O prometidísimo tren de alta velocidade entre Ourense e Lugo non circulará fóra do papel. O AVE que, procedente de Madrid, ía conducir dende a capital ourensá á cidade da Muralla e dende alí, continuar cara á Coruña figurou en innumerables programas electorais, incluíuse no pirotécnico Plan Galicia co que os gobernos de Aznar e Fraga tentaran paliar as consecuencias políticas do Prestige e foi obxecto de promesas inéditas, como a lanzada por Alberto Núñez Feijóo sobre financialo "con cartos da Xunta" para despois "pasar a factura a Fomento". Esas 'facturas' de Fomento -e da empresa pública Adif- son pagadas a través dos Orzamentos Xerais do Estado, cuxo proxecto para 2018 certifica, mesmo con máis claridade que os anteriores, que ese proxecto de AVE non existe.
As contas entregadas esta semana polo ministro de Facenda ao Congreso para o inicio do seu trámite parlamentario volven ter o AVE a Madrid como principal protagonista dos investimentos previstos en Galicia. Concretamente, a conclusión dos treitos do tren rápido ata Ourense -sen contar a variante da cidade, adiada cando menos ata 2024-. É precisamente a fin das grandes partidas para esa liña a causa principal de que o investimento previsto polo Estado para Galicia retrocedese a niveis de hai quince anos, toda vez que non existen obras novas de magnitude equivalente, como podería ser a construción da infraestrutura de alta velocidade cara a Lugo.
A referencia nos Orzamentos á liña de alta velocidade que Feijóo chegou a prometer construír "con cartos da Xunta" vólvese limitar a "estudos" que aparecen nas contas dende hai anos
Isto non quere dicir, non obstante, que non haxa referencia ningunha a un proxecto que diversos cargos do PP seguiron a presentar como real nos últimos meses. Así, no orzamento do Ministerio de Fomento indícase, baixo o epígrafe Línea de alta velocidad Ourense-Lugo, que "está previsto continuar cos estudos das actuacións que permitirán o traslado dos beneficios da liña de alta velocidade Madrid-Galicia nas conexións con Lugo". Traducido a cifras, no proxecto orzamentario volven figurar partidas para os mesmos estudos ao respecto que o Ministerio vén consignando dende hai anos, se ben desta volta quedan só en 100.000 euros, menos da metade que en 2017, e xa non existe programación plurianual ningunha alén de 2019, imprescindible se a obra fose ser executada.
O único proxecto ferroviario que irá tornando en realidade aos poucos na zona son os traballos de electrificación e mellora dalgúns puntos da liña actual
Con este pano de fondo, cómpre acudir a outro tomo dos Orzamentos Xerais, o de Adif, para atopar o proxecto ferroviario entre Ourense e Lugo que, aínda que sexa aos poucos, si semella ir tornando en realidade. Trátase da electrificación das vías entre Monforte e a capital lucense, cun millón de euros para 2018, e dos traballos de eliminación de pasos a nivel e de construción de variantes no mesmo treito, con 2,7 millóns. En ambos casos existe, ademais, previsión plurianual que vai alén doa no 2021.
Sobre estes proxectos, que xa teñen contratos en marcha, Fomento indica que "as novas electrificacións se realizarán de forma que se lle dea continuidade á electrificación de itinerarios existentes" para "estendela ata Lugo". Agrega ademais, no propio proxecto de 2018, que está "prevista a finalización das obras da variante da Pobra de San Xiao -La Puebla de San Julián, no documento- a finais de 2017 ou primeiros de 2018-, o que supón un anuncio para o pasado sobre unha construción que se estendeu durante máis dunha década.
"Volven castigar a Lugo"
"Deixan a Lugo sen AVE e piden que nos satisfagamos con melloras ferroviarias que nin sequera se levan a cabo"
A ausencia de partidas dabondo para as conexións ferroviarias e as baixas consignacións para outras obras agardadas na provincia suscitou xa reaccións entre as forzas políticas lucenses. "Volven castigar a Lugo", resumiu a Executiva provincial do PSdeG tras analizar unhas contas nas que advirten que "o PP inviste tres veces menos na provincia de Lugo que o PSOE en 2011", últimas contas do gabinete de Zapatero. Queda claro, resaltan os socialistas, que "o PP deixa a Lugo sen AVE" e "pide que nos satisfagamos con melloras ferroviarias que nin sequera se levan a cabo", porque as partidas para variantes e electrificación chegan despois de que o pasado ano "deixasen sen executar 13 millóns do orzamento de 2017". "Eternizan a chegada de infraestruturas vitais, porque recortan as partidas previstas e non executan" as anteriores.
Nun sentido semellante o voceiro de En Marea no Congreso e deputado por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello, coida que as partidas ferroviarias se insiren nun contexto de "mal trato do Goberno de Rajoy con Lugo". "Son uns orzamentos pésimos", un "suma e segue de abandono" que asenta a "discriminación nos investimentos dedicados ao ferrocarril", xa que os traballos de mellora da liña cara a Ourense teñen dotación e escasa e "a antiga FEVE só recibirá 1,3 millóns mentres continuamos a agardar pola súa urxente mellora".
Tamén dende o BNG a súa deputada no Paralmento Olalla Rodil avanzou o seu rexeitamento ás contas por, entre outros motivos, a escaseza de partidas para o tren a Lugo. "Cero euros para renovar liñas", avanzou Rodil nunha primeira valoración que o Bloque prevé ampliar esta semana, nunha avaliación conxunta dos investimentos previstos polo Estado para infraestruturas no interior galego galego.