Para ir ás illas Cíes xa non bastará con mercar un billete a unha das varias navieiras que viaxan alí. Tras a incapacidade da Xunta de controlar que esas empresas non superen o límite de 2.000 visitantes por día que ten ese espazo natural protexido, agora pasa a responsabilidade a cada visitante, que deberá solicitar ao Goberno galego unha autorización previa e personalizada que deberá presentar ao desembarcar nas illas. O Goberno galego di que será similar ao sistema xa existente na praia das Catedrais de Ribadeo.
Medio Ambiente traslada a responsabilidade de non superar o aforo do espazo natural protexido a cada viaxeiro, que “ao desembarcar nas illas deberá presentar no propio peirao a súa autorización personalizada e emitida pola Xunta”
O novo sistema de control de acceso ás illas Cíes vén de ser anunciado este sábado pola Consellería de Medio Ambiente despois da polémica pola masificación do parque ao longo dos últimos veráns e que se saldou cunha sanción ás navieiras responsables de superar o seu aforo por só tres días de viaxes irregulares. Ao tempo, o Goberno galego segue a incentivar o incremento de visitas turísticas a ese e outros espazos protexidos de Galicia con similares problemas de sobrecarga de visitantes e non é quen de aprobar o adiado plan reitor do parque.
Segundo a nota de prensa divulgada por Medio Ambiente, “deberá ser o propio usuario quen solicite permiso para acceder ao arquipélago a través da central de reservas habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), seguindo o modelo instaurado xa na Praia das Catedrais”. “As empresas que se encargan do transporte marítimo ás illas só poderán emitir billetes a aqueles pasaxeiros que dispoñan da preceptiva autorización de acceso para ese día concreto”, di a Xunta, que engade que “unha vez que o visitante dispoña xa da súa autorización, de carácter persoal e intransferible e dotada de códigos de control QR, número de autorización e nome e apelidos, poderá elixir a navieira coa que quere desprazarse ata as Cíes. Ao desembarcar nas illas deberá presentar no propio peirao a súa autorización personalizada e emitida pola Xunta, tendo en conta que este é o único documento válido para poder acceder ao arquipélago”.
O novo sistema estrearase en Semana Santa e "os visitantes poderán reservar ata 25 prazas por solicitude"
Ata o de agora xa había implantado un sistema de códigos de control QR que non impediu que as navieiras vendesen billetes por riba do aforo permitido. Segundo a Xunta, “os visitantes poderán reservar ata 25 prazas por solicitude” e o sistema estrearase en Semana Santa.
Medio Ambiente sinala que este ano “por razóns de conservación, ordenación do uso público e seguridade limitarase o número de frecuencias de desembarco de navieiras, reducindo de xeito importante as frecuencias, sen reducir o número de visitantes totais, que será de 2.000 en liña regular”. A autorización, engade, estará vixente durante os seguintes períodos de 2018: Semana Santa (do 23 de marzo ao 1 de abril), os últimos tres días do mes de abril e os festivos de maio, no período de verán (de xuño a setembro) e as fins de semana e festivos de outubro.