O Concello de Santiago leva ante a xustiza a María Carmen Franco y Polo para que devolva as propiedades municipais espoliadas polos seus pais e que ela manexa como herdanza propia. A filla de Francisco Franco e Carmen Polo respondeu co silencio ao requirimento enviado polo goberno da capital galega para que, unha vez demostrado documentalmente que eran parte do patrimonio municipal, manifestase a súa intención de devolver as dúas esculturas do Mestre Mateo que formaron parte ata o século XVIII do Pórtico da Gloria da catedral compostelá. Malia á flexibilidade dos prazos -o ultimato era de quince días-, a herdeira do ditador optou por non responder e o goberno compostelán, por demandala.
A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este venres a interposición dunha demanda ante os xulgados de Madrid -por ser o lugar de residencia de Carmen Franco- na que se remonta á compra das figuras por parte do goberno local da época en 1948 por un total de 60.000 pesetas para que pasasen a foramr parte "do patrimonio artístico desta cidade", transcribe a demanda, á que tivo acceso Praza.gal. O consistorio mercoulle as pezas ao conde de Ximonde, Santiago Puga, nun acordo que implicaba indemnizar con 400.000 pesetas o propietario ou os seus herdeiros se deixaban de ser patrimonio público.
Carmen Polo "insistiu" en quedar coas esculturas nunha visita en 1954 ao Pazo de Raxoi, onde o Concello as colocara
As pezas -que segundo diferentes estudos representan as figuras bíblicas de Abraham e Isaac-, detalla o texto da demanda, foron situadas na escalinata principal da casa do Concello, no Pazo de Raxoi, e alí as atoparon Franco e a súa dona cando, no ano Xacobeo de 1954, visitaron a cidade o 25 de xullo para participar na ofrenda ao Apóstolo e inaugurar o antigo hospital como Parador Hostal dos Reis Católicos. Carmen Polo amosou ante o daquela alcalde compostelán, Enrique Otero, un "interese insistente" nas esculturas, "suxerindo de forma inequívoca que pasasen á súa posesión".
Documentación achada polo Concello de Santiago que acredita a compra das esculturas en 1948
O Concello santiagués solicita ao xulgado que condene os Franco a devolver as esculturas para quedaren expostas no Museo da Catedral
Aínda que non existiu "formalidade ningunha" nin ningún acordo formal ao respecto, detalla o escrito, o certo é que o rexedor -no contexto da súa condición de subordinado do réxime ditatorial, evidencia a demanda- deu en "compracer" a petición dos Franco. As históricas esculturas foron enviadas ao Pazo de Meirás e despois, á casa Cornide da Coruña. Na súa seguinte aparición pública, na Exposición Internacional de Arte Románica celebrada en Santiago en 1961, xa apareceron como "cesións" do ditador e a súa esposa.
Malia ao tempo transcorrido daqueles feitos o actual alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lembra que ao seren bens de dominico público "non se pode alegar prescrición para que a herdeira da familia Franco non os devolva". Dende a presentación formal da demanda Carmen Franco disporá de 20 días para presentar alegacións como paso previo á celebración dunha audiencia previa. A petición do Concello santiagués é que a familia Franco sexa condenada a devolver as pezas e que estas fiquen en exposición permanente no Museo da Catedral de Santiago. Trátase, daquela, de que xa non abandonen o recinto catedralicio no que tiveron a súa orixe e no que se atopan actualmente como parte dunha mostra sobre toda a obra do Mestre Mateo.