Barreiros, que creceu sen planificar, tomba no Supremo o gasoduto da Mariña por falta de planificación

Inauguración o 9 de febreiro de 2015 do gasoduto da Mariña © Conchi Paz

A falta de planificación do Concello de Barreiros, gobernado polo PP, fixo que o seu urbanismo fose intervido pola Xunta e que o próximo febreiro o alcalde, cinco concelleiros e a arquitecta municipal teñan que sentar no banco acusados de prevaricación urbanística por autorizar de xeito ilegal 2.966 vivendas nun só ano nunha vila de tan só 3.200 habitantes. Porén, o mesmo Concello de Barreiros vén de lograr agora que o Tribunal Supremo anule a autorización administrativa outorgada en 2013 polo Goberno central a Gas Natural para construír un gasoduto por falta de planificación do mesmo. A empresa recibira o permiso e inaugurou a condución en 2015 malia que non presentou “un compromiso expreso de consumo por parte de consumidores e distribuidores”, como esixe a normativa. Centos de vivendas baleiras ou a medio construír están igualmente sen vender en Barreiros porque non atopan comprador.

O tribunal anula, a petición municipal, o permiso do Goberno a Gas Natural para construír a condución porque non achegou “un compromiso expreso de consumo por parte de consumidores e distribuídores”, como esixe a normativa

O Tribunal Supremo fixo pública este martes a sentenza pola que estima un recurso interposto polo Concello de Barreiros contra a resolución de marzo de 2013 da Dirección General de Política Energética y Minas do Goberno central que autorizou a Gas Natural Transporte a construción do gasoduto da Mariña lucense, que atravesa o termo municipal de Barreiros. O Supremo di que a normativa “require para a aprobación de novos gasodutos, a título excepcional ata a aprobación dunha nova planificación de transporte de gas natural [como era o caso], a achega de compromisos dos potenciais consumidores e distribuidores, o que se incumpriría no suposto de autos”. O tribunal di que a empresa presentou un estudo de viabilidade técnica da obra, pero non ese compromiso de consumos futuros.

O Supremo analiza o Real Decreto-ley 13/2012 que o Goberno incumpriu ao autorizar o gasoduto da Mariña e di que “a norma quixo asegurar que a autorización dos gasodutos [...] se apoie nunha máxima seguridade sobre a súa viabilidade económica, que tratou de garantir coa necesaria achega pola empresa promotora dun compromiso expreso de consumo por parte de consumidores e distribuidores”. O Supremo engade que “tal esixencia non pode ser equiparada a un estudo técnico de viabilidade, tanto por non ser equivalentes ambas garantías como pola propia literalidade do precepto”. A anulación por parte do Supremo do permiso outorgado en 2013 chega case tres anos despois de que o gasoduto xa fose inaugurado por Feijóo o 9 de febreiro de 2015, na precampaña das eleccións municipais daquel ano.

Durante a burbulla da construción levantáronse en Barreiros centos de segundas residencias que nunca chegaron a ser vendidas por falta de compradores

O motivo polo que agora se anula o permiso do gasoduto da Mariña a instancias do Concello de Barreiros contrasta coa situación urbanística que se vén vivindo nesa vila, que carece de plan de urbanismo. Durante a burbulla da construción levantáronse centos de segundas residencias que nunca chegaron a ser vendidas por falta de compradores e cuxos permisos municipais a Fiscalía considera ilegais por outorgarse para leiras sen abastecemento, saneamento, electricidade ou accesos viarios. Hoxe, no municipio de 3.200 habitantes que o seu alcalde, Alfonso Fuente, quería converter no "Sanxenxo do norte", hai 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras. Tamén proliferan esqueletos de formigón que nunca se remataron. Nos últimos anos o Concello iniciou por dúas veces a redacción dun plan de urbanismo, pero teimando novamente en apostar polo aumento do parque de vivendas, con ata 2.000 máis, malia que as existentes están baleiras.

Urbanismo disperso de Barreiros [Xunta de Galicia, Plan de Ordenación do Litoral, CC BY-NC-SA]

Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.