“Hai dous tipos de comisións de investigación, as que se reúnen cun esforzo para chegar a acordos e as que parece que isto é imposible”. Así presentou a semana pasada o traballo que el mesmo ten por diante Feliu Guillaumes, deputado do PDeCAT, como presidente da comisión de investigación política no Congreso sobre o accidente de Angrois. Na súa intervención inicial na constitución da comisión, medio ano despois da súa aprobación polo Pleno do Congreso, Guillaumes amosou o seu temor a que esta sexa unha comisión das primeiras, polo que apelou a todos os seus integrantes a acadar o maior número de consensos posibles porque iso contribuirá a “salvar vidas” evitando que volva ocorrer outro accidente como o que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos ás portas de Santiago.
Entre os 12 homes e 4 mulleres que forman a comisión de investigación no Congreso hai 4 con formación en enxeñaría ou riscos laborais e 5 en dereito, pero o seu cometido non é analizar responsabildiades técnicas ou penais senón políticas
Xunto con Guillaumes, a comisión, que se deu un mes para que cada grupo achege as súas peticións de comparecentes e documentación a estudar, está formada por outros 15 deputados e deputadas, dos que 11 son homes e 4 mulleres. Catro deles son galegos, e tamén catro deles teñen formación en enxeñería ou riscos laborais, mentres que outros cinco son licenciados en Dereito. Pero non serán as cuestións técnicas nin as penais as que se analicen no Congreso.
As cuestións técnicas xa foron analizadas polo Ministerio de Fomento nun informe que concluíu facendo responsable do sinistro ao maquinista, por non frear a tempo antes da curva de Angrois malia que non había activo ningún sistema que evitase ou paliase o previsible erro humano. Tanto a Xustiza como a Unión Europea concluíron que aquela investigación técnica foi incorrecta. As cuestións penais están a ser dirimidas no xulgado e teñen actualmente o foco pousado sobre quen eran directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, respectivamente, como máximos responsables de habilitar medidas de seguridade na liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro.
Os populares Celso Delgado e Concepción de Santa Ana xa participaran na subcomisión de mellora do sistema ferroviario en xeral creada tras o accidente e rematada en 2015 sen afondar nel
Tras o accidente, cando PSOE e PP rexeitaban crear unha comisión de investigación política polo medo a que salpicase a xestión como ministros de Fomento de José Blanco e Ana Pastor, no cargo respectivamente cando se inaugurou o AVE Ourense-Santiago e cando ocorreu o sinistro, xa se celebrou no Congreso unha subcomisión de análise e mellora do sistema ferroviario en xeral que emitiu as súas conclusións a mediados de 2015. Nela realizáronse todo tipo de recomendacións, e en materia de seguridade estableceuse que a rede española é segura pero que aínda o podería ser máis e sería desexable que o custo das súas melloras se adecúe ao volume de tráfico de cada liña.
Pero aquela subcomisión de estudo, na que participaron dous deputados do PP tamén presentes agora nesta comisión de investigación (o ourensán Celso Delgado e a granadina Concepción de Santa Ana) non afondou na xestación política do AVE Ourense-Santiago nin na xestión posterior do accidente, que é o que agora teñen que abordar estes 16 membros da denominada “Comisión de investigación do accidente ferroviario ocorrido en Santiago”. Nela Guillaumes será o encargado de coordinar e poñer orde nas sesións, pero os votos dos seus integrantes estarán ponderados en función do número total de deputados dos seus respectivos partidos no Pleno do Congreso.
Integrantes da comisión
Feliu-Joan Guillaumes i Ràfols (1962): Presidente da comisión. Deputado do PDeCAT por Barcelona integrado no Grupo Mixto. Funcionario licenciado en Filosofía e Letras. Durante a subcomisión de estudo do sistema ferroviario CiU, antecesora do PDeCAT, representada daquela por Pere Macias, amosárase crítica coa investigación oficial de Fomento.
César Joaquín Ramos Esteban (1975): Vicepresidente primeiro da comisión. Deputado do PSOE por Cáceres. Enxeñeiro técnico industrial cun máster en riscos laborais.
José Alberto Herrero Bono (1978): Vicepresidente segundo da comisión. Deputado do PP por Teruel. Enxeñeiro industrial cun máster en riscos laborais.
Antonio Gómez-Reino Varela (1980): Secretario primeiro da comisión. Deputado de Unidos Podemos-En Marea por A Coruña. Activista social.
María de la Concepción de Santa Ana Fernández (1973): Secretaria segunda da comisión. Deputada do PP por Granada. Enxeñeira de Camiños, Canles e Portos. Foi vogal na subcomisión de análise do sistema ferroviario.
Celso Luis Delgado Arce (1958): Vogal. Deputado do PP por Ourense. Licenciado en Dereito. Foi vogal na subcomisión de análise do sistema ferroviario e presidente da comisión de Fomento. É desde hai anos o deputado do PP galego en Madrid a cargo dos asuntos relacionados co AVE.
Miguel Barrachina Ros (1969): Vogal. Deputado do PP por Castellón. Economista.
Odón Elorza González (1955): Vogal. Deputado do PSOE por Guipúscoa. Licenciado en Dereito. Foi alcalde de Donostia durante dúas décadas e é un dos principais responsables do cambio de postura do PSOE a respecto da necesidade da comisión de investigación.
Pilar Cancela Rodríguez (1967): Vogal. Deputada do PSOE pola Coruña. Licenciada en Dereito cun título superior en riscos laborais. Foi secretaria de Organización e presidenta da xestora do PSdeG e personificou a rectificación da súa formación ao aceptar a creación da comisión de investigación.
Alexandra Fernández Gómez (1988): Vogal. Deputada de Unidos Podemos-En Marea por Pontevedra. Formación en arquitectura e urbanismo. Foi a encargada no seu grupo de encabezar as reiteradas peticións das vítimas para crear a comisión de investigación, como no pasado fixeran BNG e Esquerda Unida.
Ana Marcello Santos (1984): Vogal. Deputada de Unidos Podemos por León. Traballadora social.
Fernando Navarro Fernández-Rodríguez (1962): Vogal. Deputado de Ciudadanos por Baleares. Licenciado en Dereito.
Miguel Ángel Garaulet Rodríguez (1968): Vogal. Deputado de Ciudadanos por Murcia. Economista.
Gabriel Rufián Romero (1982): Vogal. Deputado de Esquerra Republicana por Barcelona. Diplomado en Relacións Laborais.
Íñigo Barandiaran Benito (1959): Vogal. Deputado do PNV por Guipúscoa. Licenciado en Dereito.
Isidro Manuel Martínez Oblanca (1956): Vogal. Deputado de Foro Asturias integrado no Grupo Mixto. Diplomado en Enfermaría.