O Sergas ultima unha ampliación do horario de atención a infartos en Lugo tras sete anos de protestas cidadás

Feijóo, na inauguración do HULA en febreiro de 2011, onde prometeu a posta en marcha dos servizos pendentes nese mesmo ano © Xunta

O vindeiro luns, 26 de febreiro, fará exactamente sete anos dende que Alberto Núñez Feijóo inaugurou o Hospital Lucus Augusti, o centro que substituíu na capital lucense a asistencia que prestaba o deteriorado complexo hospitalario Xeral-Calde. Naquel acto solemne o presidente da Xunta formulou unha promesa moi concreta: "Os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano", isto é, de 2011. Aquela promesa aglutinaba os principais servizos pendentes do hospital lucense: radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica. Os dous primeiros chegaron ao HULA en marzo e agosto de 2016 e no caso da hemodinámica, o servizo que atende as persoas que sofren un infarto, está aberto dende comezos de 2014, aínda que só en 'horario de oficina', de 8 a 3 e de luns a venres. Sete anos despois esa restrición está a piques de mudar, aínda que só parcialmente.

Feijóo prometera na inauguración do hospital a apertura do servizo de hemodinámica antes da fin de 2011

Segundo puido saber Praza.gal de fontes sanitarias, no hospital de Lugo está a ultimarse a inminente ampliación do horario da unidade de hemodinámica, aínda que sen chegar polo momento á apertura 24 horas que viñeron reclamando durante os últimos sete anos plataformas veciñais, organizacións sanitarias, partidos políticos da oposición galega e as principais institucións lucenses, Concello e Deputación. As fontes consultadas por este diario indican que esa ampliación, que cadraría practicamente de xeito exacto co sétimo aniversario da inauguración do HULA, traerá consigo que esta unidade preste servizo ata as 22 horas de cada día e despois peche ata a mañá seguinte. Nese período nocturno os pacientes infartados que o precisasen terían que seguir sendo trasladados a outros hospitais -o máis frecuente é que sexan enviados á Coruña-. As mesmas fontes indican que dende o hospital se está a trazar ademais un cronograma que implicaría, nunha seguinte fase sen determinar, implantar a reclamadísima apertura continuada.

O servizo inaugurouse en 2014 con atención en 'horario de oficina' e agora abrirá ata as dez da noite

Esta mudanza chega despois non só de sete anos de mobilizacións practicamente continuas, senón tamén despois de que, durante os mesmos anos, o Goberno galego e o PPdeG defendesen que o modelo de apertura en 'horario de oficina' atendía de xeito adecuado as necesidades da unidade de hemodinámica do HULA á que chegan doentes non só da cidade de Lugo, senón de toda a provincia. Neste sentido, a Consellería de Sanidade condicionou durante os últimos anos calquera cambio no modelo aos resultados tirados do Rexistro Galego de Infarto (Regaliam), unha base de datos dependente do Sergas creada a comezos de 2015, pouco despois de que os datos do INE acreditasen que a mortalidade por infarto na provincia de Lugo duplicaba a media estatal.

Esta mesma semana o PSdeG lucense esixía formalmente a través do Parlamento por décimo cuarta vez coñecer os datos completos do Regaliam baixo a advertencia de que, se Sanidade non atendía desta volta a petición, esixirían os documentos a través dos tribunais. A única información ao respecto feita pública polo Sergas ata o momento, na primavera de 2016, acreditaba que as diferenzas no tempo de atención aos infartos de miocardio en Lugo superaban a hora e vinte a respecto do punto de Galicia no que esta doenza é atendida con máis axilidade, a cidade de Santiago.

Sanidade confirma que a ampliación do horario é inminente e atinxirá tamén á sala de hemodinámica de Ourense

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, confirmou este mércores no Parlamento a devandita ampliación do horario da sala de hemodinámica lucense ata as dez da noite e avanzou ademais que a mesma medida será adoptada en Ourense. Almuiña asegurou ademais, en resposta a unha pregunta do PP, que os datos acumulados no Regaliam tras 25 meses de funcionamento son "moi positivos". Este diario consultara á Consellería de Sanidade sobre os detalles da decisión, así como a respecto da súa intención por divulgar os datos completos do rexistro e o departamento autonómico remitiuse este mércores á intervención parlamentaria do conselleiro.

A inminente ampliación parcial do horario de apertura do servizo de hemodinámica no Lucus Augusti anúnciase poucas semanas despois de que, como informou Praza.gal, a reclamación pública sobre este servizo fose reavivada pola carta aberta dun paciente que tivo que ser trasladado á Coruña ao sufrir un infarto un domingo ás sete da tarde. Neste sentido, a Federación Veciñal e outras entidades da cidade xa avanzaran a súa intención de emprender novas mobilizacións para esixiren a apertura continuada.

Chega ademais nun momento no que as carencias sanitarias de Lugo se presentan, xunto á cuestión das infraestruturas pendentes, como un dos principais lastres electorais para o PP na cidade e na provincia, fixadas na estratexia electoral dos populares como prioritarias, toda vez que levan lonxe do poder municipal dende 1999 e a súa eventual recuperación sería clave para poderen optar ao seu outro gran albo, a Deputación provincial, que non gobernan dende 2007 coa excepción dun poucos meses en 2015.

Manifestación polos servizos no hospital de Lugo, en 2015 CC-BY-SA Que non che rouben o corazón
© Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.