A Xunta, espectadora na inauguración de Rande que permitirá á AP-9 cobrar máis peaxe

O monolito conmemorativo da inauguración de Rande, intres antes de ser descuberto CC-BY-SA Praza Pública

Este sábado Mariano Rajoy iniciou o seu habitual período de descanso de fin de ano en Galicia. O pórtico da parte privada da súa visita foi un evento público, a apertura oficial das obras de ampliación da ponte de Rande, as mesmas que Autopistas del Atlántico (Audasa) acelerou para poder cobrar máis peaxe na AP-9 por elas dende o vindeiro 1 de xaneiro. Fíxoo despois dun ano no que a autoestrada foi noticia pola inminente suba dos prezos das portaxes, pero tamén polos sinistros laborais nas obras agora inauguradas e polos dous vetos do Goberno de España a transferir as competencias sobre a autoestrada á Xunta mediante a obstaculización da lei coa que o Parlamento de Galicia as reclamou por unanimidade.

O evento organizado na contorna da peaxe do Morrazo polo Ministerio de Fomento, titular da infraestrutura, tivo como protagonistas da imaxe do día a Mariano Rajoy e a unha das dirixentes da súa máxima confianza, Ana Pastor, encargada xunto ao presidente do Goberno central de descubrir o monolito conmemorativo da inauguración. A presidenta do Congreso exerceu así o rol que lle correspondería se seguise a ser ministra de Fomento e deixou nun segundo plano o actual responsable do Ministerio, Íñigo de la Serna, sen quenda de palabra. Secundario foi tamén o papel do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen non obstante si tivo quenda para pronunciar un discurso no que a reivindicación da transferencia estivo ausente.

A imaxe do día tivo como protagonistas a Rajoy e mais a Ana Pastor

Rajoy aproveitou a súa intervención para erixir a obra en símbolo das pontes que "unen e non separan". É o que fai a de Rande, dixo, como hai vinte e cinco anos o Tratado de Maastrich -que deu lugar á actual Unión Europea- ou a "ponte de entendemento" da Transición política, afirmou. O xefe do Goberno central ve nesta inauguración a enésima mostra de que o seu Executivo "está con Galicia" e aproveitouna para reiterar que o seguirá a demostrar co remate de ampliacións pendentes na propia AP-9 como o enlace orbital de Santiago ou o "compromiso" coa chegada do AVE, para a que seguiu a manter 2019 como data de referencia malia ser xa materialmente imposible que entre en servizo nese ano. 

Rajoy e Pastor descobren o monolito da ampliación da AP-9 en Vigo ante Feijóo, De la Serna e Caballero CC-BY-SA Xunta

Unha versión abreviada do balance marcadamente económico de 2017 que pronunciara vinte e catro horas antes na Moncloa -"sorte para o ano que vén, falta nos fai", concluíu- completou o discurso dun Rajoy que tivo a Feijóo como único acompañante na tribuna de oradores do día. A falta de transferencia real ou prometida, o presidente galego centrou os seus eloxios na comisión acordada con Fomento para supervisar conxuntamente a AP-9.

O BNG mobilizouse na contorna do acto contra as peaxes da AP-9 e a prol da transferencia CC-BY-NC-SA BNG

Feijóo evitou a transferencia da AP-9 no seu discurso, no que reivindicou a comisión de supervisión da autoestrada e lanzou reproches a Zapatero e Blanco

Dende ese foro, cuxa creación atribúe a unha decisión de Rajoy aplicada por Pastor e De la Serna, ambos gobernos supervisaron tamén as obras de Rande, onde as molestias para a veciñanza "comezan a converterse en pasado" por unha obra "decidida e acordada polo presidente Zapatero co ministro Blanco no ministerio de Fomento", lembrou non en clave de recoñecemento senón de crítica polo "xeito en que o anterior Goberno decidiu financiar" a ampliación "co incremento da peaxe". Nas conversas previas ao acto a ausencia do non convidado Blanco foi, precisamente, un dos asuntos máis comentados.

Os concellos do Morrazo non acudiron ao acto para lembraren que quedan 11 millóns en obras sen facer e cuestionaren as peaxes e a seguridade 

Esa suba de prezos ligada á ampliación é a que Audasa xa poderá comezar a aplicar tras uns meses nos que o propio Feijóo admite que o "ritmo" das obras foi "aceleradísimo". Foi neste período final no que se concentraron os accidentes laborais, entre eles o do "tristemente falecido" Nicolás González, o operario que perdeu a vida mentres traballaba na ponte o pasado xullo e a quen Feijóo dedicou unha "lembranza especial". El foi un dos traballadores que, como lembraron ambos presidentes, realizaron por primeira vez no mundo labores de ampliación dunha ponte atirantada "desta envergadura" sen pechalo ao tráfico.

Unha protesta do BNG na contorna do acto oficial lembrou durante o evento que en poucos días a "estafa" da peaxes vai ser incrementada. Mentres, os concellos da zona tampouco secundaron a festa. O alcalde vigués, Abel Caballero, presente no evento, aproveitou para lembrar o que considera "maltrato turístico" da Xunta á cidade. Os gobernos locais do Morrazo, que declinaron o convite, lembran pola súa banda que quedan traballos sen rematar por importe de 11 millóns de euros e que ademais, cren, a falta de seguridade das obras vai continuar na ponte anovada. "Galicia está en marcha, medra e o seu impulso é de España. As súas infraestruturas son un claro exemplo", proclamou Rajoy.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.