que en 2016.
Poucos meses despois de desdeñar a implantación dunha taxa turística na cidade o presidente admite unha ocupación hoteleira case total en Santiago e máis de 100.000 peregrinos entre xullo e agosto
A contorna do 95% tamén a roldaron, segundo a Xunta e á espera dos datos totais de agosto, os hoteis de Vigo e nalgúns momentos do verán, os de Pontevedra. Mentres, na Coruña a ocupación media "foi do 82% e cun crecente peso do turismo internacional". Todo isto acontece, di Feijóo, nun contexto no que se "incrementa a rendibilidade" do turismo porque "o ingreso por cuarto ocupado medoru un 10,2%, ata chegar aos 42 millóns de euros". A xuízo do presidente "este incremento dos ingresos traduciuse nunha mellora no emprego" porque "os últimos datos oficiais" da Seguridade Social reflicten case un 3% de incremento das afiliacións "no sector turístico".
Neste contexto e apenas corenta e oito horas despois de non ser quen de aclarar se o Goberno retomará o plan para regular a afluencia ás Illas Atlánticas, obrigatorio por lei pero conxelado dende 2011, Feijóo ve "evidente" que "se está cumprindo" a Estratexia de Turismo 2020, isto é, a planificación realizada polo denominado clúster de empresas do sector, que a Xunta asumiu como propia. "Dan resposta, ademais, ao compromiso da Administración autonómica por levar a cabo un modelo de turismo responsable", conclúe a Xunta nun comunicado.ominado clúster de empresas do sector e que a Xunta asumiu como propia.