Feijóo "supón" que Pontón non culpa a Xunta de "incentivar a violencia machista"

Feijóo, este xoves presidindo o Consello do Goberno galego © Xunta

As sucesivas chamadas do presidente da Xunta a "non politizar" a loita contra a violencia machista nin, en xeral, os "problemas das mulleres" bateron esta semana co duro enfrontamento de Alberto Núñez Feijóo coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en vésperas do Día contra a Violencia de Xénero. Durante a sesión de control do pasado mércores o presidente cuestionou se o BNG -e, máis concretamente, a súa líder están "no bando dos asasinos e maltratadores" ou, pola contra "no das mulleres". O xefe do Executivo tentou este xoves paliar o balbordo político das súas palabras, que motivaron que Pontón pedise amparo á Presidencia do Parlamento, dando en "supoñer" que Pontón non culpa o Goberno galego de "incentivar" a violencia machista, pero reafirmándose no que afirmou.

Preguntado ao respecto na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o presidente resaltou que o que dixo "está recollido nos teletipos" e por iso "me remito ao que nos teletipos se concreta, que é o que dixen de forma literal". El, afirma, "mantén" que "hai dous bandos nada máis: o de todos os galegos que estamos en contra dos asasinos e maltratadores" e mais "o bando dos maltratadores e dos asasinos". "O que eu non podo entender -agregou. é que se lle bote a culpa a outro partido político" da violencia machista. "Supoño que non hai ningún interese por parte do BNG de botarlle a culpa ao PP", igual que "non hai ningún interese do presidente da Xunta" en "dicir nada que moleste" a outros líderes políticos, "incluída a portavoz do BNG".

O presidente da Xunta "reitera o dito", pero agrega que "calquera plantexamento que moleste a calquera deputado ou deputada ten a miña desculpa por anticipado"

Coas críticas de oposición e movementos feministas á campaña da Xunta polo 25 de novembro como pano de fondo, Feijóo apela ao recente pacto contra a violencia de xénero acadado no propio Parlamento para asegurar que el, como o conxunto do PP, está "ao lado do BNG, do PSOE e do conxunto de partidos que conforman as mareas de Podemos na loita contr aa violencia de xénero". "Eu estou no mesmo bando que o resto de partidos" e este é o motivo, mantén que o leva a "supoñer" que "non hai ningún partido, nin sequera polas declaracións da responsable do BNG, que diga que o Goberno está incentivando a violencia machista".

A portavoz nacional do BNG pediu amparo ao presidente do Parlamento polas "intolerábeis" palabras de Feijóo

Deste xeito, o titular da Xunta asegura "non entender" a controversia xerada por "un cartel" e reduce a "interpretacións incorrectas" as críticas dos últimos días cara á Xunta. En calquera caso, e ante a queixa formal de Pontón, Feijóo "reitera o dito", pero engade que "calquera plantexamento que moleste a calquera deputado ou deputada ten a miña desculpa por anticipado".

Para a líder do BNG as palabras de Feijóo "supoñen un atentado contra a miña dignidade e a de todo o grupo parlamentario do BNG", polo que o presidente da Cámara, Miguel Santalices, debera promover a súa "retirada". "A violencia de xénero é un delito, como tal está recollido no código penal, e o deputado Alberto Núñez Feijóo" introduciu no seu retruque "un xuízo de valor e desliza unha dúbida que non é admisíbel, nin tolerábel", resalta o escrito remitido a Miguel Santalices. "Son moitos os antecedentes nos que a Presidencia actúa por propia iniciativa, ordena a retirada destas expresións e chama á orde a deputados e deputadas", lembra a nacionalista, pero no caso de Feijóo, lamenta, non o fai.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.