Feijóo pide máis intervención do Estado nas autonomías tras unha década sen novas competencias para a Xunta

Feijóo, nunha intervención ante os medios en San Caetano © Xunta

Co comezo do ano o PPdeG puxo en marcha a súa estratexia política e de comunicación cara ás eleccións municipais co obxectivo fundamental de tentar erosionar os gobernos da esquerda -moi especialmente os das cidades, onde os populares só gobernan en Ourense- e 'vender' á cidadanía logros da Xunta para tentar captar votos municipais. No entanto, a situación política estatal, inevitablemente condicionada polos acontecementos en Catalunya, provocou o enésimo rexurdimento do ruxerruxe sobre a eventual incorporación de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno de España é a dirección central do PP, debate que o presidente da Xunta contribuíu a alimentar ratificando en varias intervencións en medios de Madrid a súa intención de non optar a un cuarto mandato, os mesmos nos que reiterou a súa aposta por unha maior intervención do Estado nas autonomías. 

Con este pano de fondo o xefe do Goberno galego dedicou o pasado sábado a cerna do seu discurso ante a Xunta Directiva do PPdeG non a cargar contra as mareas municipais, o PSdeG e o BNG ou a arengar os seus cara ao reto de 2019. A intervención estivo centrada en frear o debate sucesorio -o seu e o de Rajoy- e en atacar a Ciudadanos, partido do que se esforzou en salientar o seu carácter residual en Galicia. Ambos argumentos estiveron presentes tamén nas devanditas intervencións mediáticas, nas que o actual xefe dos populares galegos considerou necesario máis peso do Goberno de España en áreas de competencia autonómica.

Feijóo reclama máis control ás autonomías en pleno rexurdimento do debate sobre a súa posible marcha a Madrid e tras reiterar que non volverá optar presidencia da Xunta

O primeiro destes chamamentos lanzouno Feijóo durante o seu discurso nun evento ligado á feira turística Fitur, onde reclamou "un marco regulatorio común sobre as vivendas de uso turístico" xusto despois de que o decreto galego na materia entrase en vigor e, malia ser modificado para atender esixencias estatais e avalado pola Xustiza, fose levado aos tribunais tamén a instancias dunha entidade dependente do Goberno de España. Segundo o presidente, a intervención do Estado cómpre para "evitar disparidades entre comunidades" e "inseguridade xurídica".

Ao día seguinte o presidente concedeu unha entrevista a Televisión Española na que foi cuestionado a respecto da situación política catalá. Un dos problemas que di percibir en Catalunya é o que denomina "retirda da presenza do Estado" en territorio catalán. Alí "o Estado ten os carteiros, a Axencia Tributaria e pare de contar", asegura, sinalando como "problema serio" que a Generalitat, "cando é desleal", conte con competencias sobre a Policía -as mesmas para ás que daría soporte a Lei da Policía de Galicia, incumprida dende hai unha década-. "A presenza do Estado nas comunidades autónomas é importante e o Esatdo non pode dimitir das súas responsabilidades", sinalou, nun contexto no que acordos entre "os partidos que cremos nun proxecto para o noso país" podería "solucionar" a cuestión, dixo.

O xefe do Goberno galego pide intervención estatal en ámbitos centrais das competencias autonómicas, como educación e sanidade

Este mesmo argumentario despregouno este domingo noutra entrevista, a ofrecida polo xornal La Razón. Segundo Feijóo, igual que non é "razoable" que "as Cortes Xerais aproben leis que acaban pagando as comunidades autónomas", "non pode haber comunidades que sosteñan Administracións que sexan réplicas do Estado". Neste sentido, exemplifica, "eu son partidario de que se reforce, por exemplo, a inspección educativa do Estado ou a inspección sanitaria", o que incrementaría a influencia do Estado en dous ámbitos de competencia da Xunta. 

"Non é tanto devolver [competencias] como coordinar mellor", agregou Feijóo, a cuxo xuízo "hai materias que se xestionan con dificultade tal e como están", caso da Xustiza, eido no que "non axuda", ao seu xuízo, "que unha parte sexa do Estado e outra das comunidades" -no caso galego, a Xunta ten competencias en materia de infraestrutura xudicial- mentres "haxa autonomías que non asumiron a competencia". Tampouco é do seu agrado, asegura agora, que no ámbito educativo "cada comunidade fraccione as súas ofertas" de emprego para "nomear profesores que despois non poden moverse dunha autonomía a outra".

Galicia non suma competencias dende 2008

Estas declaracións do presidente da Xunta en clave recentralizadora chegan, ademais de no contexto da que semella ser a súa recta final na política galega, despois de que Galicia acumule unha década sen novas competencias por primeira vez na historia da autonomía. As últimas competencias novas chegaron á Xunta en 2008, na etapa do Executivo de coalición de PSdeG e BNG, e aínda que ao retornar ao poder o PP asegurou que seguiría defendendo os traspasos de competencias pendentes, non chegou ningunha. O vicepresidente galego, Alfonso Rueda, admitiu recentemente que este bloqueo se debeu a que o Goberno de Rajoy considerou que "non se podía" dotar de máis competencias a Galicia. No entanto, no mesmo período outros territorios si recibiron traspasos.

Feijóo e Rajoy, na última toma de posesión do presidente da Xunta, en novembro de 2016 © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.