Os buses compartidos vixiados pola Guardia Civil, principal novidade do curso que comeza este luns

DOCUMENTO | Centros escolares con rutas de autobús ás que poden subir outros usuarios no curso 2017-18 Dominio Público Xunta de Galicia

O curso escolar que comeza este luns ten a súa principal novidade en Galicia fóra das aulas, na posibilidade de que o resto da cidadanía poida empregar unhas 500 rutas de transporte escolar para os seus desprazamentos. Será o 10% do total de rutas escolares existentes en Galicia e concentraranse principalmente en Ourense e Lugo, no que constitúe a primeira fase do novo plan de transporte que a Xunta quere estender ao resto de Galicia en 2019 obrigada pola sentenza que o ano pasado anulou a prórroga xeral das concesións que o Goberno galego decretara en 2010.

O 10% das rutas escolares, unhas 500 principalmente en Ourense e Lugo, poderán ser empregadas polo resto da cidadanía

Tras unha folga que se asemellou a un paro patronal, varias adxudicacións a dedo e recursos pendentes de resolver ante a xustiza, o Goberno galego comezou a implantar a comezos de agosto o seu novo modelo de transporte baseado en contratos zonais. Neses novos contratos, de momento reducidos a 41 zonas e que en 2019 se estenderán ao resto de Galicia, a Xunta integrou tanto o transporte regular como o transporte escolar, que comeza a operar este luns.

Nas arredor de 500 liñas seleccionadas, os escolares teñen as súas prazas reservadas e as que quedan baleiras póñense a disposición de quen queira empregalas, aboando o correspondente importe como se fose unha liña regular. En todas esas liñas compartidas haberá acompañante escolar e, segundo vén salientando o propio Goberno galego, nos primeiros días de funcionamento a Guardia Civil será a encargada de velar polo correcto funcionamento do sistema, xa que o departamento de Transporte da Xunta carece desde hai anos de persoal suficiente.

Nos días e períodos non lectivos, cando non circulen os buses escolares, o transporte dependerá nesas rutas do denominado servizo a demanda, que o interesado terá que solicitar á empresa de transporte

A posibilidade de empregar os buses escolares suporá para algúns lugares do rural un incremento da oferta de transporte, xa que a maioría dos centros educativos atópanse nos núcleos poboacionais nos que tamén están outros servizos públicos ou comercios. Porén, noutros lugares será o mal menor que substituirá a liñas regulares previamente existentes e que desaparecen por deficitarias. Por outra banda, nos días e períodos non lectivos, cando non circulen os buses escolares, o transporte dependerá nesas rutas do denominado transporte a demanda, no que o interesado terá que contactar coa empresa de transporte para informarlle de que quere desprazarse dentro duns horarios e percorridos determinados, de xeito que se non hai demanda eses autobuses non circularán e, se a hai, os concesionarios poderán adaptar o tamaño do vehículo e mesmo subcontratar taxis. Ademais, sen que se vexa afectado o seu percorrido central para os escolares, algunhas liñas estenderanse ao seu comezo e ao seu remate para ampliar a súa cobertura.

O Goberno galego estableceu que sexa cada empresa a que ofreza a información pública dos detalles (horarios, paradas, prezos, etc.) de cada ruta. O que facilitou é un listado dos centros educativos que teñen rutas escolares compartidas. Pero tanto a Xunta como as empresas de autobús asumen que nos primeiros días de funcionamento van ser poucos os usuarios desas rutas compartidas alleos á comunidade educativa polo descoñecemento dos seus percorridos e horarios. Uns e outros confían no boca a boca.

Nas arredor de 500 rutas que agora se van abrir ao resto de usuarios, os alumnos que viaxan son algo máis de 10.000, o 12% do total.

Segundo os datos facilitados pola Xunta, en toda Galicia hai un total de 356.000 alumnos de infantil, primaria e secundaria. Deles só teñen dereito a transporte escolar cando os centros están lonxe das súas casas os alumnos de infantil e primaria, pero en ocasións as súas liñas de bus son aproveitadas tamén por centros de secundaria, bacharelato ou formación profesional existentes nas mesmas zonas, polo que en total uns 88.000 rapaces e rapazas usan a diario un servizo que ten máis de 4.000 rutas en toda Galicia. Nas arredor de 500 rutas que agora se van abrir ao resto de usuarios, que pasan a depender da Consellería de Infraestruturas e non de Educación, os alumnos que viaxan son algo máis de 10.000, o 12% do total. Esas 500 rutas repártense por un total de 121 concellos nos que vive algo máis dun millón de habitantes, o 39% da poboación galega.

 

 

Distintivo dos buses escolares aos que poden subir outros usuarios Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.