A oposición pide facer “política” para obter a AP-9 e Feijóo inhíbese nos letrados do Parlamento

Feijóo, durante a súa intervención este mércores no Parlamento de Galicia Dominio Público @GrupoPopularGal

O presidente celebra o aniversario da súa terceira vitoria electoral criticando o bipartito e a Zapatero

Malia a unanimidade política acadada no Parlamento de Galicia para solicitar a transferencia á Xunta das competencias sobre a autoestrada AP-9, o desbloqueo da situación actual, co veto reiterado do Goberno central a sequera debatelo no Congreso, non terá unha resposta política. Serán os letrados da Cámara e non os deputados ou o Goberno galego os que decidan que pasos dar a continuación, segundo vén de ratificar o presidente da Xunta nunha sesión de control na que Feijóo celebrou o aniversario da súa terceira vitoria electoral con críticas ao goberno bipartito ao que venceu en 2009 e ao Executivo central de Zapatero que cesou en 2011.

Leiceaga pide unha comisión de deputados que negocie en Madrid e un conflito de competencias, e Pontón un recurso ao Constitucional e a reprobación de Rajoy e Pastor

A Feijóo preguntábanlle este mércores polo bloqueo da transferencia da AP-9 tanto o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, como a do BNG, Ana Pontón. Os dous pedíronlle actuacións políticas. Leiceaga reclamou unha comisión de deputados de todos os partidos que tente negociar en Madrid co Goberno central e a presentación dun conflito de competencias por parte da Xunta. Pontón propuxo un recurso ao Tribunal Constitucional presentado por todos os deputados do Parlamento de Galicia e a reprobación do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a do Congreso, Ana Pastor. A resposta de Feijóo aos dous foi a mesma. O próximo paso a dar decidirase en función dun informe encargado aos letrados do Parlamento de Galicia, cuxo máximo responsable presenciaba impávido desde a Mesa da Cámara as referencias que a el se facían. Feijóo non respondeu tampouco á pregunta directa que lle formulou Leiceaga: “E se as vías legais non chegan a nada, está disposto ás vías políticas?”

O presidente, pola contra, aproveitou a súa intervención para lembrar a súa vitoria electoral de “hai un ano e dous días” e cargar contra o bipartito que o precedeu en 2009 e contra o goberno central de Zapatero que rematou a finais de 2011. A Pontón criticoulle Feijóo o rexeitamento do BNG en 2007 dunha proposición non de lei do PP que reclamaba a transferencia da AP-9 e o seu apoio no Congreso ou no Senado ao Goberno central. A Leiceaga, medidas adoptadas polas daquela ministras socialistas Magdalena Álvarez e Elena Salgado.

Feijóo salienta que a Xunta deixará de pagar a metade da liberación de peaxes de Rande e A Barcala pero nada di de por que non o fixo antes

No debate, Feijóo lembrou a aprobación o pasado xullo por parte do Goberno central dun decreto que exime á Xunta do pagamento da súa parte da liberación de peaxes de Rande e A Barcala e salientou que pon fin a unha decisión tomada en 2006 polos socialistas na Xunta e no Goberno central pola que Galicia pagou 60 millóns de euros desde aquela. Nada dixo Feijóo de por que ese cambio non se fixo ata agora nos máis de cinco anos que o PP leva gobernando en Madrid. Un cambio nas condicións da liberación das peaxes de Rande e A Barcala que non foi recollido no informe inexacto co que o Goberno volveu vetar o debate da transferencia, erro que lle lembrou Leiceaga.

Leiceaga, voceiro do PSdeG, dirixíndose a Feijóo © Parlamento de Galicia
A portavoz do BNG, Ana Pontón, na súa intervención no Pleno Dominio Público BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.